venres, 30 de agosto de 2013

Promised Land (Gus van Sant, 2013)

Tópico repetido ata o sopor, Gus Van Sant (Louisville, 1952) é un director de dobre traxectoria, un camiño trazado primeiro, preludio, a partires do culto underground de Mala noche (1985) e os abruptos (e intelixentes) golpes de irreverencia indie de Drugstore Cowboy (1989) ou My Own Private Idaho / Mi Idaho privado (1991). Logo dalgún trastazo, o autor explorador parece retraerse e desaparecer ofuscado polos poderes de Hollywood. Pero pronto xorden desavinzas no interior das súas narracións, indicios que confirman que o mellor está por vir. Retrospectivamente aparece esa escisión, que organizaría a súa obra nunha vertente máis íntima, independente e audaz, experimental nas formas, o bloque de títulos constituído por Gerry (2002), a Palma de Ouro en Cannes Elephant (2003), Last Days (2005), Paranoid Park (2007) ou Restless (2011); e unha veta, a outra, conectada coa industria, onde florecen títulos como Good Will Hunting / El indomable Will Hunting (1997), Finding Forrester / Descubriendo a Forrester (2000) ou o propio biopic Milk / Mi nombre es Harvey Milk (2008). A película que ocupa estas liñas pertence a esta segunda categoría, malia que os filmes de Van Sant presentan case sempre –e o remake de Psicosis (1995) como posible punto de inflexión é clarificador nese sentido- fisuras, revelacións, matices, renovados elementos de interese e non un estrito acomodo ou submisión ao máis escorado territorio mainstream.

Adscrita a certa tradición do cine liberal e o thriller político sobre todo popularizado na década dos 70, Promised Land / Tierra Prometida propón un enfrontamento, situados hoxe todos en plena guerra do capitalismo coa sociedade, entre unha empresa ou corporación enriquecida con vileza e os habitantes dun pobo, tomando como punto de partida a instalación do gas natural. Filme con xenuíno discurso ecoloxista, Matt Damon encarna a un executivo de éxito que viaxa ao lugar para convencer aos habitantes das virtudes do produto ao tempo que vive un progresivo proceso de conciencia. Fronte a el, fica un activista; polo medio persiste a disputa entre a capacidade de convicción de ambos os dous. Todo transcorre de xeito discretamente convincente (por momentos un pode preguntarse se estaríamos falando desta película se non fose polo nome do director) e un guión desigual –autor dos dous vectores narrativos da trama, os actores Matt Damon e John Krasinsky-, con problemas, demasiado simplista, inclusive maniqueo, embazado por un final gris e trampulleiro, contrasta coa fluidez e vigor visual. Porén, Tierra prometida resulta tamén digna e, alén de resucitar ou recoller os valores (tantas veces duais) de utopía ou comunidade, inseríndose en toda unha tradición idealista made in USA, un tratado humanista que parece recorrer as fontes de inspiración dos movementos contestatarios e culturais estadounidenses dos últimos oitenta anos regresando as súas orixes, do programa gobernamental New Deal (máis o cine de Capra) á contracultura dos 60, dos beatniks ás protestas cívicas expansivas, de Seattle a Occupy Wall Street, o cineasta sabe transitar con pericia e sentido compositivo por paisaxes e espazos autóctonos, estilizando ou puntuando a beleza desa terra que nos intres afortunados semella varada no tempo, como un conto de fadas ou relato fantasmal, unha deriva pola América da que, parece, non se pode fuxir. Nota: 5/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario