Amosando publicacións coa etiqueta Javier Rebollo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Javier Rebollo. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de novembro de 2024

Na alcoba do sultán

Félix Moati en En la alcoba del sultán

Unha figura fascinante do cinema primitivo é a do francés Gabriel Veyre, un mozo de vinte e cinco anos que, após rematar os seus estudos de Farmacia en Lyon, comezou a traballar en 1896 para os irmáns Lumière como operador de cámara. Tivo a encomenda de viaxar polo planeta adiante para obter panoramas de diferentes lugares e así foi que percorreu primeiro México, Cuba, Colombia, Venezuela e Panamá e despois Xapón, China e Indochina, onde fixo un celebrado plano, Le Village de Namo, pioneiro travelling artesanal feito sobre un carro atrás do cal corren as crianzas dunha vila. Á volta do novo século atendeu unha proposta inesperada, a do sultán de Marrocos Abd al-Aziz ben Hassan, que, interesado pola nova arte, o converteu no seu fotógrafo e cineasta oficial. Dese encontro xurdiu un libro, Dans l'intimité du sultan: Au Maroc, e un fogar definitivo para Gabriel, quen, activo até ao final, morreu en Casablanca en 1936.

Nos anos de Veyre ao servizo do monarca reparou Javier Rebollo para crear a súa cuarta longametraxe, a marabillosa En la alcoba del sultán. Nacido en Madrid en 1969, Rebollo é autor dunha das mellores películas españolas deste século, La mujer sin piano (2009), memorábel aventura urbana dunha muller casada –o mellor papel que fixo nunca Carmen Machi– que decide escapar da soidade e a rutina. No seu paseo (con perruca e maleta) por un Madrid nocturno cheo de atrancos atopará un peculiar inmigrante polaco (o checo Jan Budař), unha compañía efémera que é a porta a un mundo tan imposíbel como ilusionante. O seu ton "triste-alegre" reaparecía en El muerto y ser feliz (2012), que lle deu o premio Goya ao mellor actor a José Sacristán pola maxistral encarnación dun asasino a soldo e enfermo terminal que encontraba un camiño de redención nun filme que falaba da dor física e da alma mais tamén "do misterio da morte e o do seu contrario o amor", escribiu na altura o lembrado Xabier P. DoCampo.

E o amor é unha palabra clave. Rebollo non fai "filmes de amor", senón "filmes con amor", con amor e respecto polas imaxes, tamén polas persoas que axudan a crear esas imaxes e polas personaxes que saen na pantalla. Só así pode facerse, encarando dificultades sen fin, unha obra como En la alcoba del sultán. A tres días de comezar a rodaxe en Marrocos, con todo o equipo xa instalado e listo, recibiron unha comunicación das autoridades locais pola cal se cancelaban os permisos de filmación concedidos. Foi necesario reaccionar con urxencia para evitar o colapso. Foi preciso buscar novos escenarios, finalmente en Tunisia, e reescribir o guión para axustarse ao tempo que restaba dispoñíbel logo de asumir as semanas perdidas no tránsito dun lugar ao outro, dunha produción a outra. Houbo que dicir adeus aos luxosos palacios de Fez previstos para acomodarse nas máis austeras construcións do deserto tunisiano, que evocan por igual a Pasolini e A guerra das galaxias. Vendo o resultado final é tentador dicir que gañaron moito co cambio. Ese espazo intemporal achega unha capa máis de fantasía a unha película que é pura ficción, unha celebración da capacidade humana para inventar historias, da narración "que nos salva, como a Sherezade", explica Rebollo en conversa durante a Seminci, que acolleu a estrea mundial. "A novela é a morte; detrás do fin, cando se pasa a páxina, o relato fica pechado. Porén a narración, dá o mesmo unha narración oral galega ou unha árabe, nunca se acaba. Vai modificándose, vai cambiando; segundo quen a conta, cóntase dun xeito ou doutro. Unha narración está viva sempre e esta película contén multitude de narracións e variacións sobre a mesma narración".

Nesas variacións crúzanse os feitos reais e os nacidos da imaxinación, mais aquí a imaxinación non mente, antes polo contrario, reforza a verdade. O retrato de Gabriel Veyre, encarnado por un Félix Moati herdeiro da enerxía cómica dos xenios franceses do absurdo, de Jacques Tati a Pierre Étaix, non deixa de ser rigoroso por voar libremente lonxe do rexistro enciclopédico, por permitirse a fábula e o humor, por ser deliberadamente fragmentario mais, ao mesmo tempo, preguntarse con fondura o que pode haber (e o que non) dentro dun fotograma ou lanzar algunha retranqueira reflexión sobre os usos capitalistas dunha arte que se empeñou en ser industria. A cinefilia de Rebollo non cae na idolatría paralizante; o seu é un amor xeneroso e lúdico, unha mirada cariñosa e crítica máis interesada nas preguntas que nas respostas da que mana o torrente feliz de ideas que é este filme.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 8 de novembro de 2024, sexta feira. O artigo pode lerse en español no sitio web de Roger Koza "Con los ojos abiertos".

venres, 18 de xaneiro de 2013

El muerto y ser feliz (Javier Rebollo, 2012)

Antes de comezar a película proxectáronme o trailer doutra baseada na novela de Kerouac On the Road, e mira por onde a continuación vexo unha película on the road. Aínda que me resista a meter nun saco xenérico superficial de road movie o filme de Rebollo. Si o é, pero é moito máis.

Principiarei por dicir que me parece unha magnífica película na que o que de verdade me interesa é o misterio da morte e o do seu contrario o amor. Saber que a morte vén a nos coutar o camiño polo que todos andamos -tamén os asasinos mercenarios- á procura de esconxurala. E para iso só podemos contar co seu antídoto natural, co único ritual humano que pode afastala do noso horizonte, mesmo que ese arredamento sexa unha fantasía, que é o amor. Ese é o gran tema da película de Javier Rebollo. Esa a razón do seu rexistro lírico. Un lirismo sen floreos innecesarios, pero profundamente poético.

Ser un asasino non te libera de seres humano, fondamente humano. E o director, fondamente humano, ten a grandiosa xenerosidade de nos dar un camiño de redención, non só a Santos, senón a todos os seres humanos: o mellor que a morte ten é facernos desaparecer, o feito de nos ocultar aos ollos dos vivos e podermos gozar comendo un xeado. Nota: 8/10

Xabier P. DoCampo

domingo, 23 de setembro de 2012

Marcel Hanoun (1929-2012)

Cheguei tarde a Marcel Hanoun, como a tantas outras cousas. A primeira noticia que tiven del débese a unha feliz iniciativa do Festival Punto de Vista, “La mano que mira”, que coa coordinación do querido Juan Zapater promoveu a creación de sete curtametraxes feitas cun teléfono móbil. A inspiración do proxecto era unha película de Hanoun de 2007, Inasissable image. Explicábao ben no catálogo Carlos Muguiro:

"Esa obra, de apenas 20 minutos, nos ayudó a superar los mencionados recelos hacia el móvil como herramienta de registro de imágenes y, en justicia, debe figurar aquí como piedra angular (al menos conceptual) del proyecto. Tuvimos oportunidad de verla gracias a la amabilidad del propio director, con el que entramos en contacto en el festival de cine de Marsella de 2007. Obligado a someterse a diálisis de forma regular y metódica, Marcel Hanoun (que hasta ese día, y a lo largo de cincuenta años, había rodado en todos los formatos disponibles) descubrió que la única cámara que podía manejar en la ambulancia, introducir en la sala de diálisis y manipular con una sola mano mientras se sometía a terapia era precisamente la que ya llevaba incorporada su teléfono. No existía en este caso argumento estético más poderoso que el de la imposibilidad de otra opción. Al poner el énfasis no tanto en la ontología de la imagen (de la nueva imagen) sino en su propia existencia (ser o no ser, ése era el dilema), Hanoun desplazaba el debate directamente al terreno de su necesidad. Dicho brevemente, si el director quería filmarse en el trance de la enfermedad, tendría que ser necesariamente con la única cámara capaz de adaptarse a ese nuevo ecosistema. De tal manera que aquellos argumentos sobre la imposibilidad adquirían en su boca la hondura de una verdadera lección sobre la ética de la imagen: también de la imagen captada por el teléfono móvil. Ya en el título, Inaisissable image, Hanoun jugaba con el equívoco de que las imágenes tomadas por el móvil se escapaban de la mano: imagen incapturable, imperceptible, huidiza. La mano las atrapaba y de la mano se escapaban sin darnos cuenta".


Tardaría aínda uns meses en entrar de verdade o seu nome na miña memoria cinéfila. Foi en Madrid, en xaneiro de 2010, naqueles tempos nos que conspirabamos contra a Orde do Cinema que quixo impoñer Ignasi Guardans. Durante un par de días Javier Rebollo ofreceume aloxamento e videoteca, e nela non podía faltar un cineasta que el tiña por referente e por amigo. Volvín á Coruña con varios DVDs de Hanoun, e iso que o meu grao de coñecemento do francés está lixeiramente por riba do cero.



Débolle a Javier o pequeño prodixio que é Une simple histoire. Da filmografia de Marcel Hanoun, tan pública coma ignorada, vin aínda moi pouco. A súa morte pasará probabelmente inadvertida para os medios españois, e non digamos para os galegos. Para Hanoun, porén, Galicia non era un lugar descoñecido. Aquí filmou en 1961 Feria, fermoso retrato dun día de feira nunha pequena vila -Jour de Foire dans un petit village de Galice, aclara un intertítulo-, cun acompañamento musical composto por cancións populares do país escollidas e montadas por Jean-Etienne Marie. Un filme tan apegado á terra que acaba por prestar atención aos pés dos feirantes. E dous anos despois, en 1963, La Rose et la Barrage, con música orixinal de Marie, que documentaba a construción dun encoro -o de Belesar- e presentaba en paralelo imaxes da igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño, para recrearse nos seus capiteis, nos seus arcos e no seu rechamante rosetón.

Martin Pawley

mércores, 25 de novembro de 2009

Festival de Xixón 2009: A alegría está no campo

Se onte puxen Welcome como exemplo da tendencia populista do festival de Xixón, hoxe toca falar de Ahasin Wetei ('Entre dous mundos') como representación de todo o contrario, dunha liña dura, hermética e neste caso non necesariamente pertinente. O cineasta de Sri Lanka Vimukthi Jayasundara proporciónanos hora e media de fermosas imaxes de planificación sofisticada e ás veces un chisco circense, mais custa sentir simpatía por un filme tan enigmático, metafórico e impenetrábel coma este. O estraño percorrido que fai o protagonista, que comeza caendo literalmente á auga desde o ceo, lévanos dun escenario de violencia urbana, quizá un eco do longuísimo conflito civil que rachou o país durante case trinta anos, cara a selva, non menos ameazadora e misteriosa. O real e o mitolóxico confúndense nunha obra difícil de dixerir que enche o oco que sempre hai reservado para o exotismo festivaleiro.

Bastante máis divertida, aínda que non o suficiente, é Le roi de l'évasion ('O rei das fugas'), do francés Alain Guiraudie, que nos traslada á Francia rural dos nosos días. O personaxe principal, Armand Lacourtade, encarnado por un magnífico Ludovic Berthillot, xa deixou atrás os corenta anos e está insatisfeito coa sua vida, o seu traballo e as súas relacións (homo)sexuais. Unha noite coñece unha rapaza, Curly (Hafzia Herzi, actriz de La graine et le mulet), e entre eles se desata unha inesperada paixón amorosa que choca coa oposición de toda a xente ao seu redor. Agradécese o ton deliberadamente transgresor no retrato desinhibido que o filme fai do desexo sexual de calquera clase e a calquera idade, así como a vontade provocadora dun director que afirmou ter feito unha película “anti Sarkozy”, pero aínda recoñecendo as virtudes dun guión máis feitiño que brillante, o conxunto resulta un chisco inane e esquecíbel.


Fóra da sección oficial aparecen as primeiras boas noticias. La mujer sin piano, presentada en setembro no Festival de Donostia e hai unhas semanas en Cineuropa, xustifica por si soa a viaxe a Xixón, experiencia que ademais se ve enriquecida pola presenza do director, Javier Rebollo, que non só é un gran artista senón tamén un gran cinéfilo, cousa esta menos habitual do que lles puidera parecer. O elegante e alucinado vagabundear nocturno por un Madrid cheo de verdade dunha Carmen Machi a medio camiño entre Buster Keaton e Giulietta Massina -díxoo Rebollo- ofrécenos unha continua lección de cinema no uso do son -comparábel ao da portentosa En la ciudad de Sylvia de Guerín-, o traballo fotográfico, a prodixiosa composición de cada plano. La mujer sin piano é tamén a demostración de que se poden facer obras mestras con moitísimos menos cartos dos que Ignasi Guardans cre necesarios para facer unha película.

Martin Pawley. Publicado o mércores 25 de novembro de 2009 en Xornal de Galicia