domingo, 10 de marzo de 2013

Xosé Redondo (1930-2013): a escena como leitmotiv

por Miguel Castelo

José Redondo Santos (Pereruela de Sayago, Zamora, 1930 - A Coruña, 2013), máis tarde Xosé Redondo, Pepe e Pepín para os máis amigos, foi un dos iniciadores do teatro coruñés de posguerra. Nos últimos 60, funda e dirixe a Agrupación Teatral Tespis, coa que desenvolve a súa actividade escénica. Así, nos baixos dos locais do Frente de Juventudes, na coruñesa rúa Comandante Fontanes, comezan a coller forma El médico a palos (Molière), La muerte alegre (Evreinov) e Ligazón (Valle Inclán), as súas primeiras montaxes. Atento ás correntes teatrais do momento, sente especial interese pola obra de Slawomir Mrozek, cuxo teatro do absurdo sobre o comportamento humano ante o totalitarismo do poder, acae adecuadamente á realidade política e social imperante, e aborda a montaxe de Tango. Mais, corren tempos de afirmación identitaria e cultural e Xosé Redondo súmase, poñendo en escena A noite vai como un río, á corrente vindicativa do galego como língua de expresión, na que a partir de aquí acomete o seu traballo dramatúrxico. De novo, con Feliz acontecimento, volve sobre a obra do autor polaco, que vai alternando con outras montaxes, O conto dos cinco camiñantes, do dominicano Iván García, e Irmandiños, de Daniel Cortezón. Por cabo, Na alta mar, tamén de Mrozek, constitúe unha nova visita a este autor e, moi probabelmente, a súa derradeira aportación á escena galega. Unha vocación creadora que mesmo en ocasións conseguíu, alén dos escenarios, levar ás aulas -nos colexios Ángel de la Guarda, Liceo La Paz e Franciscanas-, como estimulante materia teórico-práctica extraescolar.

Con Redondo deron os seus primeiros pasos na escena intérpretes que logo non tiveron interese en perseverar como Olga Patiño, Marisol Barreiro e José Luís Caramés, e outros que hoxe continúan no oficio, tal que Raúl Dans, José Antonio Jiménez, Fernando Morán, Santiago Fernández, María Pujalte, Vítor Mosqueira e Santiago Prego.

Se cadra, algún lector benintencionado podería pensar, logo do até aquí lido, que Xosé Redondo era un director escénico que vivía do oficio teatral. Trabucaríase: Xosé Redondo era un profesional do teatro, coñecedor do oficio,  que traballou sempre con menos medios dos precisos, que obtivo interesantes resultados escénicos, que vivía para o teatro, no que tamén oficiaba de actor, pero que vivíu da súa diaria obriga laboral de empregado de banca.

Serio, lindante na circunspección, respectuoso e formal, solitario e mesmo unha miga misántropo, pero cordial e bo traballador en equipo, Redondo foi ao tempo un disciplinado e eficiente intérprete cinematográfico. A súa primeira incursión ante a cámara, El andamio, mediametraxe en 16 mm. do ano 1958, dirixida por Rogelio Amigo e producida e realizada en colaboración cos irmáns Docampo, pon sobradamente de manifesto a súa versatilidade como actor, quen de se mover con soltura en ambos medios. Con posterioridade, solicitado polos realizadores do incipiente cinema galego, interviría, entre outras, en A tola (1974, 18´, 16 mm., Miguel Gato), Fendetestas (1975, 31´, 35 mm., Antonio F. Simón), O herdeiro (1976, 15´, 35 mm., Miguel Gato), Aos meus queridos pais que me estarán escoitando (1979, 32´, S8 mm., Xavier Villaverde). Así mesmo, da Asociación do Cine Galego, primeira tentativa asociacionista do sector, foi o seu vicepresidente. El clan de los nazarenos (1975, Joaquín Romero Marchent) e Volvoreta (1976, José Antonio Nieves Conde) son tamén dous títulos do cinema concibido e producido en Madrid, que escollía escenarios galegos para desenvolver a súa historia, nos que a eficaz intervención actoral de Xosé Redondo figura perfectamente integrada coa do resto do elenco. Dirixir e interpretar, dúas caras da mesma moeda, recorrente leitmotiv na su vida.

Sen dúbida, amigos e compañeiros de traballo nos labores escénicos poderían dicir máis cousas, máis precisas e acertadas, de Xosé Redondo. Quede aquí, en calquera caso, este pequeno contributo á súa memoria.

actualización: nota dos editores

Engadimos ao post, polo seu interese, dúas fotografías de Pepín Redondo que nos proporcionou o autor do texto, Miguel Castelo (picar sobre as imaxes para velas a tamaño completo).


Ningún comentario:

Publicar un comentario