Amosando publicacións coa etiqueta Manolo González. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manolo González. Amosar todas as publicacións

venres, 3 de febreiro de 2012

A propósito da marca “Audiovisual galego”

por Manolo González

1
Fagamos un pouco de historia. Alá polo xa remoto 2004, dende as instancias oficiais da Xunta de Fraga reclamábase a creación dunha marca para o audiovisual galego –semellante á “tenreira galega”ou “viños do Rosal”- como paso imprescindíbel para a internacionalización do audiovisual. Pasou o tempo e no 2006, ao comezo do goberno bipartito, o Clúster Audiovisual Galego retomou de novo o concepto. Organizaron un programa de foros e xornadas de análise que, ademais, serviu de pretexto para unha xenerosa subvención da Consellería de Industria (350 000 euros) co obxecto de realizar “un estudo de viabilidade para o desenvolvemento da “Marca do Audiovisual Galego”. Aínda vivíamos nunha situación na que os inventos semánticos subvencionados podían seguir recreándose sen contestación ou debate algún da sociedade civil. E así foi. Contratouse unha empresa española especializada en marcas -Positioning Systems- para que fixera una documentada pescuda. E certo día deron conta dos resultados da “sofisticada investigación”. Nela, o experto Raúl Peralba concluíu contundentemente que “non había posibilidade polo de agora de crear unha marca para o audiovisual galego", pero quizais habería que apostar pola “calidade” e sobre todo “gañar premios nos festivais”. Tremenda conclusión que lle funde os miolos a calquera intelixencia. Aínda así o CLAG amosábase convencido de que esta marca sería “unha ferramenta estratéxica para o desenvolvemento futuro, a competitividade e a promoción internacional do audiovisual galego”. Como afirmaban, “ata que Galicia sexa o Ferrari ou Porsche do sector”. E concluían: “A creación e utilización dunha marca sectorial e colectiva dará maior cohesión ao sector audiovisual galego, mellorará o seu posicionamento no mercado global e incrementará as súas posibilidades de negocio, expansión, recoñecemento e internacionalización, que as producións galegas dispoñan dunha imaxe de marca propia que as distinga e personalice alá onde se exhiban, como referencia de calidade”.

2
Mais, qué é unha marca? Segundo o dicionario, é unha estrutura simbólica que representa un conxunto de informacións sobre un produto, servizo o grupo de produtos, asociado aos axentes económicos que os producen ou comercializan. Constitúen un xeito de identificación e diferenciación dos produtos nos mercados globalizados e danlle valor engadido a cantos produtos se asocian coa marca xenérica. A marca inclúe o produto, sumándolle o valor agregado do impacto das marcas asociadas. Un produto pode ser imitado, mentres que unha marca é algo único e inimitábel.

Polo tanto, podería ser un bo punto de partida pegarlle un repaso ás marcas que agromaron na historia do cinema e conseguiron unha aceptábel resposta nos mercados internacionais, ademais de contribuír ao desenvolvemento das industrias nacionais. Todas as cinematografías pularon ao longo do tempo por acadar unha certa idiosincrasia que as diferenciara do resto para competir e posicionarse nos mercados internacionais. Podemos lembrar a loita pola conquista do mercado hispano coa chegada do sonoro entre México, España, Arxentina ou Cuba e os xéneros e tipos de películas que se producían a tal fin. Os que coñecen ben este negocio saben perfectamente que as “marcas” do audiovisual construíronse historicamente pola adscrición a unha temática ou especialización nos seus contidos (cine nórdico, peplum italiano, spaghetti-western, culebróns latinoamericanos, etc); un certo estilo visual e narrativo diferenciado (o cine expresionista alemán, a nouvelle vague francesa, o cinema de Hollywood ou o manga xaponés); un modelo de produción (neorrealismo italiano, dogma danés) ou pola presenza dunha locomotora (unha produtora, un director) que tiran do resto e conseguen xerar a marca colectiva dos compañeiros de viaxe.
E temos algo diso en Galicia?

Non dispoñemos -polo de agora- de buques insignia (películas ou directores sobre as que construír a marca); a temática ten mais que ver co mundo exterior que co propio; o modelo de produción, ata hai ben pouco, era a coprodución minoritaria, é dicir, onde os galegos non son os posuidores do discurso (nin do negativo) e que se saiba polo momento –agás moi contadas excepcións- ben poucas das case 140 longametraxes con subvencións públicas acadaron éxito algún no mercado internacional ou tiveron unha traxectoria prestixiosa con premios internacionais fulminantes.

Só no caso da animación temos acadado unha incipiente imaxe de marca que cumpriría desenvolver máis decididamente, xa que poderían pular polo resto da industria audiovisual galega. Aínda así, algúns seguen a porfiar no asunto da marca “cine galego”, coma unha simple oportunidade de negocio, unha encarnación da vacuidade conceptual, da propaganda e do engado para confundiren á opinión publica.

3
Nunha análise ortodoxa só poderíamos falar de “marca audiovisual” propia cando os protagonistas e propietarios maioritarios do discurso sexamos nós mesmos, ou apostemos en firme pola lingua, cultura, temas, directores, actores, e guionistas deste país. Namentres ese día non chegue, o único que teremos é un paraugas de papel en tardes de choiva, innecesario, inútil, e que non servirá para construír un camiño compartido. O traballo de creación dunha marca comeza pola conquista do mercado interno, que o recoñece coma propio, coma unha fortaleza mais para a conquista do exterior. Ese debería ser o cerne no que buscar o "elemento diferencial" que posicione o audiovisual galego "coma marca internacional". Prantexalo como unha mera operación económica e mercantil, renunciando á enunciación de sinais de identidade e non construír un audiovisual propio, implica darlle as costas ao resto das industrias culturais galegas e tamén á propia idiosincrasia do cinema coma eixo imprescindíbel das culturas contemporáneas. A marca podería cimentarse en fundamentos referenciais nidios que permitiran a súa identificación a través de elementos estruturais, temáticos ou formais, establecer sinerxías relevantes co resto das industrias culturais galegas ou universais (arte, literatura, musica, etc) ou de probado carácter estratéxico (turismo). E que ademais, aposten decididamente pola rede como ferramenta indispensábel en todos os procesos da cadea de valor: dende a produción, distribución ou o consumo.

Epílogo: Motivos para a esperanza
Mais nestes últimos tempos agromaron novas nos xornais con estraños titulares nunca vistos, a respecto dun fato de cintas producidas ao marxe da industria convencional e que si dispoñen dun estilema de marca: o chamado “Novo cinema galego”. Cintas de intensa circulación en prestixiosos festivais internacionais e que ao fin están facendo realidade os consellos de Raúl Peralba ao CLAG. Tamén resulta novidosa a publicidade doutros filmes que interesan no mercado interno ou externo e que se venden co insólito reclamo de “unha película 100% galega”. Nos case 30 anos de historia do audiovisual galego é a primeira vez que filmes galegos falan de igual a igual co resto dos creadores contemporáneos nos principais eventos cinematográficos do mundo. O feito de que se sitúen na periferia do sistema industrial e case ao marxe da política de subvencións, permiten sermos optimistas sobre a súa continuidade e o seu futuro, a pesares da crise ou das negras sombras que ameazan o devalar da industria audiovisual en España. Que cada un saque as súas conclusións.

Publicado en IGADI INFORME ANUAL 2012

luns, 23 de xaneiro de 2012

Unha década case prodixiosa: Sobre modelos galegos do audiovisual (e 2)

por Manolo González

Segunda parte

Na anterior entrega sobre as políticas audiovisuais da Xunta de Galicia na década 2000-2010, pegámoslle un repaso ao denominado “modelo gallego” do audiovisual” nos tempos de Manuel Fraga. Agora finalizaremos a nosa accidentada viaxe na era Feijoo. Quero advertir previamente ao lector da imposibilidade de ser obxectivo na análise, por estar implicado institucionalmente no desenvolvemento do sector audiovisual galego nestes anos. Serei polo tanto subxectivo e parcial, mais quizais poida ser interesante o punto de vista de quen viviu en primeira persoa anos tan complicados -tamén apaixonantes-, e non tivera a ocasión de relatalos. Agora que a Damnatio memoriae está comezando a ser efectiva, quizais sexa o momento de recuperar o devalar do audiovisual galego nos anos inmediatos. Por motivos de espazo e oportunidade, tampouco farei ningunha referencia ao papel da TVG no audiovisual galego neste período, malia o seu papel imprescindíbel no desenvolvemento de calquera política audiovisual.

1.-E viñeron as eleccións autonómicas do 2005...

Así pois, chegaron as eleccións do 2005, que afastadas están na memoria colectiva, aínda que aconteceran hai tan só seis anos. Algúns de nós tiñamos fundadas esperanzas nos tempos novos que agromaban. O previsíbel é que os cambios democráticos sirvan para darlle oportunidade e pulo a novas políticas en calquera área de goberno. Coidabamos daquela que sería posíbel reconducir a política audiovisual da era fraguiana cara a novos horizontes, establecendo regras de xogo democráticas, cartografar camiños inexplorados e acadar ao fin un audiovisual propio, arela pola que algúns levamos pulando dende 1984.
Mais, xa no comezo, xurdiu un problema inesperado. Os negociadores do pacto de goberno bipartito adoptaron unha decisión que condicionará negativamente o tempo da lexislatura: a división competencial do audiovisual entre os dous socios de goberno. Unha das acusacións recorrentes á política audiovisual do bipartito será precisamente isa: a “división do audiovisual”.

De primeiras imos sinalar que, paradoxalmente, o principal responsábel da infortunada decisión foi o propio sector. Explícome: dende o mesmo instante no que se confirmou que a área de Cultura dependería do BNG, un fato de produtores -a meirande parte deles beneficiarios do “modelo audiovisual gallego” da era Fraga- comezaron a transmitir insistentemente aos responsábeis do PSOE unha consigna case unitaria: “Non permitades que o audiovisual galego caia nas garras do Bloque”. Sobre das razóns de tal consigna e os terrores infantís dalgúns ao nacionalismo galego poderíase escribir unha tesiña, pero “flotaba” no ambiente “empresarial” o temor de que o BNG modificase demasiado as regras do xogo do que fora, ata o momento, un magnífico e cómodo negocio. Sobre estes contactos e conversas hai, por certo, abondosas testemuñas. O caso foi que, para os negociadores do pacto de goberno, o audiovisual colleu un pulo protagónico non previsto, establecéndose un sorprendente e serio tirapuxa nos dous socios polo seu control. Os negociadores do PSOE xustificábanse “inxenuamente” coa convicción de que estaban a defender os intereses e desexos da propia industria e sentíanse arroupados socialmente, confundindo a parte co todo. Tamén, por suposto, pesaban as posibilidades de propaganda mediática e “glamour” inherentes ao cinema. O BNG pola contra, tan só defendía o que era natural en todos os recunchos do planeta (tamén na tradición e lexislacións española e galega): as políticas audiovisuais foran sempre competencia de Cultura e coido que, daquela, ninguén entendía a teima audiovisual do equipo de Touriño. Lamentabelmente non sabían que “estaban pelexando polos restos dun naufraxio, fume de exequias, unha desagradábel rémora de favoritismo, clientelismo, corrupción, malos hábitos administrativos e irrelevantes éxitos comerciais ou culturais – agás honrosas excepcións-, emigración dos profesionais do pais... todos eles resultados do chamado modelo gallego da era Fraga”.

Para resolver o conflito e non dilatar as negociacións de goberno, os socios optaron pola salomónica solución de repartirse as competencias e orzamentos do audiovisual entre os dous. Coa CRTVG, o reparto competencial terá un carácter transversal, o que permitirá, a pesar de numerosas disfuncións internas, ofrecer unha aparencia pública de política común diante da cidadanía, feito que non aconteceu co sector audiovisual, claramente instalado en dúas áreas diferenciadas de goberno por vez primeira dende a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.

2.- Pacto de cabaleiros?

A fractura beneficiou claramente ao PSOE: quedou coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e os dous organismos históricos -Consorcio e CGAI- cos seus case 50 funcionarios correspondentes, ademais de 5 millóns de euros dos orzamentos asignados ao audiovisual; en definitiva: equipos de traballo, visibilidade institucional, estrutura administrativa, tradición de xestión, posibilidades de modificación orzamentaria, impacto nos medios... Pola contra, Cultura quedou cos outros cinco millóns de euros -co gasto “condicionado” ás axudas a produción-, sen infraestruturas institucionais, nin funcionarios especializados ou apoio mediático algún -máis ben, acoso permanente á Consellería de Cultura- como todo lector informado xa coñece.

Malia a desigualdade obxectiva do “reparto”, ambos socios chegaron a negociar as políticas a seguir con “aparente” boa vontade. Partindo da análise profesional da cadea de valor na industria audiovisual, identificouse a intervención coordenada de cada socio nas diferentes estruturas do sistema. Cultura reservábase as competencias nos procesos que conducen a obtención da copia standard; e dicir, a idea, escrita de guión, desenvolvemento e produción; mentres a Secretaría Xeral de Comunicación traballaría sobre os procesos de comercialización, difusión e promoción exterior do audiovisual galego. A priori, o acordo era factíbel, realista e profesional –hai ademais referentes noutros territorios. En definitiva, para os que aturaron o marrón de “resolver o desacordo inicial”, o relevante non era tanto o consabido tópico do “organismo único”, senón que as institucións navegaran na mesma dirección. A ventá única só pode favorecer o pensamento único e o absolutismo audiovisual. Pola contra, resulta comprensíbel e lexítima a reivindicación dunha política audiovisual “única” que estableza sinerxías obrigatorias entre todos os organismos da Administración. No pacto establecíase ademais que o CGAI dependera organicamente de Cultura, a fin de dispor dunha ferramenta institucional para vehicular a política audiovisual da Consellería de Cultura. Ambas partes comprometíanse a intercambiar proxectos e propostas de cara ao sector, en definitiva unha política audiovisual consensuada e na que participarían lealmente ambos socios en beneficio do audiovisual galego.

Mais deseguida os antigos promotores do “modelo Audiovisual Gallego” viron o ceo aberto coa nova situación: con habilidade, aproveitándose de contactos e medios de comunicación ou da ignorancia sobre o devalar do audiovisual dalgúns políticos socialistas, conseguiron o que semellaba imposíbel: a súa continuidade -e por ende a do propio “modelo gallego”- nun novo goberno que se definía “de progreso”. O CGAI quedou adscrito á Secretaría Xeral sen mais explicacións. E así foi como a política da dereita fraguiana colouse de rondón entre as filas do PSOE, pois en realidade, todas as iniciativas que xestionaron no tempo do goberno bipartito -agás algunhas accións novidosas da Dirección Xeral de Comunicación- non deixaron de ser unha mera continuidade de programas, estilos de goberno, e actuacións puramente mediáticas, de xesto e cerimonia, exactamente iguais as do anterior goberno conservador, como analizaremos mais adiante. O “modelo gallego” do audiovisual conseguiu sobrevivir baixo o paraugas da Secretaría Xeral de Comunicación e impregnar a súa acción de goberno..

3. Pola banda de Laiño (Cultura)

A unidade audiovisual da Consellaría de Cultura e Deporte -composta inicialmente por un simple asesor- comezou a dura travesía do deserto, teimosa por construír un xeito diferente de desenvolver o audiovisual galego como correspondía a un novo goberno lexitimado polas urnas. “É o que hai, e o único que se pode facer nesta situación e tirar para adiante cós vimbios que un ten e intentar darlle unha volta ao audiovisual do país”, dicía a Conselleira de Cultura daquela. A inexistencia de estrutura administrativa algunha, ou algo que se lle parecera, xerou a necesidade de crear un “ente” denominado “Axencia Audiovisual galega”, composta por un par de funcionari@s –magnífic@s por certo- e que terían que aturar dificultades administrativas de toda índole nos seus tres anos de vida.

Dende o comezo da súa andaina, apostouse por construír unha política audiovisual innovadora dende unha perspectiva de esquerda, con dous eixes centrais de acción: democratizar a produción e posteriormente democratizar a difusión do audiovisual galego. Unha análise pormenorizada das accións realizadas durante a lexislatura podería demostrar empiricamente que todas respiran ao abeiro destes cinco principios vertebradores:

1) Principio de igualdade de oportunidades e transparencia na xestión
2) Fortalecemento do tecido profesional e empresarial galego
3) A aposta polo talento e a innovación tecnolóxica.
4) A emerxencia dun audiovisual con identidade e mirada propia
5) Sinerxía co resto de industriais culturais do país..

De primeiras, a Axencia entendeu que viviamos tempos novos, nas portas dunha crise estrutural do audiovisual a nivel planetario que estaba a provocar profundas e inminentes mudanzas tecnolóxicas, modificando as relacións de empresas e cidadáns coas imaxes –na súa produción, distribución e consumo-
Pola contra, o modelo sistémico clásico, ancorado na inercia da súa traxectoria histórica, non estaba a respostar con axilidade aos cambios tecnolóxicos vertixinosos nos sistemas e modelos de produción, distribución ou consumo e moi especialmente na rede. Calquera institución intelixente con responsabilidades de política audiovisual debería adaptarse as mudanzas con antelación e traballar en consecuencia. En definitiva, a Axencia proxectaba anticiparse ás previsíbeis consecuencias da revolución dixital tanto nos modelos de produción como no uso e consumo das novas tecnoloxías de comunicación; mais todo iso supuña traballar a medio e longo prazo, algo ao que non están afeitos os nosos políticos e xestores. Un exemplo: partíase da constatación de que existía un “mundo paralelo” de creadores producindo contidos que non respostaban aos modelos narrativos da industria tradicional, e que tiñan ademais serias dificultades en ser entendidos ou aceptados polos produtores “convencionais”. Sen embargo, dialogaban coas súas pezas en pé de igualdade cos creadores doutras partes do planeta. Un mundo paralelo de creadores aos que se propuxo dar voz e alento con estratexias contundentes de apoio cara unha necesaria renovación xeracional do audiovisual galego.

Así pois, de comezo, a política audiovisual da Consellaría de Cultura intentou reconducir unha situación herdada da era Fraga que se gababa dun desenvolvemento resultadista do sector en base a coproducións con produtoras doutras partes de España e nas que as produtoras galegas tiñan unha porcentaxe minoritaria, agás honrosas excepcións. Remudáronse completamente as regras do xogo da etapa anterior en consenso con TODAS as asociacións do sector -non só as produtoras- para incrementar o tecido empresarial e profesional autóctono nos proxectos subvencionábeis. O principio de igualdade e transparencia aplicouse ás comisións paritarias de valoración, profesionais, renovábeis anualmente e representativas das diferentes áreas funcionais do cinema. Mal que lle pesara a algúns, a Axencia foi aire limpo e transparente no tocante ás subvencións, visíbel a través da súa única ventá de contacto co exterior: a súa premiada e innovadora Web -mais dun millón de visitas dende o seu inicio-, un punto de encontro de enorme prestixio e utilidade profesional, pero tamén social -mesmo tachada de “demasiado transparente”-, porque todas as decisións administrativas, así coma o diario acontecer do audiovisual galego se publicitaban practicamente en tempo real. Ao fin, agromou un discurso plural, aberto, diáfano e democrático sobre o cinema en Galicia.

A Axencia pretendeu ademais acurtar o desfase entre a realidade tecnolóxica vertixinosa e a inercia da industria galega, introducindo aspectos que poden considerarse vangardistas dende o punto de vista da política audiovisual española e que foron “copiados” por outras Administracións. Como actuacións relevantes podemos citar: a homologación europea das axudas á produción pola Dirección Xeral da Competencia no ano 2008; o apoio a óperas primas e a segundas obras de directores galegos, a aposta explícita pola animación e nomeadamente a curtametraxe animada; a diferenciación entre os "documentais de difusión cultural” e os "documentais de creación" que favoreceu a emerxencia dunha magnífica colleita de documentais de autor en Galicia por vez primeira na súa historia; a insólita e criticada inclusión de axudas individuais á realización de "longametraxes dixitais" do que sairán filmes tan salientábeis e diferentes como 18 comidas, Tralas luces, Todos vos sodes capitáns ou Dous fragmentos Eva, entre outros; a constitución da figura dos "creadores individuais" que podían acceder á axudas directas sen necesidade de produtora; o impulso á creación de contidos dixitais e interactivos (mesmo os videoxogos); o novidoso apoio ao desenvolvemento de formatos televisivos; o establecemento de criterios de converxencia co resto de industrias culturais galegas, etc. Unha profunda “re-volta” das políticas audiovisuais precedentes, que ao fin democratizaba a produción e garantía a igualdade de oportunidades.

No tocante á difusión audiovisual, a rede alternativa Cinemas dixitais -en case 200 concellos galegos de todas as ideoloxías- pretendía ser o xermolo dun proxecto cobizoso de futuro: un circuíto autosostíbel en colaboración co ICAA, abrindo a posibilidade de establecer un “mundo paralelo” da distribución-exhibición, “alternativo” á programación comercial; e Flocos TV, que tivo un éxito espectacular converténdose na páxina mais visitada do audiovisual galego cunha especial incidencia nos centros educativos. Ambas iniciativas son, sen dúbida, o meirande esforzo institucional realizado por democratizar a difusión do audiovisual galego dentro do noso territorio.

En definitiva, tratábase de abrir novas fiestras sen fechar as existentes, abertas pola inercia da produción galega ao longo da súa breve historia. Por exemplo, apostouse dende o principio por filmes comerciais producidos “dende Galicia” como Celda 211, Crebinsky ou Pradolongo. Mais a Axencia tamén fixo realidade unha das reivindicacións históricas do sector industrial: as axudas automáticas baseadas en parámetros obxectivos e automáticos para estimular o “cinema industrial”. Os resultados da política de fomento á produción ofrecen equilibrio e variedade, representando todos os modelos de produción posíbeis: dende óperas primas e cinema de autor, ata o cine "comercial"; coproducións con outros territorios ou producións de baixo orzamento, cinema dixital, directores foráneos ou directores galegos. Asemade, identificamos unha total variedade de contidos representativos de todos os xéneros: thriller, comedia, cinema social, drama, road movie, infantil, experimental... Por vez primeira, incorpórase decididamente a muller ao audiovisual e increméntanse os filmes rodados en lingua galega.

Mais, para a Axencia Audiovisual, non houbo ningún proxecto -subvencionado ou non- que non recibira acubillo permanente ao longo do seu proceso de produción mediante a colaboración activa na procura doutras fontes de financiamento como as Sociedades de Garantía recíproca ou en televisións de ámbito estatal, acompañando institucionalmente aos proxectos dende o guión ata a obtención da copia standard.

Resumindo, aquelas “tentacións dogmáticas e un chisco endogámicas” que criticaban algúns, deron como resultado a mais importante colleita de filmes da historia do cinema galego. Porque os números son contundentes: o eido da produción acadou a cota máxima da historia no 2007 con 273 títulos producidos; pero tamén a calidade de filmes e documentais comezou a recoller premios en numerosos festivais estatais e internacionais, nunha onda que perdurará mesmo ata o ano 2011.

Sen embargo, o traballo arreo dos traballadores da Axencia nunca tivo o apoio mediático da prensa galega, mais tampouco dos medios de comunicación “relacionados“ co BNG -quizais por unha certa desconfianza, mais sobre todo por descoñecemento do sector. Como se insistía repetidamente: na Axencia traballábase a medio prazo, obxectivo arredado dos intereses habituais da clase política do país.
Ademais, a precariedade e nula autonomía administrativa, a súa escasa “visibilidade” no organigrama da Consellería de Cultura foron outros handicaps nos seus magros resultados mediáticos, que non reflicten o salientábel traballo realizado. A solución de futuro e o destino da Axencia estaban na Agadic, un instrumento extraordinario; unha grande oportunidade de futuro para o desenvolvemento da industria audiovisual galega elaborada coa lei de Axencias e que deixaría obsoleto e inútil ao Consorcio, clara herdanza do “modelo gallego”. Foi unha magoa que non nacera antes e desenvolvera a súa estrutura orgánica a tempo, para deixar o audiovisual organizado dentro dunha magnífica ferramenta administrativa cuxo case infinito potencial os seus xestores actuais non saben ou non queren optimizar.

4. Pola banda de Lestrove (Secretaría Xeral de Comunicación)

Pola contra, no outro “lado” do goberno, o balance da lexislatura será algo mais cativo, porque non deixou de facer seguidismo das iniciativas e programas creados na etapa de Manuel Fraga a través do Consorcio audiovisual de Galicia, agora a maior honra da Secretaría Xeral de Comunicación e do Presidente da Xunta de Galicia.

Os obxectivos eran basicamente “mais do mesmo”: continuar coa construción de Galiwood, un construto teórico que faría de Galicia a “terra de cine” necesaria, o “espello no que mirarse o cinema español”, (e coproducir), “un modelo administrativo orixinal”, en palabras escritas aínda no 2009 por un dos promotores do modelo agora apropiado polo PSOE. Un sistema que utilizaba, sobre todo, a propaganda nos medios e os cocktails para amosar o seu compromiso co sector a través da pompa e circunstancia. No decurso da lexislatura non existiu un documento-programa que describise os principios ou filosofía da acción institucional e argumentase con criterios racionais os obxectivos da política audiovisual desta área do goberno.

Porque os programas específicos do Consorcio Audiovisual viñan ser idénticos aos do “modelo gallego do audiovisual” da etapa anterior; nin sequera foi considerado necesario o seu retoque ou adaptación aos novos tempos polo goberno socialista: as mesmas convocatorias para coproducións minoritarias con Arxentina (e mais Brasil), coma o fiasco de Raíces, un programa “a maior beneficio” do cinema arxentino, pero de dubidosa repercusión no audiovisual galego. Por certo, produción non era competencia de Cultura?

Continúa incombustíbel o “Plan de Internacionalización”, vixente dende o 2002 e que aínda hoxe ninguén sabe exactamente en qué consiste, agás os custosos saraos de produtores nesta e doutra banda do mar, denominados enfaticamente “misións comerciais”, ou as viaxes de funcionarios para repartir custosos catálogos polos festivais adiante, sen render nunca conta dos resultados das devanditas “accións de internacionalización”.

Tamén terá continuidade o programa Curtas -coa incorporación de Docus-, consistente na selección (?) e posterior envío de DVDs a festivais, de nula repercusión nos autores e no que os creadores individuais non podían participar ao non ser producidos por unha produtora. Asemade, tamén do pasado inmediato procede o programa obsoleto “Audiovisual nas aulas” do que xa falamos no artigo anterior. E o CGAI, en stand by, observará o devalar dos días con languidez institucional –malia súa espléndida e coherente programación para os habitantes de Coruña.

As únicas “novidades” relevantes nestes catro anos foron: a creación de “Sempre Cinema”, unha empresa inversora mixta formada por un 50% de capital público (IGAPE) e outro 50% da -“intocable e intachable” daquela- Caixa Galicia, a súa vez accionista e copropietaria de varias produtoras audiovisuais (?). Unha empresa opaca, xestionada por “executivos” que, por exemplo, non entraron en Celda 211, porque coidaron que “non tiña ningunha viabilidade comercial” (vaia instinto!). Aínda que si financiaron Los girasoles ciegos e Los muertos van deprisa. Por certo, produción non era competencia de Cultura?

A segunda gran iniciativa novidosa dos herdeiros do “modelo gallego” foi a instrumentalización da figura de Chano Piñeiro cos premios do mesmo nome, outorgados a “grandes defensores do cinema galego” como Jaime de Armiñán, José García ou Alejandro Amenabar, cun espírito absolutamente contrario ás arelas e filosofía vital do finado director galego. E ao fin, a AG, unha revista en custoso papel couché cun obxectivo descarado de “propaganda política” na que ningunha iniciativa da Axencia Audiovisual Galega mereceu figurar, aínda que si foi memorábel o tremendo eco provinciano que se lle deu á visita do importante “promotor do audiovisual galego” e mestre de ética televisiva, Paolo Vasile, mandamais de Telecinco. Tamén se reeditaron dous luxosos libros, practicamente cos mesmos contidos publicados a comezos da década, agás cun novo prólogo, desta volta, do propio Presidente Touriño.

Pola contra, algunhas iniciativas da Dirección Xeral de Comunicación resultaron frescas e diferentes, entre outras, a súa actitude dialogante e áxil interlocución co sector, a magnífica convocatoria de axudas a festivais que, por primeira vez, establecía regras de xogo democrático para todos; ou a aposta polo talento novo e as tecnoloxías de comunicación de Curtas na Rede, todos eles programas e iniciativas que tamén contaron co apoio explícito da Axencia audiovisual galega.

5.- O balance do Bipartito

Malia os claroscuros destes anos, o balance global das política(s) audiovisuais do goberno bipartito é moi positivo. Certo é que corrían tempos de “vacas gordas” e polo tanto foi mais doada a instrumentalización de ferramentas e programas para incentivar o sector. Mais os dous socios mantiveron interlocución permanente con todos os seus axentes sociais. Ao fin, a política audiovisual xa non era entendida como “a que defendía os intereses dos produtores” senón que, por vez primeira, foron consideradas as arelas de guionistas, directores, actores, técnicos e afeccionados. A figura do director e o concepto de “talento” recuperou o seu papel nunha industria que tiña semiesquecida unha compoñente fundamental da súa razón de ser. As axudas ao talento evidenciaron ademais que non son precisos custosos orzamentos ou grandes estruturas para producir audiovisual competitivo e de interés fora e dentro das nosas fronteiras. Agora mesmo, algúns dos autores desa xeración -para algúns “Novo cinema galego”- están a viaxar por relevantes festivais internacionais falando de “tu a tu” con todas as correntes da creación audiovisual contemporánea.

Os proxectos de cinema comercial e telefilmes fixéronse máis “galegos” tanto en temáticas como en participación de actores, técnicos e directores do país. Algunha produción comercial coma Celda 211 arrasou en premios e público durante 2009 e 2010 cun éxito espectacular no conxunto do estado. Mais tamén medrou o número de produtoras e postos de traballo; creáronse empresas de servizos –algunha delas punteira- e en xeral, existía sensación de futuro para o sector a pesar das dificultades e da división competencial. A mesma competencia entre as dúas áreas do goberno -mamá ou papá- fomentou compromiso institucional con iniciativas da sociedade civil, favorecendo a diversidade, pluralidade e visibilidade do cinema galego en eventos e foros de todo tipo, nuns anos nos que abondou a información sobre o audiovisual nos medios de comunicación. Tamén se multiplicaron os festivais de cinema baixo criterios democráticos de financiamento. O sector desenvolveuse en función do talento e capacidade: os que amaban o cinema como medio de expresión e creación artística; os defensores do cinema comercial, e mesmo os partidarios das coproducións minoritarias tiveron o seu espazo e interlocución institucional. Quizais esa pluralidade de puntos de vista e o debate libre entre diferentes xeitos de achegarse ao audiovisual fose unha das características destes anos: as dialécticas entre industria e creación, os modelos e formatos de produción posíbeis, a incorporación de novas tecnoloxías, o papel das administracións no sector, etc. Houbo liberdade e propósito de abrir novas portas sen pechar ningunha das existentes. Un magma de ideas e liñas de acción que precisaba doutra lexislatura para consolidarse.
Cara ao final da lexislatura, tanto o sector coma os mesmos políticos xa estaban convencidos de que non se repetiría a división competencial, que malia causar friccións e problemas menores, non obstaculizou o devalar do audiovisual galego, por moito que algúns se laiasen do seus propios fracasos. A Administración non produce contidos nin estrea filmes, a súa obriga é asegurar políticas e mecanismos que contribúan a desenvolver o potencial de empresas e creadores baixo o principio de igualdade de oportunidades. Daquela todos estabamos convencidos de que ao cabo existiría unha única política audiovisual que optimizaría as sinerxías institucionais da administración en tempos futuros.

6.- E viñeron as eleccións autonómicas do 2009...

E que podemos dicir da política audiovisual do período 2009-2011?. Pois... practicamente nada, o que xa precipita o final desta viaxe. En realidade, nada se pode comentar como xa todo o mundo sabe. Dende que comecei a interesarme polo audiovisual galego alá polo 1983, nunca vira cousa igual. A Xunta de Feijoo -como en case todo o demais-, non goberna, destrúe...

Certo é que a Gran Recesión ten acougados os corazóns da meirande parte da poboación. Mais precisamente nos momentos difíciles é cando a clase política non pode deixar de actuar sobre un sector produtivo que xera emprego e riqueza e que, ademais, transmite a imaxe do país ao resto do mundo. A súa inacción está poñendo en perigo vinte e cinco anos de crecemento ininterrompido e un tecido profesional que custou moito esforzo erguer entre todos. Mais polo de agora, non se coñece un só político do goberno a quen o asunto lle interese “de verdade” -tanto Pérez Varela como Manuel Fraga amosaron interés real polo audiovisual. Se escribimos no Google News as palabras “cine galego”, “audiovisual galego” ou curtametraxe, comprobaremos que hai meses que nin sequera aparecen nos medios de comunicación. Iso si, asistimos a un cínico revival interesado dalgúns dos seus “responsábeis” cando louvan "a fortaleza, calidade e talento do audiovisual galego contemporáneo” -referíndose a producións realizadas ao abeiro do goberno bipartito- mentres que, co pretexto da “Gran recesión”, afogan irremisibelmente o sector cara a súa desaparición, polo menos ata que cheguen instrucións concretas do flamante goberno “amigo” de Madrid. Ou é a outra cara do programa oculto do modelo gallego: que desapareza o tecido empresarial para que só permanezan as grandes produtoras e moi especialmente as dependentes dos medios de comunicación?.

A división funcional – o erro Touriño- segue a manter o mesmo leitmotiv na dicotomía Agadic-Cultura versus Consorcio-Secretaría Xeral, pero agora sen interlocución e compromiso algún co sector, nunha obvia parálise institucional, un desastre sen paliativos, que está rematando coas esperanzas dos empresarios do audiovisual galego, dos amadores do cinema e dos festivais e mostras do país. E por favor, que alguén explique cómo é posíbel que a Filmoteca de Galicia (CGAI) aínda non dependa de Cultura coma en todos os restantes países do planeta...

Por outra banda, a “Damnatio Memoriae” foi devastadora para todas as iniciativas democráticas e innovadoras: fora Flocos TV, Cinemas dixitais, o sitio web da Axencia, a convocatoria pública de festivais, Curtas na rede, a transparencia, a información, as comisións paritarias e renovábeis anualmente. Pola contra, no Consorcio Audiovisual semella que continúan vivos algúns programas das etapas anteriores (imposíbel sabelo porque nin teñen unha web operativa). Pero o máis grave é que, case tres anos despois, non exista información pública algunha da política audiovisual -ou algunha idea ao respecto- da Administración Autónoma, e que o sector se manteña incomprensibelmente enmudecido e resignado. Certo que manteñen xuntanzas, encamiñadas máis ben á enredar nas convocatorias de subvención que a esixir un plan global de actuación no audiovisual, pero a transparencia e a información pública sobre as accións do goberno é un dereito irrenunciábel da cidadanía.

Tampouco a oposición ten amosado demasiado interés pola política audiovisual -agás as permanentes interpelacións no parlamento da deputada do BNG, Ana Pontón-. En fin, pobre audiovisual galego: un sector definido como estratéxico, pero sen ningunha estratexia para o sector. Nin a ten, nin se espera, nin se lle esixe.

Nestes momentos, o audiovisual galego “tradicional” é un barco varado e desnortado, sen capitáns, escaso orzamento e nula estratexia, baixo unha política inexistente, nun tempo que vai camiño de denominarse no futuro “trienio negro”, “lexislatura perdida” ou “tempo da devastación planificada dun sector”. Menos mal que o “mundo paralelo”, onde todos son capitáns e navegan en pequenas dornas, continúa a proporcionarnos ledicia, esperanza e orgullo cos seus pequenos filmes, desprezados pola industria e a crítica oficialista, pero que están a colocar a bandeira do cinema galego en todos os grandes peiraos da creación audiovisual contemporánea.

Artigo escrito para a revista Tempos Novos

venres, 2 de decembro de 2011

Unha década case prodixiosa (1): Sobre modelos galegos do audiovisual (2000-2010)

por Manolo Gonzalez

Primeira parte

Nestes complicados tempos, onde a excusa da crise xustifica e lexitima arrasar con todo canto funciona, asistimos a un revival “interesado” nos medios de comunicación sobre a fortaleza, calidade e “talento” do audiovisual galego contemporáneo: Hai plena unanimidade na cúpula dirixente: dende o ilustre conselleiro diplomático, ao xerente da Agadic, o Secretario Xeral de Medios de Comunicación, o inefable director do Consorcio Audiovisual, e, cómo non, o turiferario e “crítico cinematográfico” por antonomasia dun xornal de gran tirada. Todos eles coinciden no diagnóstico: “Son tempos difíciles, pero o audiovisual galego vive o seu mellor momento”· No xornal citado falase da “mestura brillante de calidade e talento” de moitos filmes que están a ter relativo éxito tanto na casa como fora, ou que participan en pé de igualdade en mostras e festivais de todo o mundo. Mais, en realidade, os proxectos dos se gaban as citadas autoridades do audiovisual teñen un denominador común totalmente alleo a súa vontade e que todos agochan con cinismo hipócrita: no ano 2006 a Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte intentou modificar en profundidade a política de axudas ao audiovisual da era fraguiana, tempo onde se acuñara un divertido concepto do que apenas se fala hoxe: o “modelo audiovisual gallego” e que se mantivo en vigor do 2000 ao 2005. A Axencia decidiu empregar ata o 20% do seu orzamento para desenvolver liñas de axuda innovadoras de promoción do talento ou estímulo ao que denominaba “mundo paralelo” e finiquitar o modelo gallego do audiovisual por obsoleto, ineficaz e inxusto. Aínda resoan as críticas destrutivas e airadas de gran parte da denominada industria audiovisual: “Eses proxectos non terán viabilidade”, ”dirixismo cultural”, “Si chegan a producirse non terán estrea”, “Non interesan fora de Galicia” ...etc. Daquela, o perspicaz crítico antes citado cualificaba as axudas da Axencia de “deriva anacrónica, endogámica e oposta a tendencia do audiovisual mais aló do Padornelo e mesmo dos Pirineos”. Sen embargo catro anos despois podemos asegurar que ese 20% investido contra vento e marea na promoción do talento e os novos directores foi a mellor inversión pública da curta historia do audiovisual galego. Ai están Os Crebinsky, Retornos, A noite que deixou de chover, Eloxio da distancia, De profundis, 18 comidas, Tralas luces, Qué culpa ten o tomate, Relatos, O almorzo do poeta, Dous fragmentos Eva, Nacional VI, Todos vós sodes capitáns, Arraianos, Afranio, Manuel y Elisa, Quen son?, Flores Tristes, A Maleta de Sofia, Liste pronunciado Líster, etc, etc... entre outros moitos fitos significativos dos que daremos conta. Convídoos a realizar un exercicio impresionista de “memoria histórica” sobre a última década do audiovisual galego. E como resulta fundamental coñecer “de onde vimos”, nesta entrega faremos un flash-back á primeira metade da década, deixando para unha posterior ocasión a radiografía das políticas audiovisuais do bipartito e do goberno actual, porque comezan a agromar algúns síntomas que auguran o retorno a determinados aspectos do modelo gallego a pesares da parálise institucional e aparente inexistencia de política audiovisual do goberno de Feijoo.

2000-2005: Nove ideas sobre o “modelo gallego” do audiovisual

A comezos do terceiro milenio –reinando en Galicia Manuel Fraga, o gran timonel- participamos atónitos a un bombardeo mediático cun hight concept que debería pasar aos anais dos inventos semánticos da cultura galega: o denominado “modelo galego do audiovisual”. Un modelo que –segundo se insistía machaconamente unha e outra vez na prensa diaria, TV e Internet- ía traspasar as serras de Pedrafita e Padornelo porque encarnaba un exemplo a seguir no resto de España e –isto non se atrevían a dicilo pero o pensaban- no conxunto de Europa. Ao fin, a inventiva galega daba con algo que –en compaña da moda, o viño, a pizarra e o futbolín- poñería a Galicia definitivamente na escena internacional. Había quen dicía –e quedaba tan pampo- que Galicia ía ser a principal provedora de contidos para Iberoamérica no 2010; outros que o “modelo gallego” estaba sendo analizado cientificamente nas Universidades; que as comunidades autónomas o estudiaban para implementalo nos seus territorios; estómagos agradecidos facíanse eco acrítico do “modelo” en revistas de papel couché. En fin, que, grazas ao devandito modelo, Galicia –delirábase na propaganda- era xa a terceira comunidade no asunto audiovisual; de feito Cataluña e Madrid tremían ante o pulo imparable da produción galega. As cifras de emprego, investimento, exportación e as contas de resultados dalgunhas produtoras e da Administración eran impresionantes nun alarde de contabilidade creativa. Todos os “programas” que deseñaban os “creadores” do modelo gallego mediante o imaxinativo sistema de cortar e pegar incluían a palabra “pioneiro” nos seus discursos. “Este programa pioneiro”; “esta iniciativa pioneira”, afirmaban sen rubor algún. Proliferaban os libros brancos e informes sobre “o sector” por doquier, chiringuitos con pomposos nomes enchían o negro sobre branco daquela Galicia audiovisual marabillosa que nos anunciaba un futuro luminoso para a industria audiovisual autóctona. Eramos a re-hostia!

De paso, borrábase materialmente do mapa calquera atisbo de disconformidade ou simplemente de quen se atrevera a apelar á memoria histórica ou defender un modelo alternativo. Anatema!. Condenábaselle ao ostracismo total ou a emigración forzosa. Ninguén ousaba discrepar ante tamaña marabilla, as cousas ían moi razoablemente ben para “todos“; o audiovisual galego estaba “definitivamente encarrilado” por moitos anos e, pouco a pouco, ata segmentos sociais tradicionalmente pouco interesados no audiovisual, xornalistas, políticos e xentes da cultura, foron asimilando que faltaba moi pouco para que Galiwood arrebatara a supremacía da industria do entreteñemento ao imperio americano. A Administración debería “poñer” –iso si- mais pasta a fondo perdido; as produtoras contentas e caladas, e os políticos podían refregar as mans con tranquilidade porque enchían peito grazas aos “resultados espectaculares” e o éxito internacional; de feito pavonábanse ante os medios nunha listaxe inacabábel de foros, comparecencias e actos puramente mediáticos de todo tipo, sempre acompañados por pinchos de deseño e viños de marca. Eran grandiosos os seus discursos nas estreas dos mesmos filmes que, por regra xeral e agás moi honrosas excepcións, espantaban á critica e público. Nunca tal cousa se vira, os políticos presentando os filmes nas estreas... Ou, audiovisual galego! En fin, o globo do “concepto” convertérase pouco a pouco nunha marca ostentosa e recoñecíbel, con capacidade de manobra e penetración mediática. Tanto así foi que co cambio de goberno os dous socios (BNG e PSOE) engarzáronse feramente polo seu control e convertérono nunha peza de discordia e confrontación, ata que, como propuxo Salomón, optaron por seccionalo salvaxemente en dúas metades. Mais a estas alturas algún lector estarase preguntando en qué consistía exactamente o modelo gallego. Imos tratar de esbozar algunhas das súas características mais salientábeis:

1. En primeiro lugar o modelo gallego favorecía descaradamente a subsidiaridade co argumento programático das coproducións. Vexamos: vostede ten un proxecto español, catalán, arxentino, valenciano ou madrileño e fáltalle... poñamos un 20 ou 30% para completar o financiamento do proxecto. Pois non hai problema, Galicia sempre recibe coas mans abertas calquera proxecto de coprodución. En realidade somos a encarnación da coprodución. É a nosa especialidade. Os que mellor a entendemos. Ninguén coma os galegos para axudar a producir telefilmes valencianos, cataláns ou arxentinos. O único que hai que facer e conseguir un testaferro indíxena que se encargue de acadar a subvención da Xunta, do Consorcio e a participación da Televisión de Galicia e a película xa está armada financeiramente. Outro título a engadir á listaxe de grandes filmes galegos, con temas alleos á nosa idiosincrasia e cultura, dirixidos e guionizados por foráneos, con xefes de equipo e profesionais de fóra, pernoctando nun bo hotel nos dous ou tres días de rodaxe en provincias “por la coproducción, claro, pero no importa, el marisco está muy bueno en Galicia y además es tan bonita.. un marco incomparable”. Galicia: “Unha terra de cine”.

Todo iso pagado xenerosamente con diñeiro público, mentres, os pobriños técnicos galegos, moitos deles sobradamente preparados, traballaban de auxiliares, varrendeiros, figurantes sen frase, traidores, ou vixiantes do trafico, e sen dereito ás dietas dos profesionais “madrileños”. Non importa: todo pola coprodución! Galicia non pode vivir sen as coproducións. Son necesarias para “penetrar” na industria española. Estivemos 16 anos facendo coproducións minoritarias e esa, precisamente, é unha das marcas referenciais mais evidentes do modelo gallego. Durante uns días, o gremio da hostalería fai un pico, os políticos locais felicítanse pola relevancia do seu pobo como localización, e os burócratas autonómicos xa dispoñen dun título mais para a listaxe de grandes películas do audiovisual galego que poderase incorporar á última edición do libro “Rodado en Galicia”. Mentres, guionistas, directores, técnicos e actores autóctonos terán que buscar o seu lugar ao sol fora do noroeste atlántico.

Importante: Quede ben entendido que as coproducións son un xeito eficaz e intelixente de afrontar proxectos para facer “películas” que poidan ser negocios ou éxitos comerciais e artísticos. Non como defendía o modelo gallego: para facer negocios coas coproducións.

2. Outro dos piares básicos do modelo gallego eran os chiringuitos. Habíaos de todo tipo. Cada un deles controlado por “xente de confianza” defensora dun modelo que lles interesaba só a uns poucos conectados entre si. Vostede tiña unha idea: alá vai ao chiringuito! Nas mesas redondas eran máis os representantes de chiringuitos que asistentes, mais non importaba, quedaba moi ben nos papeis, e sobre todo, tamaña vitalidade asociativa impresionaba ao turista-visitante... Que enerxía creadora! Qué músculo asociativo! Cando en realidade non era mais que a manifestación do minifundismo telúrico dos galegos, un reflexo jungiano da nosa idiosincrasia colectiva aplicada ao audiovisual, habilmente aproveitada pola “elite do modelo”. Divide e vencerás. E parecía certo! Todos se beneficiaban dun ou doutro xeito da división clientelar, mentres os señores feudais repartían baronías e prevendas, por suposto só “se un dicía o correcto”. Porque no caso contrario, todas as portas do resto de chiringuitos pechábanse ao unísono nun alarde de coordenacion democrática.

3. Un dos leitmotivs rechamantes do modelo gallego era a aposta pola “internacionalización para a promoción no exterior do produto e da industria audiovisual galega”. Consistía basicamente que alguén -a gastos pagos- viaxaba a festivais polo mundo, baixo “un paraugas”(?). Non te preocupes –dicíase- a Administración vai a vender a túa produción e a colocará no mundo. Déixanos a nós que xa sabemos o que hai que facer... Un funcionario alá se ía aos mercados especializados coa misión imposíbel de vender as coproduccións minoritarias galegas no planeta. Tras catro anos de funcionamento do devandito plan, nunca se renderon contas de resultados das “accións de internacionalización”. As veces, agromaban datos que informaban de que “vendemos menos do 1%”. Un éxito alucinante do custoso e inútil plan de internacionalización. Un non podía deixar de preguntarse abraiado pero qué imos a vender, se nin sequera somos donos do negativo. A internacionalización dos proxectos iníciase na fase de desenvolvemento, na xestación do proxecto e non á finalización da produción ou coprodución. Todo un delirio e disparate de gasto público orientado a encher os xornais –algúns deles tamén produtoras ao tempo- con novas que impresionaban a políticos incautos e vender fume –a grande especialidade do modelo gallego- como leña de calidade internacional.

4. O modelo gallego tamén apostaba polos “plans de formación”. Plans de formación elaborados ao xeito soviético, sen contar co tecido docente, nin considerar as necesidades específicas dos centros de formación ou das universidades do país, en precaria situación –o subtexto é que en Galicia non hai bos profesionais e peores docentes- pero calquera que veña de Madrid ou Barcelona... ese si que sabe. Mais non importa! Os grandes pensadores do modelo galego coñecían perfectamente os problemas do sector grazas aos “estudos de necesidades” realizados por expertos profesionais ou empresas que vivían de costas á realidade educativa e moitas veces fora do país. Iso si, se conseguen que un profesional “de recoñecido prestixio” acuda a Galiza mediante o método de “poderoso diñeiro”, o feito aproveitábase mediáticamente para sacar a foto correspondente, refregarnos aos demais o moi importantes que eran e de paso consumir mais pinchos de deseño regados con mais viños de marca. Nas entrevistas utilizábase habilmente a opinión do incauto e agradecido visitante para proclamar aos catro ventos máis eloxios “do modelo gallego, un exemplo para o resto das autonomías”. Outro programa abraiante: pretendíase traballar a prol do audiovisual nas aulas –digna e loábel misión por certo- mais sen contar co profesorado dos centros, a base de esforzados misioneiros ou paladíns que emulando as misións pedagóxicas republicanas ían polo país a espallar “la nueva buena”: a evanxelización do audiovisual. Xusto o contrario do que hai que facer.

5. Outra das singularidades do modelo gallego era o de favorecer a hexemonía dos produtores no discurso audiovisual. Cando se deseñaba calquera reforma ou aparecían situacións de crise, políticos e medios de comunicación preguntábanlle aos produtores, que son -no modelo gallego- os que “saben”. Guionistas, directores, actores, investigadores ou técnicos van detrás ou non aparecen. Cando algunha vez chegaban a publicarse as listas de beneficiados das subvencións, os proxectos adxudicábanse ás produtoras e non aos directores. Dicíase, “Continental sacou 2, Filmanova 3 e Adivina 2”... Verdadeiramente este é un feito singular no mundo, e que o goberno Feijoo recentemente reimplantou. Só hai que consultar as listaxe de beneficiarios das axudas á produción da Agadic no 2011. Xusto ao revés que no resto do planeta, onde o peso e a incidencia mediática do audiovisual recae en mans dos creadores, actores ou directores –as películas son de Almodovar e non de El deseo- e tómanse en consideración as opinións dos expertos e creadores. Desta situación non eran culpábeis os produtores, pero na realidade, si había que viaxar –as denominadas embaixadas comerciais- á Arxentina, Valencia ou Brasil, etc... por suposto que “se convidaba” aos produtores –os de confianza- porque “hai que favorecer os negocios”, é dicir, montar coproducións e, de paso –moi importante- identificar talento foráneo. Non esquezamos nunca o bos que somos os galegos no tocante as coproducións e apostar polo talento alleo, case unha marca de fábrica. Era outra das novas que agromaban nos papeis: o asombro dos produtores abraiados pola descuberta do “talento” dun determinado país... cando chegaban da viaxe oficial a este cativo recuncho no noroeste onde, ao parecer, non había nada que brillase con luz propia. Pola contra, nos anos do modelo gallego había quen prantexaba en serio iniciar un estudio científico sobre a posibilidade de que o material xenético dos galegos fose incompatíbel co talento audiovisual. Ao parecer, agora xa ningúen dubida que tamén temos talento nas terras de Breogán.

6. O modelo galego presumía dunha grande coordinación da Administración galega na política audiovisual. Era, por definición legal, un “sector estratéxico”. Nunca entendín doadamente o alcance de tamaña grandilocuencia. Toda a Administración galega –dicíase- apostaba como un só home para erguer “a industria”, mediante unha “política transversal”, mais o certo é que os fondos do Igape non se gastaban, porque daquela era mais doado acadar financiamento en calquera banco ou caixa de aforros de Vila da Veiga (iso sí con garantías persoais); as axudas á innovación tecnolóxica, non era máis que un plan renove para que os productores pasasen do T4 ao T5 no modelo de edición. En realidade era tan doado como: inventemos un programa de investigación. Efectos da posproducción dixital nas transicións ao corte ou Fragmentación electrónica do decorado mediante subsistemas de realidade virtual. A Consellaría correspondente actuaba como paganini e as cousas funcionaban de xeito razoábel para todos. A Dirección Xeral do Audiovisual xestionaba as axudas e o Consorcio Audiovisual facía “outras” cousas. Cada Consellaría entendía o asunto ese do “sector estratéxico” como podía –era ademais un mandato do Gran Timonel- e non existía unha mínima coordinación efectiva da política audiovisual do goberno.

7. Porque no modelo gallego, o audiovisual era “demasiado importante para deixalo de mans dos políticos”. A boa política audiovisual é aquela que “aparentemente” non existe. Xa se sabe que “o bo gobernante pasa desapercibido polo pobo”. Tratábase, sobre todo, de repartir o pastel por criterios de viabilidade e presunta “rendibilidade” ao servizo duns poucos produtores que curiosamente case sempre eran os mesmos. “Hai que apostar por empresas sólidas, que xeneren emprego e fagan viable a nosa industria e o resto que espabilen ou que se fod...", era outro dos seus paradigmas. As comisións de valoración conformábana sempre os mesmos “comisionados permanentes”, controlados habilmente por representantes da Administración e os resultados favorecían especialmente ás “grandes” e non lle daban apenas oportunidades ás “pequenas”. Para salvar as aparencias, un ou dous membros representaban as asociacións do sector, pero unicamente se interesan polos proxectos dos seus asociados -facendo das subvencións unha vía de financiamento das propias asociacións, ás que os beneficiarios derivaban unha pequena porcentaxe do diñeiro acadado na subvención-. Por outra banda, non existía transparencia algunha no proceso, a avaliación(?) do comité de “expertos”(?) non era vinculante, do que resultaba na práctica, que os proxectos beneficiados e o montante da axuda, era sempre unha decisión discrecional do Conselleiro de turno, case sempre Pérez Varela.

O que importaba, insistíase unha e outra vez, “é o fortalecemento da industria e a industria só progresa cando hai empresas solventes con capital financeiro nos seus consellos de administración”. Practicamente ninguén falaba de historias, temas ou estéticas, lingua de rodaxe, modelos de produción, liñas de incentivos ao longo da cadea que valor ou obxectivos estratéxicos que levaran a algures. Sen embargo, a receita para desenvolver unha industria audiovisual que pretenda eficacia internacional está mais que inventada: apostar pola orixinalidade, a innovación e o talento. Non hai outra.

8. O modelo galego gabábase de ser pioneiro no estado “porque tiña unha flamante Lei audiovisual aprobada por unanimidade”. Unha lei que basicamente dicía: Artigo 1º: O audiovisual é moi bonito e moi importante; Artigo 2º: Bonito e importante o audiovisual galego é; e así seguía no seu articulado unha e outra vez. Unha lei mal formulada, “frouxa lei” como a definiu alguén, que non serviu máis que para crear novos chiringuitos coma o innecesario Consorcio Audiovisual de Galicia, obviar os problemas de futuro, pola cicatería, imprecisión e temperatura morna do seu articulado. Contribuiu a lexitimar as decisións da “consellería competente” – que lamentable redacción!- e asentar definitivamente o feudalismo audiovisual entre nós. Non dispuxo a creación de sinerxias coas industrias culturais e arbitrou unhas regras de xogo ambiguas e xenéricas ao servizo do mantemento dun status quo que impedía a igualdade de oportunidades. Parece mais unha broma que unha Lei, hoxe obsoleta e que sobre todo representa nidiamente o espírito da Administración fraguiana e por suposto o seu resultado mais evidente: o chamado modelo gallego do audiovisual.

9. A Televisión Galega. Ai, a nosa televisión! De todos é sabido que a televisión é o factor clave dun sector audiovisual en calquera territorio do universo. Non é este o lugar para falar da manipulación, dirixismo, clientelismo, listas negras e amiguismo que reinaron na nosa televisión, practicamente dende o seu nacemento alá polo 1985, cun consello de Administración conformado por políticos e ao servizo descarado do partido no poder (isto último pode ser aplicable tamén ao bipartito). Mais, en troques, algunha cousa boa se fixo –aínda de que as beneficiarias foron as catro produtoras de sempre- e foi a política de produción de series de ficción que, por fin, fixo medrar profesional e industrialmente o sector, aportou resultados dignos que conectaron co público galego e apostaron por profesionais e historias do país, contribuíndo a súa formación e a especialización. Por qué será que as ficcións da televisión enganchaban ao público galego e o cinema galego non... será quizais outro dos misterios da coprodución? En troques, no tocante á participación nos proxectos de produción independente (filmes, telefilmes e documentais), a TVG foi unha peza mais do “modelo gallego”. A participación perpetua dun alto cargo da TVG nas comisións de valoración das subvencións ao audiovisual pechaban o circulo de financiamento para os proxectos que “interesaban”. En fin, sobre a TVG nestes cinco anos poderíase escribir unha enciclopedia, pero si alguén consulta a colección de Tempos Novos de seguro que atopará numerosos argumentos, ideas e propostas para facérense unha idea atinada do seu anómalo e partidista funcionamento durante estes anos.

Non sei se ao lector lle quedaría claro en qué consiste o modelo gallego, porque sobre o asunto tamén se podería escribir unha tese doutoral e aínda si custaría entendelo. Mais esa é a herdanza dos primeiros cinco anos da década; herdanza que disputarán os dous socios do novo goberno a mediados do ano 2005. Lamentablemente non sabían daquela que estaban pelexando polos restos dun naufraxio, fume de exequias, unha desagradábel rémora de favoritismo, clientelismo, corrupción, malos hábitos administrativos e irrelevantes éxitos comerciais ou culturais -algunha excepción hai-, emigración dos profesionais do pais... todos eles resultados obvios do chamado modelo gallego. Na vindeira entrega tentaremos facer unha viaxe similar pola etapa do goberno bipartito: sobre cómo xestionar os restos do naufraxio e sobre todo, si sería posible reconducir a política audiovisual cara a novos horizontes.

Artigo escrito para a revista Tempos Novos