![]() | ||
Hiroshima (Hideo Sekigawa, 1953) |
A editorial Kalandraka vén de publicar en español o álbum La espera, con texto do escritor Arthur Binard, nacido nos Estados Unidos mais afincado no Xapón, e imaxes do fotógrafo toquiota Tadashi Okakura. Os autores escolleron catorce obxectos entre os máis de vinte mil que se conservan no Museo da Paz de Hiroshima, restos da colosal destrución provocada pola bomba atómica lanzada o 6 de agosto de 1945 sobre esa cidade. Para cada
un deses obxectos Binard creou breves monólogos: son eles quen nos contan onde estaban ou a quen acompañaban naquela data que representará sempre a máis dolorosa iniquidade. Un reloxo que estaba pendurado nunha barbería cuxas agullas se detiveron para sempre ás 8.15 horas, as luvas que protexían as mans dun dos moitos mozos que tiveron que deixar as aulas para derrubar edificios como suposta medida de protección contra os bombardeos, as lentes que levaba sobre o nariz o propietario dunha tenda, o caderno que servía de diario para unha rapaza de quince anos ou o talvez máis punxente de todos, a sombra que deixou nas escaleiras dun banco un corpo volatilizado pola exposición directa á calor e a radiación. Cousas que esperan, aínda, o regreso das persoas que as utilizaban (...)
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 19 de agosto de 2025, terza feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario