sábado, 9 de marzo de 2013

Los amantes pasajeros (Pedro Almodóvar, 2013)



No artigo que escribiu en Cahiers-España cando a estrea en Cannes de La piel que habito Jaime Pena sintetizou nunha soa frase o último cinema de Almodóvar ao afirmar que o manchego "escribe comedias y filma (melo)dramas". Expuña así con acerto o seu progresivo e imparábel achegamento ao rexistro dramático, ás veces extremadamente escuro e cruel, que non exclúe os episodios disparatados que poñen a proba a resistencia do espectador ante o grotesco (e naquel filme tiñamos o inenarrábel Tigrinho coma exemplo). O moi publicitado regreso do director á comedia pura podería entenderse xusto ao revés: Los amantes pasajeros é unha traxedia, a da España actual, mais o único xeito de poñela en pantalla é a través do humor de trazo groso e tosco. Coma metáfora dun país, de feito, non está nada mal: no avión que perde o tren de aterraxe e fica obrigado a dar voltas até atopar un aeroporto onde facer un descenso de emerxencia os pasaxeiros da clase turista son narcotizados para que non dean a lata mentres os de primeira entreteñen a angustiosa espera con alcohol, drogas e sexo. Entre eles está o personaxe de Cecilia Roth, unha ex-actriz do destape reciclada en dominatrix que presume das súas relacións sexuais coas 600 personalidades máis importantes do país, incluído "o primeiro", ese no que están pensando, das que tería probas videográficas, alusión directa aos estraños episodios reais -nunca mellor dito- protagonizados pola olvidábel vedette Bárbara Rey. E con ela viaxan un asasino a soldo, unha vidente virxe, un banqueiro corrupto e un actor co rostro de Willy Toledo. Como vai ser todo iso unha comedia?

Pois é, aínda que os primeiros minutos, vacilantes e imprecisos, non fagan pensar tal cousa. Só unha vez que se asume a condición louca(za) e naif dos diálogos, que se perdoan algunhas interpretacións pouco afortunadas (Hugo Silva) e se acepta o exceso dese trío de azafatos (Javier Cámara, Raúl Arévalo e Carlos Areces) que se fan donos absolutos da función, o espectador pode empezar a gozar sen sentimento de culpa. Non consigo entender a que vén todo o episodio madrileño con Paz Vega e Blanca Suárez (e Willy Toledo, en xeral) e teño a sensación de que a película acabaría estupendamente coas imaxes do aeroporto baleiro e a aterraxe en off, sen necesidade desas codas finais que intentan pechar algunhas das historias, mais iso non invalida un filme que evidentemente non está á altura das obras mestras do director -Hable con ella ou a xa citada La piel que habito-, mais tampouco non é un desastriño ao estilo La flor de mi secreto. Nota: 5/10.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario