Obrigado polo seu particular talante e un contorno complexo, a obra de Luis García Berlanga, logo de diplomarse en realización no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC) vai pasar da fábula de tintes neorrealistas derivada da breve e fértil colaboración con Juan Antonio Bardem en Esa pareja feliz (1951) ou ¡Bienvenido, Mister Marshall! (1952) a un progresivo endurecemento e carácter autenticamente liberador. Pezas maxistrais como Plácido (1961) e El verdugo (1963) parecen ocultar non só outras obras valiosas senón tamén a sociedade na que se desenvolve, as dificultades permanentes coa censura e as administracións que olevan a renunciar a infinidade de proxectos -uns 40- e a realizar en Francia Tamaño natural (1974), o máis desesperanzado dos seus títulos, narración dos amoríos entre un burgués de boa posición -o gran Michel Piccoli- e unha boneca. A supresión da censura posterior á fin da dictadura axudou a Berlanga a construír novas e audaces metáforas da rapina humana, coa triloxía da familia aristocrática Leguineche comezada con La escopeta nacional (1978) como emblema. Sainete con doses de esperpento, enxeñoso retrato de grupo de ponderada pericia estilística, exemplificaba a desinhibición e o espíritu satírico do seu autor, conformando saga histórica, éxito crítico e fenómeno sociolóxico.
Nin santurrón nin moralista nin albacea da progresía, o cine de Berlanga disecciona con sumo coidado na dimensión formal -lendarios os elaborados planos secuencia que acadan o xenial en Patrimonio nacional (1980) invalidando toda acusación de desaliño formal- a mesquindade, a traizón e o desamor, ao tempo que amosa comprensión cara ao individuo, bochornoso e entrañable. Enmascarando a súa personalidade e con extrema lucidez, el mesmo –“fanfarrón negativo”, en expresión de Bardem- era consciente dos seus gustos e logros. Alto, amable, contraditorio e con mellor memoria da que dicía ter, a posteridade permitirá recuperar obras magnas como a negrísima e turbadora ¡Vivan los novios! (1969) e Patrimonio nacional. Certa desorganización narrativa e vulgarización -en forma de comicidade grosa- na súa produción a partir de Nacional III (1982) determinou que os parabéns oficiais -premios Goya- chegasen por medio dunha obra menor, ¡Todos a la cárcel! (1993), despois de que o seu vello proxecto sobre a guerra civil, La vaquilla (1985), fose máis morno do agardado. Porén, a testamentaria París-Tombuctú (1999), antoloxía do seu cine e recuperación de Michel Piccoli, devolvía con vigor ao gran cineasta esbozando un itinerario irrepetible polo absurdo da existencia.
Son moitos os feitos polos que o seu cine alcanza o maxistral: o proveito das tradicións culturais en sabia convivencia con elementos modernos; a asimilación de rostros e tipoloxías xenéricas populares integrados en valentes composicións corais; a singular reunión de motivos temáticos e filias; a sólida formación dun imaxinario de fantasías e mitos converxentes cos acentuados perfís do español do momento; a interrogación escéptica sobre o suxeito.
A aparición sorprendente dunha veta de traballos dirixidos por outros emanados da súa escritura compartida con Rafael Azcona -Alla mia cara mamma nel giorno del suo cumpleanno ou Una noche embarazosa-, as colaboracións como actor, a supervisión dun proxecto atractivo (logo truncado) para TVE como Se vende un tranvía (1959), a condición de experto erotómano con consecuencias editoriais e o labor de lanzador de proxectos como El inquilino (1957) e Tenemos 18 años (1958), ubican a Berlanga como figura esencial da nosa historia cultural. Labores como o de profesor da Escuela Oficial de Cine ou director da entón Filmoteca Nacional, sumados a peripecias persoais propias da época que lle tocou vivir -combatente na División Azul- revelan a complexa e inesquecible dimensión de quen foi sutil oficiante do caos, un observador irónico que entendeu que o sentido tráxico da existencia (española) só podía ter, á maneira do esperpento, unha deformación subversiva das formas. Descanse en paz.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o domingo 14 de novembro de 2011
Amosando publicacións coa etiqueta Luís García Berlanga b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Luís García Berlanga b>. Amosar todas as publicacións
domingo, 14 de novembro de 2010
sábado, 13 de novembro de 2010
Luís García Berlanga (1921-2010)
Pouco hai que dicir a estas alturas de Luís García Berlanga, un director capital na historia do cinema español e que conseguiu proxección para os seus filmes máis alá dos Pireneos nunha altura na que a industria estatal apenas podía aspirar a certos exercicios posibilistas que se aproveitaban dos ocos que deixaba a censura franquista. Unha situación ben descrita por Bardem nas Conversaciones de Salamanca de 1955 nas que resumiu o estado do cine español con cinco adxectivos ("Políticamente ineficaz, socialmente falso, intelectualmente ínfimo, estéticamente nulo e industrialmente raquítico"), fóra dos cales quedaban unha presa de cineastas de gran talento (Nieves Conde, Mur Oti ou o inmenso Edgar Neville) que escapaban da glorificación das esencias patrias para explorar camiños realistas, ás veces escuros, ás veces máis tenros. Berlanga competiu catro veces en Cannes (Bienvenido Míster Marshall, Plácido, pola cal chegou a ser candidato ao Oscar, ¡Vivan los Novios! e Patrimonio Nacional) e dúas en Venecia (Calabuch e El verdugo), obras maiores dun autor xenial que acabou facendo cousas tan chuscas coma Todos a la cárcel ou a curta El sueño de la maestra, a súa desafortunada despedida do cinema. O seu verdadeiro adeus chegou uns anos antes con París Tombuctú, o testamento excesivo, irregular e amargo dun creador que xa iniciara a conta atrás.
Martin Pawley
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

