O repertorio de desaparicións neste periodo axústase a un manual de esquelas: morren seis das sete modalidades de axudas, de modo que na última convocatoria permanecería estritamente produción, perdéndose talento, guión, desenvolvemento, interactivos, curtametraxes e amortización; as bolsas de formación; o catálogo profesional da Axencia Audiovisual Galega; os programas de difusión e internacionalización Docs e Curtas; o abandono da formación proporcionada polo programa –premio estatal- Audiovisual nas Aulas; as axudas a festivais nun momento en que varios deles aparecían como referenciais ou crecían; a revista AG (Audiovisual Galego); o portal de visionado gratuíto Flocos ou a eliminación de varios dos plans de Apoio da TVG. Tan contundente (ou elocuente) parte de baixas únese a toda unha serie de necesidades non resoltas, en moitos casos vellas demandas: a creación de axudas ás salas, a asignatura pendente da internacionalización, a interacción entre os diversos sectores e/ou institucións con políticas ou estratexias comúns e o equilibrio entre axudas e investimentos tratando de doblegar incómodas estruturas de dependencia.
Todo este malestar, parece, debera incitar, como en parte ven ocorrendo, unha considerable creación de guerrilla, unha procura da máxima independencia capaz de transitar por un camiño no que moitos chegan a falar xa dunha negación, a do público como depositario do legado cultural, a do público como patrimonio exclusivo da casta que hipoteticamente denega todo auxilio ao tempo que reparte (limitadas) prebendas. Máis aló da obviedade de que podemos argallar unha intelixente demanda de responsabilidades sen caer na demagoxia e de que os cartos públicos son de todos e non dunha hipotética casta ufana, á que podemos considerar, dadas certas e actuais condutas irregulares, mesmo ilexítima, fraudulenta e golpista, a precariedade do sector aparece na travesía. Os métodos de financiación, do mecenazgo á subvención pública, do patrocinio á busca de financiamento colectivo xeran pros e contas, abultados interrogantes. Lanzarse á abordaxe dun buque quen sabe se deserto ou cheo de chinches e alimarias aparece como necesidade no horizonte.
VidaExtra (Ramiro Ledo, 2013) |
José Manuel Sande. Artigo publicado no Novas da Galiza, número 124.
Ningún comentario:
Publicar un comentario