mércores, 21 de agosto de 2013

Todos somos

Aproveitei os voos que me achegaron a Locarno -de Coruña a Madrid e de Madrid a Malpensa- para ler con gusto a nova novela de Marcos Calveiro, Todos somos, publicada na colección xuvenil de Xerais, Fóra de xogo. A escusa narrativa, a desaparición dunha rapaza nunha cidade galega, parece encamiñar nalgún momento o relato cara ao xénero policial, mais esas expectativas morren axiña: a intención clara do autor é a de facer un retrato de como a sociedade enfronta unha traxedia desta clase. Non se xoga ao whodunit, mais si se explora a miseria xornalística da explotación obscena da dor allea e os vaivéns -ás veces irracionais e violentos- do noso comportamento colectivo. O maior acerto de Marcos, con todo, é a construción dun personaxe realmente estimulante, a inspectora de policía Lina Souto, prudente e rigorosa mais tamén atormentada por algunhas sombras no seu pasado que se apuntan, mais non se esgotan, neste presente libro. Un personaxe con entidade e atractivo suficiente como para desexar que reapareza en futuras obras do autor.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario