martes, 20 de agosto de 2013

Bullet to the head (Walter Hill, 2012)


Regreso dun dos grandes do cine de acción dos anos 70 e 80, o californiano Walter Hill (1942), guionista de Peckinpah, Huston e Cameron, produtor da saga Alien e director, desde 1975, dun bo feixe de filmes. Perfecto coñecedor da tradición, a súa poética do perdedor (acertada expresión de Marcial Cantero no libro Walter Hill, publicado no momento álxido do cineasta, 1985), a percepción lúdica da existencia que desprenden os seus personaxes, as intensas exploracións realizadas sobre os dous lados da lei e unha magna construción visual, permitíronlle elaborar unha obra onde sobresaen thrillers, westerns, estilizados títulos noir ou buddy movies máis que notables. Driver (1978), The Warriors / Los amos de la noche (1979), The Long Riders / Forajidos de leyenda (1980), 48 Hours / Límite: 48 horas (1983) ou, xa nos 90, a hammetiana Last Man Standing / El último hombre (1996), unha sorte de versión da mítica Cosecha roja, así o acreditan.

Logo de anos traballando en televisión, Hill volve cunha adaptación do cómic francés de Matz e Colin Wilson Du plomb dans la tête, a historia dun veterano asasino profesional (Sylvester Stallone), aliado cun policía de orixe coreana (Sung Kang) para loitar contra a banda criminal que traizoou ao primeiro. O resultado é un filme de trazos oitenteiros -lonxe da debilidade/descaro das producións Cannon, para entendermos-, impregnado de complicidade, humor, unha mostra de cine de (fusión de) xénero(s), entretido e sen pretensións, con coñecemento do legado, sentido do ritmo e a depuración, manexo da elipse, unha narración enérxica que foxe do frenesí, a pirotecnia e a estrita verosimilitude en favor da fisicidade. Un produto agradecido, en exceso inofensivo e puntuado por tópicos crepusculares, que asume con honestidade o seu (moi) modesto alcance –operación á que se presta o mesmo Stallone, nun curioso equilibrio, entre subversivo e reverente, co seu mito, sen pasarse nin parecernos, como tantas veces, un pésimo intérprete-, ao tempo que resulta, dada esta sucesión de características, unha presenza bizarra nas carteleiras, un filme de acción abertamente construído desde outra perspectiva e época, como un dispositivo sobrio e preposmoderno. E precisamente por iso, unha rareza digna de lembranza. Nota: 6/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario