venres, 15 de abril de 2011

Festival de Cannes 2011

Xa sabemos os títulos que compoñen a selección oficial do Festival de Cannes 2011, acontecemento que como sempre dicimos supón o verdadeiro inicio da tempada cinematográfica. Na competición aparecen algúns sospeitosos habituais: os Irmáns Dardenne, dúas veces gañadores da Palma de Ouro; o finlandés Aki Kaurismäki, os italianos Nanni Moretti e Paolo Sorrentino ou a xaponesa Naomi Kawase, que parece regresar á primeira división despois dun tempo no que andou un chisco perdidiña. Xunto a eles, Lars von Trier (Melancolía) e Pedro Almodóvar (La piel que habito), directores que aseguran o interese dos medios e crean ao seu paso expectación, artística e da outra. O prestixio de Bertrand Bonello e sobre todo do veterano Alain Cavalier outorga un plus de qualité a un concurso no que atopamos figuras do circuíto festivaleiro coma Radu Mihăileanu ou o infatigábel Takashi Miike, que vai camiño de pulverizar os rexistros de produción de Raúl Ruiz.

Mais sen dúbida quen vai centrar a atención é Terrence Malick, por máis que a presenza de The tree of life estivese cantada dende hai meses. É o regreso a Cannes dun xenio que gañou alí hai máis de trinta anos o premio á mellor dirección pola fermosísima Días do ceo. Un certain regard abre con Restless de Gus van Sant e acolle no seu seo os novos traballos de Bruno Dumont, Robert Guédiguian e os surcoreanos Hong Sang-soo (outro hiperactivo) e Kim-ki duk, que coñeceu épocas mellores. Nas sesións especiais, unha dedicada ao sempre valioso Rithy Panh. Fáltanos coñecer os contidos da Semana da Crítica e a Quincena de Realizadores; iso será a semana que vén, e necesariamente nos traerá á memoria recordos moi gratos.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 15 de abril

Ningún comentario:

Publicar un comentario