Canedo non é a única razón que os trae de novo a Galicia. Na Sala Alterarte, espazo expositivo do campus de Ourense, QQ presenta até o 28 de maio a videoinstalación La boca. Rodada en 2009 en Rosario, na Arxentina, a peza repara nun edificio da cidade que tiña unha das súas fachadas cuberta enteiramente por un xigantesco cartaz publicitario dun candidato da dereita á alcaldía. Unha imaxe que literalmente tapa as entradas de luz do bloque nunha cruel metáfora do peor da sociedade e a política-espectáculo que nos rodea. Un dos veciños do edificio, Armando Morales, regaloulles o anaco de lona que cubría unha fiestra da súa vivenda e que se corresponde xustamente coa boca do candidato. Ese é un dos obxectos que forma parte da exposición, que se completa coa proxección da curta durante o horario de apertura da sala.
Seleccionados para participar en setembro na exposición colectiva Antes que todo, resumo das últimas dúas décadas de arte español promovida polo centro Dos de Mayo de Madrid, os QQ preparan agora un novo proxecto, Age of vision, a estrear en Bilbao a finais de 2010, que se ocupa do tempo que dedicamos ao consumo de produtos audiovisuais para xerar con eles unha sorte de cronoloxía alternativa asociada ás ficcións do ser humano. Mediante procedementos informáticos recollerán información dunha completa base de datos cinematográfica para sumar as duracións de todos os filmes creados ao longo da historia e presentarnos a cifra total en aumento permanente como parte dunha instalación que reflexiona sobre a imaxe e o tempo.
Martin Pawley. Publicado o mércores 28 de abril de 2010 en Xornal de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario