Amosando publicacións coa etiqueta Premios Goya. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premios Goya. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de febreiro de 2024

O complexo do modelo Hollywood

por Miguel Castelo

Juan Antonio Bayona é un director de cine especializado en catástrofes. La sociedad de la nieve, a súa última película, conta unha delas. A súa condición de gañadora absoluta nesta última edición dos Premios Goya revela un determinado gusto cinematográfico. Cando menos o dos membros da Academia -a maioría- que a votaron. En segundo lugar, a coñecida traxedia aérea dos Andes leva o público ás salas. Sabido é que as desgrazas teñen o seu aquel de atavismo. Agora os galardóns recibidos incrementan o efecto chamada. Sabemos tamén que o de “baseada en feitos reais”, malia que estes sexan descoñecidos, constitúe un -discutible- mérito engadido. O que o persoal ignora é que neste caso este particular é parcialmente falso. Ou verdadeiro, como cada quen prefira. Certo é que un avión militar uruguaio con mozos xogadores de rugby e acompañantes, sobrevoando os Andes o 13 de outubro de 1972, por un erro de cálculo acabou esnaquizado sobre a neve cun balanzo de 16 falecidos e 29 sobreviventes, dos que, logo de 72 días de penuria, ficaron vivos 16. Falso é que establecesen entre eles un pacto de igualdade e que protexesen aos máis febles de carácter; existen fontes documentais, orais e escritas (1), que revelan que os que colleron o mando negaron durante un tempo comida aos remisos a seccionar cadáveres e aos feridos graves, tamén que reservaban para si as partes menos insulsas dos corpos como as do cerebro e as vísceras. Vista con atención, a película de Bayona suscita algunhas preguntas: como é posible que estes accidentados non fosen quen de facer un lume abondo intenso que puidese chamar a atención? Outra cousa é que logo este obtivese resultado. En que cabeza cabe que non se lles ocorrese facer algunha tentativa de procura de alguén no sentido Leste-Oeste, ao ancho do territorio? Como pode ser que, pertencendo todos a familias burguesas e abastadas, ideoloxicamente conservadoras e de fondas crenzas relixiosas, non se lles ocorrese facer un túmulo funerario en memoria dos mortos e deixaran tirados de calquera maneira os restos óseos? Tanto o que se mostra como o que se oculta, sitúan o relato no territorio da impostura. J.J. Bayona elude a procedencia social dos protagonistas, o contexto que determina personalidades, actitudes e comportamentos, e opta polos elevar á condición de heroes, cando está documentado que a situación vivida derivou da “lei do máis forte”; escolle mostrar “figuras” no canto de construír “personaxes”; inclínase polo espectacular en desprezo do conflito dramático, do transcendente, das preocupacións que atinxen ao ser humano. É unha escolla: a da desactivación do contrato coa audiencia. Daquela que non nos veñan coa cantilena dos “feitos reais”.

Certo é que, entre as cinematografías europeas, a española semella ser, segundo a opinión dos propios profesionais, a máis apegada ao “modelo Hollywood”. Certo tamén que hai notorias excepcións. Faltaría máis. Mais non deixa de ser unha miga preocupante que, logo de cento e pico anos do invento, andemos aínda con este complexo ás costas. Conseguiremos algún día ver libres os nosos ombreiros desta caspa? 

* * *

Nota (1): ¡Viven! La tragedia de los Andes, Piers Paul Read, Editorial Barreiro y Ramos, 1974 + Las montañas siguen allí, Pedro Algorta, LID Editorial Empresarial, 2015

domingo, 13 de febreiro de 2011

Perde o cinema

Os Premios Goya celebran por todo o alto o seu vinte e cinco aniversario e desprázanse a un escenario de luxo, o Teatro Real de Madrid, mais o certo é que non hai motivos para facermos festa. E non, non me refiro ao lamentábel espectáculo vivido a conta da (inútil) Lei Sinde, co presidente da Academia, Alex de la Iglesia, manifestándose en contra co entusiasmo dos conversos despois de que o convenceran os seus amigos en twitter, e a vicepresidenta, Iciar Bollain, amosando sen disimulo as súas ganas de ser califa en lugar do califa. A dos Goya será unha festa amarga porque as cifras do cinema en España en 2010 son obxectivamente nefastas e non hai marxe para tirar delas conclusións positivas.

Son datos frescos, presentados hai dous días no Festival de Berlín polo Observatorio Europeo Audiovisual como adianto dun informe máis completo que verá a luz en maio. No conxunto da Unión a asistencia ás salas baixou lixeiramente o ano pasado, arredor dun 2%, pero a maior parte dese recorte corresponde a dous países, Alemaña e España. Na Alemaña vendéronse vinte millóns de entradas menos; en España “só” trece, de maneira que o total queda en 97 millóns, por debaixo da cifra simbólica dos cen: perdeuse un de cada nove espectadores. O severo retroceso hispanoalemán fica compensado polo significativo aumento de público noutros países, caso de Rumanía, Finlandia, Bulgaria e sobre todo Italia, que sobe tanto como baixou España, un feito ao que non é alleo o fenómeno Avatar, que alí se estreou uns meses máis tarde. O principal referente segue a ser Francia, a gran locomotora do cinema europeo que obtivo en 2010 o mellor rexistro en corenta anos: 206 millóns de espectadores, máis do dobre que en España.

Os números son menos dramáticos no que atinxe ás recadacións, maquilladas polo feito de que o prezo medio das entradas non deixa de aumentar, nomeadamente polo alto custo das sesións 3D. En calquera caso son malos: en España o negocio do cinema perdeu corenta millóns de euros, un 5% dos seus ingresos. Peor aínda é o dato da cota de mercado, que no caso da produción propia española supera por pouco o 12%. Gáñannos os suecos, os alemáns, os checos, os dinamarqueses, os finlandeses, os holandeses e os polacos, e por suposto os italianos e os franceses. O cinema español arrastrou doce millóns de espectadores ás salas, tres menos que en 2009; e deses doce, un terzo corresponde unicamente a tres películas, Tres metros sobre el cielo, Los ojos de Julia e Que se mueran los feos, filmes con pretensións comerciais que levan o selo de Antena 3.

A alfombra que pisarán esta noite os convidados á gala dos Goya é vermella, coma os números da industria. Hoxe coñeceremos a decisión final dos académicos, descubriremos se castigan ou non ao autor de Balada triste da trompeta polo seu cambio de actitude ante o (falso) problema das descargas ou se caen seducidos polas leccións sociopolíticas de Paul Laverty e Iciar Bollain na discursiva También la lluvia. Saberemos se optan por recoñecer a vocación internacional da mediocre Buried, cuxos resultados foron máis modestos do que algunhas voces quixeron facernos crer, e constataremos se os votantes cataláns teñen forza abondo para colocar Pa negre na listaxe de triunfadoras. Esta edición dos Goya é a máis aberta dos últimos tempos, pero gañe quen gañe hai unha cousa que está ben clara: este ano perdeu o cinema. En todos os sentidos.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o domingo 13 de febreiro de 2011

sábado, 31 de xaneiro de 2009

Premios Goya: O cinema de autor fóra da Academia

Temos que recoñecelo: os Premios Goya foron un gran invento. A súa utilidade como mecanismo de promoción e difusión da industria cinematográfica do estado é a estas alturas innegábel e fica demostrada pola crecente atención que os medios de comunicación lle prestan. Vinte anos atrás era impensábel imaxinar que unha gala coma a dos Goya acabaría ocupando as capas das revistas do corazón e hoxe porén xa estamos afeitos a ver no papel couché as fotos dos artistas españois máis glamurosos. Os rostros de moitos directores e intérpretes resultan familiares para o gran público e iso por definición é bo para un audiovisual sempre necesitado de espectadores. O efecto dos premios mesmo é medíbel nas billeteiras, pois os filmes galardoados experimentan un significativo aumento nas súas recadacións e nalgúns casos, como aconteceu na pasada edición con La soledad de Jaime Rosales, adquiren unha segunda vida escapando da invisibilidade na que se moveran até ese intre. Nada que obxectar nese sentido. Tampouco teño nada en contra das decisións dos académicos, aínda que case nunca as comparto, pois penso que en liñas xerais si serviron para caracterizar certas tendencias do cinema español, ás veces máis ben desafortunadas. Sospeito que o paso do tempo non vai ser xeneroso con Fernando León, Alejandro Amenábar, Icíar Bollaín e Benito Zambrano, mais o certo é que os catro fixeron filmes dos que se falou moito na súa altura e os Goya sancionaron a súa relevancia sentenciando ao seu favor.

O historial dos premios describe ben unha parte da produción española contemporánea, mais tamén demostra como foron sistematicamente ignoradas as propostas afastadas deses modelos que pretenden ser comerciais e logo resultan non selo tanto. A produción española máis arriscada, que é xustamente a que acaba por abrirse un oco nos certames de todo o mundo e nos circuítos paralelos do “cinema de autor”, non lle dá entrado polo ollo aos académicos e por iso nas nominacións quedan sempre fóra obras coma El cant dels ocells de Albert Serra, a única película española presente na última edición do Festival de Cannes, En la ciudad de Sylvia de José Luis Guerín ou O silencio antes de Bach de Pere Portabella. Documentais de éxito internacional coma El cielo gira de Mercedes Álvarez ou La casa de mi abuela de Adán Aliaga foron desbotados por uns académicos que antes esqueceran El Sol del membrillo de Víctor Erice e deixaron tres anos seguidos sen premio ao defunto Joaquim Jordà.

Tradicionalmente pobre é a escolma de filmes de fala hispana, que non reflicte a singular vitalidade de cinematografías coma a arxentina ou a mexicana; e convencionais, cando non abertamente delirantes, as seleccións de películas europeas e curtametraxes, que sempre parecen elixidas ao chou. Se nuns apartados nos que debían ser audaces non o son, que podemos agardar nos principais?

Martin Pawley. Publicado o sábado 31 de xaneiro en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia