Se esta crónica apresurada levase título sería: O enorme peso da tenrura. Unha película faise obra comunicativa basculando entre dous polos: o autor e o receptor. O director e o espectador deben percorrer ambos os seus pasos no camiño para que funcione o código expresivo-comunicativo. Isto é unha obviedade que non sempre se dá, e escríboa aquí porque aí se esconde a chave de comprensión de Like someone in love.
Unha estudante universitaria exerce de prostituta ocasional. Cando é requerida para atender un cliente, resístese porque, ademais de discutir co seu mozo, ese día a súa avoa está de visita en Tokio e quere vela. Mais vese obrigada a acceder. O cliente é un vello escritor que vive só. Polo medio un noivo ciumento, a soedade do vello, os seus segredos e unha veciña rexoubeira... e até aquí podo contar.
Pero hai máis? Si, todo canto está no espectador, na súa intelixencia e na súa sensibilidade (ou iso que agora chaman intelixencia emocional). Un espectador que agarda, anticipa, corrixe, deriva, inventa e, o que é máis importante, constrúe o seu filme. Todo para chegar a un final verdadeiramente sorprendente. Este si que é un final aberto! Unha obra dun director que acredita na intelixencia do espectador, algo non moi frecuente.
Entrementres o cinema pulcro e fermoso de Kiarostami: os seu planos fixos sostidos, as súas longas secuencias primorosamente elaboradas, o seu amor polos reflexos e ese seu xeito de mostrarnos o que sucede dentro e fóra ao mesmo tempo... En fin, un belísimo filme que nos conta unha historia chea de tenrura filmada con non menos delicadeza. Nota: 8/10.
Xabier P. DoCampo
Aínda que xa resulte tópico dicilo, ségueme abraiando a capacidade que ten Abbas Kiarostami para reinventarse e sorprendernos sen deixar de ser el mesmo; capacidade que conserva non xa intacta senón mellorada corenta e dous anos despois de comezar a súa carreira coma cineasta. A radical exemplaridade de SHIRIN, un fascinante obxecto que facía repousar un relato novelesco (en off) no rostro das mulleres que o miraban/escoitaban, deu paso á maxistral -e por moitos incomprendida- grandeza de COPIA CERTIFICADA, sofisticadísimo retrato da relación de parella -o antes, o durante e o despois- disfrazada de comedia burguesa nos luminosos espazos da Toscana. O trailer de LIKE SOMEONE IN LOVE podía inspirar algunhas dúbidas, reforzadas polas noticias que apuntaban a case total incomunicación do director co seu equipo de rodaxe; mais o resultado é de novo excepcional. A súa obra é ao mesmo tempo mutante e absolutamente coherente, dá igual que rode en Irán, en Italia ou en Xapón; hai constantes que se repiten aquí e acolá, ecos que enfían uns filmes con outros, dende os exercicios de representación/simulación (aquí o vello e a moza, finxindo ser avó e neta) até as viaxes en coche (e ninguén filma os coches coma Abbas Kiarostami). E aínda por riba este LIKE SOMEONE IN LOVE resulta ser especialmente fermoso e preciso, dende esa primeira secuencia no bar de noite e o posterior traxecto en taxi coas mensaxes telefónicas de fondo. Non me queda máis remedio que poñerlle un 10/10.
ResponderEliminar