martes, 30 de maio de 2017

Ciencia e cinema: o medo atómico

A imaxe popular da ciencia e os científicos foi cambiando ao longo do século XX e o cinema, como arte que rexistra moi ben as tendencias do seu tempo, deu boa conta diso. O cambio de século, do XIX ao XX, é o do entusiasmo tecnolóxico e a ledicia ante os avances da ciencia que fará mellor a nosa vida. É o entusiasmo e a curiosidade que reflicten as novelas de Jules Verne (1828-1905) e outros pioneiros da ciencia-ficción. Na primeira década do XX son varias as curtas que parodian os progresos técnicos e inclúen no seu título ese fascinante mundo novo que se abre de Maxwell en adiante: o electromagnetismo. O hotel eléctrico é un exemplo paradigmático dunha non pequena serie de fantasías electromagnéticas fascinadas polo potencial, a miúdo delirante, de calquera cousa que poida ser “eléctrica”. Automatismos sen fin que ás veces tolean e provocan o desastre cómico, como acontece na citada curta de Segundo de Chomón.

A electricidade entrou devagar nas vidas da xente -moitas casas galegas aínda agardarían bastantes décadas por ela- e penetrou na cultura popular. De forma parecida, a mediados de século hai outro adxectivo que se introduce no vocabulario común: “atómico”. E desta volta o entusiasmo é pouco, máis ben todo o contrario, e non sen razón: a humanidade viulle as orellas ao lobo coas bombas de Hiroshima e Nagasaki, a demostración práctica e brutal do poder destrutor da enerxía atómica domesticada polo equipo científico do proxecto Manhattan, unha etapa fascinante da historia da ciencia apenas retratada no cinema.

Non era, no fondo, algo novo, mais fíxose moi evidente de golpe. A Segunda Guerra Mundial, a gran ferida do século, deixounos claro que a ciencia que nos axuda a vivir mellor tamén pode ser empregada para provocar moito dano (pensemos, tamén, nos atroces experimentos de todo tipo nos campos de concentración nazis). E o misterioso e invisíbel poder dos procesos atómicos abriu unha porta colosal á imaxinación, nun tempo que politicamente se volvía a complicar coa división do planeta en dous bloques liderados polos EEUU e a URSS e o comezo desa “Guerra Fría” que tivo ao planeta nun sen-vivir durante varias décadas e con ocasionais escaladas de tensión.

Ese foi un caldo de cultivo idóneo para a ciencia-ficción americana. Dunha banda está o medo ao inimigo que vén do espazo que alimenta unha longa listaxe de invasións extraterrestres, en particular marcianas. Doutra está o pánico ao uso da enerxía atómica, os ensaios nucleares e os efectos da radiación. Igual que noutrora bastaba que algo fose “eléctrico” para que adquirise propiedades inesperadas, os efectos do “atómico” podían ser igualmente imprevisíbeis. Un resultado típico da radiación foi o crecemento desmedido de seres habitualmente pequechos, como as formigas da fabulosa Them! [La humanidad en peligro] (Gordon Douglas, 1954). Un incidente atómico é o que volve “colosal” ao protagonista de The Amazing Colossal Man (Bert I. Gordon, 1957). Mais non sempre é así. N'O incríbel home minguante, dirixido por Jack Arnold en 1957 (e con Richard Matheson como guionista a partir da súa propia novela), acontece todo o contrario. Scott Carey, o personaxe principal, empeza a perder peso e altura de maneira alarmante. Fanlle todo tipo de probas até que os médicos dan coa causa. A progresiva miniaturización do personaxe e como iso cambia a súa visión do mundo dá moito para debater (incluso sobre os roles de xénero), mais o que nos interesa hoxe é a vontade de darlle unha interpretación "científica” (sic) ao fenómeno, mesturando o efecto da radiación e o dos pesticidas (e non faltaba moito para que Rachel Carson lle dera unha sacudida ao asunto co libro Silent Spring, de 1962).

Outra liña interesante é o dos filmes que falan, literalmente, da apocalipse nuclear. O filme fundacional é unha produción independente non demasiado vista, Five de Arch Oboler (1951). Os cinco do título son os superviventes dun holocausto nuclear que conflúen nunha casa illada, que por certo ten especial interese para os afeccionados á arquitectura: era do director e estaba deseñada por Frank Lloyd Wright. Menos superviventes vían na pantalla os espectadores de The World, the Flesh and the Devil de Ranald MacDougall (1959): Mel Ferrer, Inger Stevens e o por diversas razóns admirábel Harry Belafonte. Máis coñecida, e chea de estrelas, é On the Beach [La hora final] (Stanley Kramer, 1959, director de Inherit the wind). Un filme estrañísimo no que logo dunha guerra nuclear a maior parte do planeta quedou arrasado e só queda xente viva en puntos illados do sur. En Australia os personaxes do filme agardan a chegada da nube radioactiva, así que o filme é, en efecto, unha conta atrás. Se algún espectador agarda a que se salven Gregory Peck, Fred Astaire, Ava Gardner ou un noviño Anthony Perkins, que perda toda esperanza. Ese filme acaba con toda a humanidade.

Neste contexto tiña que vir alguén a poñer orde, e por suposto dende o espazo exterior. O título español de The Day the Earth Stood Still (Robert Wise, 1951) foi Ultimatum a la Tierra e facía explícita a mensaxe que o extraterrestre Klaatu viña dar aos terrícolas, empeñados en matarse os uns aos outros e así poñer en perigo a paz no universo.


Na obra mestra de Wise, un filme esencial para estudar a representación da ciencia no cinema, Klaatu expresaba en voz alta un diáfano "vós veredes”: a inestabilidade e os ánimos belicosos no noso planeta eran unha ameaza intolerábel para o conxunto do universo e de seguirmos así non lles quedaría máis remedio que aniquilarnos. E a mensaxe lánzaa, isto é o importante, ante unha audiencia de científicos, intelectuais e líderes relixiosos porque nesa altura do filme a Klaatu xa non lle quedaba gana ningunha de falar con autoridades políticas. Fiábase máis da xente da ciencia... e facía ben.

Martin Pawley

mércores, 17 de maio de 2017

Proxecto NIMBOS: Inausketa (Ander Parody, 2015)



Curtametraxe de Ander Parody para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015 (competición Vanguardias)  / FIC Valdivia 2015 / Cineuropa 2015 / Muestra Aitzol Aramaio Cineclub FAS / Amsterdam Spanish Film Festival 2016.

A CERNA

Hase de amar a cousa hastra que sangre.
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acudulla en sangre.

Tinguéuseche o machado en sangre loura.
Ai cómo, cernador, dói a batalla
cos que ún ama! Que moura é a sombra moura
do machado na galla!

Despida contra o céio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento…

Sobre os cómbaros dondos coma un velro,
sobre as cornas dos boi, sobro camiño,
a fraga berra, coucorexa o melro,
cai arroulando un niño…

Eu vinte contra o sol, nunha hora tola,
abrazado ó teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!

Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
no soño puro de deixar máis bela
unha vida que amamos.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

domingo, 14 de maio de 2017

XVII Encontros de Cinema de Viana do Castelo: o cinema na súa total dimensión

por Miguel Castelo

Unha vez máis a combinación de filmes realizados por estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, nas áreas de animación, ficción e documental, participantes no Festival de Vídeo Escolar, e a celebración de obradoiros audiovisuais coa proxección de filmes de temática escolar pertencentes a outras cinematografías, o foro de opinión e debate baixo o epígrafe da Conferência Internacional, as “masterclass” sobre as cuestións máis actuais que atinxen ao cinema, o Concurso Olhares Frontais, a sesión de cinema no cárcere e a presentación de libros e exposicións diversas constituíu o apretado feixe da oferta cultural e cinematográfica da décimo sétima edición dos Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo que, organizados pola Ao Norte, Associação de Produção e Animação Audiovisual, co apoio da Câmara Municipal, tiveron lugar entre o 2 e o 7 do presente mes de maio nesta cidade do norte portugués.

O Festival de Vídeo Escolar, nas súas dúas modalidades de animación e ficción, axuntou un total de trinta pezas da autoría de estudantes de 1º e 2º de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, sendo máis numerosos nos primeiros as de animación (doce títulos), e as de ficción (dezaoito títulos) no segundo.

A sección Trabalhos da Casa ofreceu, dentro do apartado Histórias na Praça, seis títulos, e no apartado Olhares do Real + YEAD (Desenvolvemento Cultural para Público Xoven Europeo), cinco e catro títulos, respectivamente, filmes todos producidos e realizados no decurso da edición anterior. Ao tempo, levouse a cabo o workshop Escolas Animadas, impartido por Graça Gomes, do Cineclube de Viseu.

Dentro da sección Escola e Cinema ofrecéronse, destinados a alumnos/as de Ensino Secundario e Superior, os filmes My Escape, de Elke Sasse, Behemoth, de Zhao Liang, e I, Daniel Blake, de Ken Loach, título este último proxectado na xornada anterior, no marco do espazo Cinema Dentro, para os reclusos do Establecimento Prisional. E Brothers of the Wind, de Gerardo Olivares e Otmar Penker, e Wadjda, de Haifaa Al-Mansour, foron os títulos que dentro de Escola e Cinema se ofreceron ao alumnado de 2º e 3º ciclo, respectivamente.

Nas tribunas da sexta edición da Conferência Internacional de Cinema, no seus dous apartados, Cinema e Escola e Cinema: Arte, Ciencia e Cultura, que coordina o doutor José Ribeiro, da Universidade Federal de Goiás (Brasil) e do Centro de Estudos das Migrações e das Relações Institucionais (CEMRI)-Universidade Aberta (Portugal) presentáronse 13 e 26 comunicacións, respectivamente, e así mesmo tivo lugar unha mesa redonda sobre Cinema e Educação.

Olhares Frontais
“A programação dos Olhares Frontais dos XVII Encontros de Cinema de Viana procura promover articulações minuciosas centradas na lógica da presença de filmes e a colaboração de investigadores, especialistas, profisionais, alunos e profesores a través de uma privilegiada partilha de conhecimento do meio cinematográfico, particularmente centrado no cinema documental.” (Pedro Sena Nunes, Programador e Coordinador de Olhares Frontais).
Edgar Pèra co seu filme O espectador espantado, André Gil Mata con Como me apaixonei por Eva Ras, Cláudia Varejão con Ama-San, e Luciana Fina con Terceiro Andar, foron nesta ocasión os cineastas convidados deste espazo, dentro do que así mesmo tivo lugar a demostración comercial Cinema e Televisão… porquê digital?, que levou a cabo Carlos Alberto Henriques, e dúas espléndidas “masterclass”, Cinema Império. Propaganda colonial e censura no Estado Novo, impartida pola investigadora Maria do Carmo Piçarra, e Outros fazedores de cinema, a cargo da historiadora brasileira Alice Fátima Martíns, cos adecuados complementos a seguir das proxeccións dos filmes Streets of early sorrow / Caminhos para a angustia, de Manuel Faria de Almeida, e Monangambé, de Sarah Maldoror, e de Zagati, de Edu Felistoque, respectivamente.

Clausura, de Mariana França e Gildo António, alumnos do Centro de Audiovisual de São Bernardo do Campo, de São Paulo (Brasil) é o documental vencedor absoluto dos premios PrimeirOlhar desta edición, á que concorreron 19 títulos. Este galardón concédese ao mellor filme documental realizado por alumnos de escolas de Cine, Audiovisual e Comunicación da área lusófona (Portugal, Galicia e países de fala portuguesa) e está dotado en cada unha das súas modalidades con 1.000 euros. A curtametraxe dobremente gañadora aborda, a través das declaracións de diversos implicados entre os que está a propia realizadora, o tema da bipolaridade, a esquizofrenia e os estados depresivos e a súa influencia na creación artística. Tanto o xurado do premio oficial, integrado por Alice Fátima Martins, da Universidade Federal de Goiás (Brasil), Carlos Alberto Henriques, da empresa Colorize, e Carlos Campos Coelho, da Escola Superior de Tecnologia de Abrantes, como o do xurado de Cineclubes (que conceden conxuntamente a Federación Portuguesa de Cineclubes e a Federación de Cineclubes de Galicia), nesta ocasión formado por Rodrigo Francisco, do Cineclube de Viseu, Javier Rodríguez, do Cineclube Dzine e Fernando López Pérez, do Cineclube Ádega, das localidades pontevedresas de Lalín e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, deron en coincidir na importancia da relación próxima e solidaria establecida polos realizadores cos seus entrevistados.

O Concerto Live Cinema, coa proxección do filme How to become nothing, de Pedro Maia, con música en directo a cargo de The Legendary Tigerman (Pablo Furtado) e manipulación de imaxe polo propio realizador, e a performance audiovisual Nan Collider, de António Rafael e João Martinho Moura, constituíron a parte máis experimental dos Encontros, aos que se lle puxo o punto final co derradeiro filme convidado, Um sonho soberano, de Gonçalo Guerra, un bocadinho máis próximo da reportaxe de televisión que do xénero documental.