Amosando publicacións coa etiqueta Festival de Cannes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Festival de Cannes. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de febreiro de 2025

A dourada atracción dos Oscars

Karla Sofía Gascón e Zoe Saldaña en "Emilia Pérez" (Jacques Audiard, 2024). Imaxe: Wanda Films.

É difícil non deixarse seducir, dun xeito ou doutro, polo feitizo dos Oscars. Por máis que saiba que é un premio eminentemente orientado ao cinema estadounidense, e dentro del ao que ten un carácter máis comercial; por máis que saiba que á volta destes premios –e de tantos outros– hai elementos que nada teñen que ver co artístico e que é enorme o peso das campañas de promoción dos filmes mais tamén dos actores e actrices, con rostros que da noite á mañá pasan de ser pouco coñecidos a ocupar as capas das revistas e os pósters de superproducións; malia todo iso eu son, recoñézoo, un dos centos de millóns de humanos que cada inverno atende o anuncio das candidaturas e segue con curiosidade as novas que, antes e despois, dan pistas de por onde vai o vento en cada edición.

Parte do encanto vén da longa historia duns galardóns que, polo menos no primeiro medio século de existencia, definiron bastante ben, entre nomeados e triunfadores, o mellor cinema de Hollywood. Nunca estiveron, é certo, todos os que eran, mais si eran a maioría dos que estaban, e ocasionalmente mesmo sinalaron algúns fitos fóra das súas fronteiras (xa en 1939 La Grande Illusion de Jean Renoir concorreu na categoría de mellor película). Tamén celebro o nobre empeño da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas na protección da memoria a través do seu museo, arquivo e biblioteca, así como na preservación do cinema, cun valioso foco nas obras experimentais co legado, por exemplo, de Stan Brakhage ou Barbara Hammer.

Cómpre salientar ademais o esforzo contemporáneo da Academia por medrar ampliando a súa diversidade: ten hoxe cinco mil membros máis ca hai dez anos e diminuíu a exaxerada proporción de homes brancos na súa composición. Sen dúbida iso explica a presenza crecente de producións non americanas e a importancia que os maiores festivais de cinema (Cannes, Venecia) teñen agora para o lanzamento de certas películas que, a priori, non pintaban tipicamente oscarizábeis, como Parásitos de Bong Joon-ho ou Drive My Car de Ryusuke Hamaguchi. Unha vez que se fixo pública a listaxe de finalistas deste ano, o Festival de Cannes sacou peito a través do seu boletín de noticias para recordar que oito títulos estreados na Costa Azul sumaran, en total, 31 candidaturas, con Emilia Pérez de Jacques Audiard á cabeza (é o filme de fala non inglesa con máis candidaturas de sempre, 13), mais tamén a Palma de Ouro Anora de Sean Baker, The Substance de Coralie Fargeat ou a animación Flow de Gints Zilbalodis.

O éxito anunciado da, para min, grotesca Emilia Pérez freou en seco coa difusión de mensaxes insultantes en redes sociais da actriz trans Karla Sofía Gascón, colocada como protagonista única fronte á suposta secundaria Zoe Saldaña, cuxo esforzo por sacar adiante tan enfático desvarío é digno de eloxio. O inexplicábel esvarón parecería aumentar as opcións de The Brutalist de Brady Corbet, que ademais reivindica, fronte á distribución en plataforma dixital de Emilia Pérez na América do Norte, a experiencia en sala e a rodaxe nun formato analóxico que levaba seis décadas sen empregarse, VistaVision, no que se fixeron obras mestras coma The Searchers de John Ford ou Vértigo de Hitchcock.

Máis grandilocuente ca grande, The Brutalist obstínase en non pasar inadvertida, mais o que manda, ao final, é a debilidade dun argumento que, en especial na segunda metade, se carga de decisións groseiras. A arquitectura Bauhaus é apenas unha escusa para falar da persecución do pobo xudeu e a súa necesidade de refuxio en Isra- el, unha "terra prometida" onde fuxir do odio que detectan aquí e acolá. Que nesa terra xa houbese xente e ocupala violentamente implique outro exterminio é un detalliño que fica fóra de campo, un pecado aceptábel para o fanatismo sionista.

A notábel recepción nas billeteiras no estado español malia as tres horas e media de duración, con case un cuarto de millón de entradas vendidas en dez días, non ten correspondencia no seu país de orixe, onde se está movendo en números máis discretos, ben por debaixo de Cónclave de Edward Berger (tan correcta como irrelevante, pouco máis ca un agradábel entretemento para ver estomballado no sofá) e sobre todo A Perfect Unknown de James Mangold, con Timothée Chalamet facendo de Bob Dylan, que, xusto por iso, vai subindo puntos. A escolla de Anora polos sindicatos de directores e produtores alenta o desexo de que Sean Baker vexa recoñecido tamén nos Oscars un talento que demostrou, máis e mellor, en Starlet, Tangerine ou The Florida Project.

Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 14 de febreiro de 2025, sexta feira.

venres, 19 de abril de 2019

Algunhas contas de Cannes 2019

©Imaxe: La Pointe courte / 1994 Agnès Varda e os seus fillos.
Montaxe e deseño: Flore Marquin



1) Dos 19 filmes anunciados hoxe para a competencia do Festival de Cannes, catro están dirixidos por mulleres, e as catro debutantes na sección principal: Mati Diop, Céline Sciamma, Jessica Hausner e Justine Triet. Iguálase a marca de 2011, que contou coa presenza de Naomi Kawase, Lynne Ramsay, Maïwenn e Julia Leigh.

2) Coma sempre, na competición hai un bo número de "sospeitosos habituais". Con esta son xa catorce as edicións nas que Ken Loach optou a Palma de Ouro. Entre os elixidos en 2019, son vellos coñecidos os irmáns Dardenne e Jim Jarmusch (oito ocasións a concurso cada un), Marco Bellocchio (sete, mais só tres este século), Arnaud Desplechin e Pedro Almodóvar (seis) e Elia Suleiman, Terrence Malick e Xavier Dolan (tres). Recuncan por segunda vez Bong Joon-ho e Kleber Mendonça Filho. O 32% dos nomes da listaxe concursan, pois, como mínimo por sexta vez.

3) Oito dos dezanove filmes, un 42%, están dirixidos por debutantes na sección. Ademais das catro directoras citadas antes, están Ira Sachs, Corneliu Porumboiu, Diao Yinan e Ladj Ly (e ademais está Juliano Dornelles, codirector de Bacurau). Para a maioría trátase dun ascenso dentro do marco cannoise. O romanés Porumboiu estivo na Quinzaine con 12:08 Leste de Bucarest (2006) e en Un Certain Regard con Policía, adxectivo (2009) e O tesouro (2015). Céline Sciamma, en UCR con Naissance des Pieuvres (2007) e en Quinzaine con Bande des Filles (2014). Diao Yinan pasou por UCR con Ye Che | Night Train (2007), antes de gañar o Oso de Ouro con Black Coal (2014). Por esa mesma sección pasou en tres ocasións Jessica Hausner, con Lovely Rita (2001), Hotel (2004) e Amor Fou (2014). E tamén progresa adecuadamente Justine Triet, logo de La Bataille de Solférino (ACID, 2013) e Victoria (Semana da Crítica, 2016).

4) Mati Diop é a primeira directora negra que aparece no apartado máis nobre do festival de Cannes. O seu tío, o sensacional Djibril Diop Mambéty, estivo a competición en 1992 con Hyènes. Hai dúas primeiras longametraxes na competencia principal en 2019 e as dúas son de cineastas de orixe africana: a francosenegalesa Mati Diop e o director nacido en Malí Ladj Ly.

5) Hai uns anos empecei a facer unha folla de cálculo con todos os filmes a competición en Cannes ao longo da historia, clasificados polos seus directores e ordenados por número de aparicións. Hoxe revisei a folla para destacar ademais os nomes das mulleres directoras e así puiden constatar que nas 72 edicións a presenza de mulleres na competencia principal non chega ao 5%. A porcentaxe é case o dobre se consideramos unicamente o século XXI. Algo se avanza, mais non o suficiente. Podedes descargar a folla de cálculo en formato LibreOffice aquí (96,4 KB).

Martin Pawley

xoves, 13 de abril de 2017

Cannes 2017: entre amigos

A presentación hoxe da selección oficial de Cannes 2017 alenta a que xa é unha tradición deste blog: o repaso dos nomes novos e os nomes que se repiten dentro da competencia. Dos 18 filmes anunciados, catorce (o 78%) son de autores que regresan á primeira sección do festival. Á cabeza dos repetidores está o austríaco Michael Haneke, que compite por sétima vez por unha Palma de Ouro que gañou nas súas dúas últimas visitas a Cannes (e faino vinte anos despois da súa primeira participación no concurso grande con Funny Games). Detrás del sitúase a xaponesa Naomi Kawase, a muller cineasta máis veces (5) en competencia.

O prolífico coreano Hong Sangsoo concursa por cuarta vez. Estivo antes con Woman is the future of man, Tale of cinema, In another country e agora con The day after; este mesmo ano coloca outro título en sesión especial, Claire's Camera, con Isabelle Huppert e filmado polo menos en parte no festival do ano pasado (e suma, ademais, outras catro participacións en Un Certain Regard). Sete son os cineastas que regresan por terceira vez: o húngaro Kornél Mundruczó, o ruso Andrey Zvyagintsev, os franceses François Ozon, Jacques Doillon e Michel Hazanavicius, o ucraíno Sergei Loznitsa e o estadounidense Todd Haynes. Curioso é o caso de Doillon, "recuperado" para un concurso oficial que non pisaba dende os 80: estivo con La Drôlesse (1979) e La Pirate (1984). A súa volta prodúcese da man de dúas glorias nacionais: Auguste Rodin e o actor que fai del, Vincent Lindon. Por segunda ocasión visitan Cannes o alemán Fatih Akin (antes, en 2007, con The edge of heaven), o grego Yorgos Lanthimos e dúas mulleres, a escocesa Lynne Ramsay e a estadounidense Sofia Coppola (son tres polo de agora en competencia, igual que o ano pasado; o record de 4 sobre 20 en 2011 mantense coma un "fito" illado).

Como tamén vén sendo habitual os debutantes non son precisamente descoñecidos do certame. A competición non adoita ser lugar para experimentos, así que os outros apartados da oficial e as seccións paralelas serven de "probas de acceso" para ir coñecendo e cociñando novas fornadas de cineastas. Así, o coreano Bong Joon-ho ascende á competición despois de estar dúas veces en Un Certain Regard con Tokyo! (filme a seis mans de 2008) e Mother (2009) e presidir en 2011 o xurado da Cámara de Ouro. Pola súa banda, os irmáns Benny e Josh Safdie pasaron pola Quinzaine des Realisateurs en 2008 (The Pleasure of Being Robbed) e 2009 (Go Go Get Rosemary) e agora saltan ao contedor de maior visibilidade con Good Time, que achega a dose de estrelas que parece esixírselle a todo filme norteamericano en liza, neste caso Robert Pattison, que comparte cartel con Barkhad Abdi e Jennifer Jason Leigh (os dous poden presumir dunha candidatura ao Oscar, cousa que sempre dá puntos).

Robin Campillo chega como director ao concurso co seu terceiro filme, 120 battements par minute; mais como colaborador habitual de Lauren Cantet (tamén do filme que vai este ano a UCR, L'atelier) escribiu e montou a Palma de Ouro Entre les murs. O único realmente novo para Cannes é entón Noah Baumbach, e dende logo non é un autor por descubrir (se alguén se empeña en buscarlle algunha conexión cannoise pode atopar esta, mais iso xa sería pasarse da rosca).

Martin Pawley

xoves, 14 de abril de 2016

Cannes 2016: non busquen sorpresas

O anuncio esta mañá da selección oficial de Cannes 2016 devólvenos a un asunto, o da repetición de certos nomes na competición internacional, que xa tratamos no blog o ano pasado. O dito entón vale para agora en versión corrixida e aumentada, pois a edición de 2016 é aínda máis conservadora: a porcentaxe de cineastas que regresan á primeira sección é do 80%, a máis alta dende 2009. 

Só catro dos vinte nomes anunciados debutan a concurso: Maren Ade, Alain Guiraudie, Kleber Mendonça Filho e Cristi Puiu. Ningún deles é precisamente descoñecido entre os cinéfilos e dous deles son, de feito, habituais do festival que "ascenden" de categoría dentro da selección oficial. É o caso de Alain Guiraudie, unha das sensacións de 2013 con L'Inconnu du Lac, que competiu en Un Certain Regard e obtivo o premio á mellor dirección. Pola Quincena dos Realizadores Guiraudie pasou antes en tres ocasións: coa mediometraxe Ce vieux rêve qui bouge en 2001 e coas longas Pas de repos pour les braves e Le Roi de l'évasion en 2003 e 2009 respectivamente. Cristi Puiu, pola súa parte, chegou á Quincena en 2001 con Marfa si Banii e foi premio Un Certain Regard con A morte do señor Lazarescu, o filme que nos fixo reparar a todos na espléndida xeración de creadores que se estaba cociñando en Rumanía. A UCR volveu anos despois con Aurora. Puiu é ademais autor dunha das curtas do filme colectivo Les Ponts de Sarajevo, exhibido en 2014 coma sesión especial.

Para o brasileiro Kleber Mendonça Filho tampouco é a primeira vez en Cannes, pois presentou a curta Vinil verde na Quincena en 2005. Aquarius, o filme co cal concursa este ano, é a súa segunda longa de ficción logo do éxito acadado con O som ao redor. Si se estrea en Cannes (coma directora) Maren Ade coa súa terceira longametraxe, Toni Erdmann. A anterior, Alle anderen, competiu na Berlinale. 

Todos os demais xa estiveran antes alá na Croissette. Paul Verhoeven volve logo de vinte e catro anos: a súa única visita anterior a concurso foi no 1992 con Instinto básico. É tamén a segunda vez para Sean Penn (en 2001 con The pledge) e dous que apuntan a converterse en "sospeitosos habituais", Jeff Nichols (en 2012 con Mud) e Xavier Dolan (en 2014 con Mommy). Son sete os que van á competición por terceira vez, cinco homes (Bruno Dumont, Brillante Mendoza, Cristian Mungiu, Nicolas Winding Refn e Park Chan-wook) e dúas mulleres (Andrea Arnold e Nicole García). Con cinco participacións temos a Olivier Assayas e Pedro Almodóvar e con sete aos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne e a Jim Jarmusch. En época recente lidera a táboa de repetidores Ken Loach, que coa de 2016 suma xa trece filmes a concurso dende Looks and smiles en 1981. Dos súper-veteranos en Cannes, nin Jarmusch (*), nin Assayas nin Almodóvar gañaron aínda a Palma de Ouro.

Martin Pawley. (*) Jim Jarmusch obtivo a Palma de Ouro no concurso de curtametraxes no 93 con "Coffee and cigarettes".

xoves, 16 de abril de 2015

Cannes 2015: un lugar para o reencontro

Dicía o martes que hoxe teríamos as solucións ao enigma de Cannes, mais o certo é que non as temos todas: déronse a coñecer 17 títulos en competición e restan aínda "dous, tres ou catro" que se sumarán nas próximas semanas. Podería haber oco, entón, para algún gran autor ausente no anuncio desta mañá -Sokurov, en particular-, mais como é lóxico non haberá sitio para todos os potenciais: Terence Davies, Apichatpong, Johnnie To, Malick e Kawase, entre outros.

Non cambia significativamente o conto, con todo, respecto do dito antonte. Na primeira sección do festival o espazo para os riscos e sorpresas é moi limitado; para iso queda Un Certain Regard. Perpetúase a repetición de nomes: dos 17 cineastas desvelados, 10 concursaron con anterioridade en Cannes e 7 deles fano como mínimo por cuarta vez. Os máis veteranos, Nanni Moretti (gañador en 2001 con La stanza del figlio) e Hou Hsiao-hsien, con sete edicións (empatan con Godard). Regresa por sexta vez Paolo Sorrentino, o fillo predilecto de Cannes en época recente, e por cuarta Jacques Audiard, Gus van Sant (o outro gañador da Palma de Ouro da listaxe, en 2003 con Elephant), Jia Zhangke e Hirokazu Kore-eda. "Tripite" Matteo Garrone e volven por segunda vez Tood Haynes (que estivera en 1998 con Velvet Goldmine) e Maïwenn.

Dos sete debutantes na competición, tres xa formaran parte de Un Certain Regard. É o caso de Yorgos Lanthimos, Joachim Trier e Denis Villeneuve, que "ascenden" á Champions League con filmes falados en inglés e elencos estelares. Entran por vez primeira na selección oficial os catro que quedan: Stéphane Brizé (que estivo en Quinzaine con La Bleu des Villes e optou á Cámara de Ouro), Valerie Donzelli (na Quincena cunha curta en 2008, inaugurou Semana da Crítica en 2011 con La guerre est declarée), Justin Kurzel (na Semana da Crítica en 2005 coa curta Blue tongue e en 2011 coa longa Snowtown) e László Nemes, o único dos 17 que nunca tivo un filme propio en Cannes. Foi, iso si, axudante de dirección de Béla Tarr n'O home de Londres, que concorreu á Palma de Ouro en 2007.

Martin Pawley. Esta anotación será actualizada nas próximas semanas, en canto se anuncien os títulos que faltan da competición.

martes, 14 de abril de 2015

Os "sospeitosos habituais" de Cannes

Pasadomañá anunciaranse os filmes que conforman a selección oficial do Festival de Cannes 2015 (competición, Un certain regard, fóra de competición, proxeccións especiais e curtametraxes). Obviamente, a maior atención lévaa a listaxe da competición, dende a certeza de que ese é o principal escaparate festivaleiro que un filme pode ter. Unha das queixas comúns en relación a ese magnífico escaparate é a repetición de certos nomes. O ano pasado fixen un reconto dos filmes que estiveron a concurso no que vai de século (dende 2001 até 2014, incluídos) para comprobar se esa repetición era ou non unha sensación xustificada. E abofé que o é.

No período considerado o campión é Ken Loach con seis participacións a concurso. Despois, con cinco edicións, veñen os irmáns Dardenne, Paolo Sorrentino e Nuri Bilge Ceylan. Con catro están Alexander Sokurov, David Cronenberg, os irmáns Joel e Ethan Coen, Lars von Trier, Michael Haneke e Naomi Kawase. É máis ampla a listaxe dos que estiveron tres veces: Abbas Kiarostami, Aki Kaurismäki, Atom Egoyan, Bertrand Bonello, Carlos Reygadas, Gus van Sant, Hong Sangsoo, James Gray, Jia Zhangke, Hirokazu Koreeda, Ye Lou, Mike Leigh, Nanni Moretti, Olivier Assayas, Walter Salles e Pedro Almodóvar. Son case 50 os cineastas que estiveron en dúas ocasións a competición.

Se consideramos tamén as edicións anteriores ao 2001, o campión en activo segue a ser Ken Loach con 12 participacións dende 1981 con Looks and smiles. Comparten o segundo posto Lars von Trier e Wim Wenders con nove. A medalla de bronce é para os irmáns Coen con oito. Con sete filmes a competición está Jean-Luc Godard e con seis os Dardenne, Michael Haneke, Atom Egoyan, Nanni Moretti, Hou Hsiao Hsien, Marco Bellocchio, André Techiné e Jim Jarmusch, ademais do defunto Alain Resnais. A maioría destes autores manteñen o seu prestixio case intacto; para outros a primeira liña da Croisette tende a ser máis ben cousa do pasado, caso de Wenders e Techiné.

A reiteración pesa moito no cómputo final. En 2012 houbo 22 filmes a competición e 16 correspondían a cineastas que como mínimo repetían (73%). Dos 20 filmes a competición de 2013 14 eran de autores “repetidores” (70%) e algo parecido aconteceu o ano pasado, con 13 dos 18 filmes a concurso obra de directores que xa estiveran nesa circunstancia con anterioridade (72%). E ollo, porque dez deses trece competían en Cannes como mínimo por terceira vez, un 56% do total. O récord de repetidores deuse en 2009: 19 dos 20 cineastas a competición volvían a Cannes. A única debutante aquel ano foi Isabel Coixet. No que vai de século a porcentaxe media de cineastas que repiten a concurso é do 61%.

É evidente que de incluírmos no reconto as participacións “oficiais” noutros apartados que non son o competitivo a análise das filias cannoises sería moito máis precisa e completa. Sabemos que hai autores que van e veñen da competición a Un Certain Regard e viceversa, e outros que van escalando chanzos coidadosamente até se converteren en definitivamente inevitábeis; é o caso dun Xavier Dolan, por exemplo, que hoxe por hoxe é máis “de Cannes” que outros con notábel experiencia pasada coma Ye Lou ou Walter Salles (tres veces a concurso, como xa foi dito). Asumo esas deficiencias porque, realmente, o que pretendía constatar era esa “abundancia de repetidores” que coloca algúns nomes de maneira sistemática na rumoroloxía previa ao anuncio do lineup. De quen falamos este ano? Quen ten película lista entre os máis queridos polo festival?

Pois... Paolo Sorrentino, por suposto (La giovinezza). Alexander Sokurov, Le Louvre sous l'Occupation. Nanni Moretti, Mia Madre. Naomi Kawase, An. Gus van Sant, The Sea of Trees. Hirokazu Koreeda, Our little sister. Arnaud Desplechin, Trois souvenirs de ma jeunesse. Jacques Audiard, Dheepan. Johnnie To, Design for living. Dous nomes que soan todos os anos, Hou Hsiao-hsien con The Assassin e Terrence Malick con Weightless (parece bastante máis factíbel o primeiro có segundo). Apichatpong Weerasethakul, Love in Khon Kaen. Pablo Trapero, El Clan. Nun ano no que supostamente apostan por visibilizar as mulleres directoras teñen a Maïwenn con Mon Roi. E Xavier Giannoli con Marguerite ou un vello coñecido coma Jean-Paul Rappeneau con Belles families, que xa estivo a concurso en 1971 e 1990? Un ascenso prototípico sería o de Yorgos Lanthimos con The Lobster, uns anos despois de estar en UCR con Canino e pasar, polo medio, pola oficial de Venecia con Alps. E estará lista That's What I'm Talking About de Richard Linklater, que competiu no seu día con Fast Food Nation? O xoves, as solucións.

Martin Pawley

venres, 20 de maio de 2011

Persoa non grata

Cando xa estaba todo o peixe vendido e coa certeza de que a moderación non produce portadas, o danés Lars von Trier, que deixou de parecerme interesante o século pasado, pronunciou en rolda de prensa a frase que fai del o protagonista de Cannes 2011: I understand Hitler. “Eu”, dixo, “realmente quería ser xudeu, mais logo descubrín que era nazi porque a miña familia é alemá, feito que me produciu pracer”; e a seguir ese Eu entendo a Hitler mentres xiraba a cabeza cara a súa actriz Kirsten Dunst.

A noiva de Spiderman debía estar desexando que, coma no filme que presentaban, un planeta errante batera nese intre contra a Terra para poñer abrupto peche ao encontro cos xornalistas, mais non sucedeu tal e o director seguiu soltando perlas: “Penso que fixo algunhas cousas malas, por suposto, mais podo imaxinalo sentado no búnker, ao final”. Que comprensivo! As some wrong things das que fala deben ser os non menos de once millóns de asasinatos que as estimacións máis xenerosas lle atribúen ao Holocausto nazi, por exemplo. Invadir un país e provocar unha guerra debe entrar tamén na categoría de cousas malas, igual que perseguir xente por causa da súa relixión, orixe étnica ou identidade sexual.

Horas despois o cineasta afirmou ter caído “nunha provocación” e con calculada hipocrisía pediu desculpas polas súas palabras, aceptadas de inmediato polos organizadores do certame que expresaran xa a súa conmoción. Todo podía ter rematado aí, mais onte o Comité de Dirección do Festival reuniuse de urxencia para declarar a Lars von Trier persoa non grata no festival, “con efectos inmediatos”. Pregúntome se como castigo lle retirarán o acceso á barra libre de champán no Palais.

Martin Pawley. Publicado o venres 20 de maio en Xornal de Galicia

xoves, 21 de abril de 2011

Hai un ano, en Cannes

Tal día coma hoxe hai un ano Xornal daba conta nas súas páxinas de cultura da presenza de Todos vós sodes capitáns na Quinzaine des Realisateurs de Cannes, no inicio dun entusiasta despregamento informativo que mesmo acabou dando pé a un blog específico no marco do festival.

Durante as semanas previas ao anuncio da Quincena encargueime, en nome da produtora Zeitun Films, de contactar cos xornalistas para informalos da selección do filme de Oliver Laxe baixo a promesa solemne de non publicaren nada até que fose oficial. No que atinxe a Iago Martínez podo afirmar que soubo a noticia case antes de se producir. Coñeceu en tempo real cada paso que demos, en parte porque é amigo, fóra de algún morno desencontro; mais sobre todo por termos a certeza de que poucos valorarían coma el o fito da participación cannoise e poderían escribir sobre o filme coa elegancia, coñecemento e respecto que lle é propia. Xusto é recoñecelo, porque é verdade.

Cando vin a primeira montaxe da película, alá por novembro de 2009, nunha altura na que os grandes festivais non eran máis que un soño, o primeiro que sentín foi orgullo. Orgullo polo amigo que fixera un filme fermoso, sólido e contemporáneo, unha obra que vencía debates estériles coma o dos xéneros para ocuparse dun asunto máis transcendente: por que facemos imaxes, por que as necesitamos. O amplo recoñecemento internacional posterior confirmounos que estabamos no certo, que a confianza non era froito dunha falsa ilusión. Por conscientes que sexamos da importancia da película, penso que non pasou tempo abondo para valorarmos a magnitude dos seus logros. Fáltanos perspectiva, mais temos as lembranzas.

Martin Pawley. Publicado o xoves 21 de abril en Xornal de Galicia

venres, 15 de abril de 2011

Festival de Cannes 2011

Xa sabemos os títulos que compoñen a selección oficial do Festival de Cannes 2011, acontecemento que como sempre dicimos supón o verdadeiro inicio da tempada cinematográfica. Na competición aparecen algúns sospeitosos habituais: os Irmáns Dardenne, dúas veces gañadores da Palma de Ouro; o finlandés Aki Kaurismäki, os italianos Nanni Moretti e Paolo Sorrentino ou a xaponesa Naomi Kawase, que parece regresar á primeira división despois dun tempo no que andou un chisco perdidiña. Xunto a eles, Lars von Trier (Melancolía) e Pedro Almodóvar (La piel que habito), directores que aseguran o interese dos medios e crean ao seu paso expectación, artística e da outra. O prestixio de Bertrand Bonello e sobre todo do veterano Alain Cavalier outorga un plus de qualité a un concurso no que atopamos figuras do circuíto festivaleiro coma Radu Mihăileanu ou o infatigábel Takashi Miike, que vai camiño de pulverizar os rexistros de produción de Raúl Ruiz.

Mais sen dúbida quen vai centrar a atención é Terrence Malick, por máis que a presenza de The tree of life estivese cantada dende hai meses. É o regreso a Cannes dun xenio que gañou alí hai máis de trinta anos o premio á mellor dirección pola fermosísima Días do ceo. Un certain regard abre con Restless de Gus van Sant e acolle no seu seo os novos traballos de Bruno Dumont, Robert Guédiguian e os surcoreanos Hong Sang-soo (outro hiperactivo) e Kim-ki duk, que coñeceu épocas mellores. Nas sesións especiais, unha dedicada ao sempre valioso Rithy Panh. Fáltanos coñecer os contidos da Semana da Crítica e a Quincena de Realizadores; iso será a semana que vén, e necesariamente nos traerá á memoria recordos moi gratos.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 15 de abril