Dedicado a Paz Zeltia, que debe estar a ler "Un crocodilo..." a estas horas, velaí vai un vello post sobre o libro de Mariasun Landa.
J.J. é un home novo marcado pola soedade. Traballa como administrativo
nunha entidade bancaria e a súa vida non se afasta xamais dunha rotina
triste e gris. A insatisfacción de facer cada día o mesmo estoura cada noite no arrouto de
guindar os zapatos con enerxía, como se quixese desfacerse deles e do que
representan. J.J. non é feliz e un bo día a súa infelicidade adquire
unha forma concreta e inusual: a dun crocodilo de pel áspera que repousa
debaixo da súa cama.
J.J. tarda pouco en decatarse de que o crocodilo o ve só el. Comprende que non pode enfrontarse a el
coas armas da razón e da lóxica e que terá que afacerse a manter a súa
aparente existencia en segredo. Resígnase a convivir co animal, ao
que lle proporciona toda clase de zapatos e zocos coma alimento. Nin unha
veloz consulta no médico nin a
posterior charla co boticario alivian o seu problema, antes polo contrario, medra a súa inquietude; só coa lectura tranquila dos
prospectos dos medicamentos consegue identificar con claridade todos os seus
síntomas. Niso é que empeza a sentir, ademais, o alento da ilusión que quizá mesmo lle
permita achegarse a Helena, unha compañeira do traballo da que está
namorado. De súpeto o seu estado agrávase e debe retirarse uns días á
súa casa. Helena decídese a visitalo e J.J. ármase de valor e confésalle o
segredo do crocodilo que o atormenta. Mais Helena non se inmuta. Ela
tamén vive atormentada polo seu propio crocodilo, o crocodilo da soedade
e o medo á vida.
Un crocodilo debaixo da cama (Krokodiloa ohe azpian) é o excepcional libro polo
cal se lle concedeu en 2003 a Mariasun Landa un moi merecido Premio
Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Un texto sinxelo en apariencia que esconde dentro temas infrecuentes no xénero recollidos pola autora con sabiduría e agarimo, con tenrura e con humor. Nun final tan feliz coma
coidadosamente ambiguo os dous personaxes principais fican por fin
xuntos e dispostos a emprender o camiño que conduce ao amor, deixando
atrás frustracións e medos que en calquera caso non desaparecen: o crocodilo
resulta ser só unha lagartixa que se escapa pola xanela mais pode
volver en calquera momento. Mariasun Landa outórgalle ao relato un
ritmo vivísimo que nos impide erguer os ollos del, nada que nos resulte
estraño aos que xa disfrutamos doutros textos seus, coma Elefante corazón de paxaro ou o para min
insuperábel A Morte e
a Mestra, conto que leva moitos anos a dar voltas pola miña cabeza. Un crocodilo
debaixo da cama fala da necesidade de comunicarnos e de
sentírmonos queridos e converte as angustias do home moderno en
literatura de altísimo nível apta para todas as idades.
Martin Pawley
Amosando publicacións coa etiqueta Editorial Galaxia b>. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de setembro de 2014
domingo, 12 de febreiro de 2012
A verdade como mal menor
Mentiras arriscadas
Despois dos premios outorgados nas súas dúas primeiras edicións ás novelas de Miguel Sande e Anxos Sumai o Repsol YPF de Narrativa deu en 2008 un inesperado xiro ao destacar como mellor obra entre as presentadas unha de Xosé Luís Martínez Pereiro que desafía calquera esforzo de clasificación. A verdade como mal menor é unha compilación de corenta e cinco textos breves aos que case resulta difícil chamar relatos; un dos membros do xurado, Anxo Tarrío, dixo que encaixaba “no xénero clásico da facecia”, cultismo que cadra ben coa erudición retranqueira que segundo a presentación editorial caracteriza o volume e que quizá explique a presenza de frases enteiras en francés (páxinas 32, 33 ou 41) e italiano (páxinas 45 e 46) sen a correspondente tradución ao noso idioma. Martínez Pereiro cualificouno en A Nosa Terra de “divertimento” para logo advertir que el escribe “para pasalo ben” e “compartir eses bos momentos cos que me queiran ler”. A declaración revela a esixencia dun lector cómplice disposto a aceptar o enredo literario que o escritor propón, complicidade que é condición necesaria mais non suficiente para poñer en valor o libro e experimentar satisfacción coa súa lectura.
De duración variábel e apenas ligadas entre si, as pezas que compoñen A verdade como mal menor camiñan entre a reflexión de matices paródicos e esperpénticos e a chiscadela cultureta, alimentada por infinidade de referencias nalgúns casos documentadas e noutros nacidas da imaxinación do autor, un exercicio que en mans de grandes escritores -por exemplo, Cunqueiro ou Vila-Matas- leva producido magníficos resultados. Personaxes históricos como San Agustín de Hipona e a raíña Marie-Antoinette desfilan por unha obra que cita ademais moitos intelectuais contemporáneos, nomeadamente franceses, caso de Georges Bataille ou Alphonse Boudard, introducidos dentro do xogo creativo con intencións moitas veces desmitificadoras. Martínez Pereiro recoñece o seu gusto por humanizar os personaxes a forza de recordarnos que cometían erros e tiñan vida sexual. “Nietzsche non só filosofaba, tamén comía e tiña fantasías eróticas”, contaba hai unhas semanas nunha entrevista, e de feito é Nietzsche unha das vítimas da pulsión burlesca do escritor coruñés, que afirma do alemán que “igual non se masturbaba, pero está fóra de toda dúbida que (…) facía pallas mentais”, no que debe ser un exemplo da “fina ironía” que anuncia a contracapa. O sexo está moi presente de principio a fin e así iremos tendo noticia dos 758 amantes que tivo Pauline Bonaparte, a irmá pequena e favorita de Napoleón; do tamaño do membro viril de Louis XIV “Le Grand” e dos preservativos de intestino de ovella “que lle provocaban reacción” porque “os lavaba para dárenlles varios usos”, ou da excitación do psicólogo Havelock Ellis cando vía mexar a unha muller. O libro disque está cheo de desinhibición, atrevido erotismo e humor, mais eu non fun capaz de atopar nada diso por ningures. “Dun tempo a esta parte é moi doado dicir conachadas en literatura”, asegura o autor nas páxinas finais; con iso, pola contra, si que estou completamente de acordo.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 9, inverno 2009.

venres, 10 de febreiro de 2012
A vida nova de Madame Bovary
Amarga victoria
Empezarei cunha obviedade: a obra que Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) leva publicada permítelle ocupar xa unha páxina destacada na historia da cultura galega. É o único autor, xunto a Inma López Silva (Santiago, 1978), en ter recibido os dous premios de novela mellor dotados do país, o Xerais -en 1992, con O infortunio da soidade-, e o Blanco Amor -con Ébora, no ano 2000, que foi ademais Premio Eixo Atlántico-. Non remata aí a listaxe de galardóns que acumula o escritor verinés: ten o Torrente Ballester (Un xogo de apócrifos), o García Barros (Talvez melancolía), o Vicente Risco de narrativa fantástica (A rosa de Borges) e outros máis no ámbito da poesía (o Celso Emilio Ferreiro, o Cidade de Ourense ou o Johán Carballeira). A súa obra coñece unha difusión que para si quixeran a maioría dos autores galegos, mais non por iso deixa Caneiro de sentirse ignorado polo sistema, mesmo maltratado, recompensado apenas polo entusiasmo dun bo número de devotísimos seguidores que agradecen e aplauden a rabiar os seus cada vez máis voluminosos libros.
Caneiro ía para clásico en vida, mais polo de agora queda en autor de culto, que non é pouco. Exerce de outsider e polemiza cos seus colegas de profesión, nomeadamente Santiago Jaureguizar -"un redactor de escasa lucidez e ínfimo talento", dixo del no seu blog-, mais tamén Manuel Rivas e Suso de Toro. Porén é moi xeneroso co xornal onde escribe, tanto na nosa lingua como nesa que din “común”, até dicir con infinita desmesura que “non hai ningunha institución, persoa ou grupo político que faga unha defensa máis tenaz deste país e dos seus intereses que La Voz de Galicia”. Aí asoma o Caneiro fiel, amigo dos seus amigos, afectuoso e cordial. O escritor bohemio e amante dos boleros, música esa que García Márquez colocou no límite que separa o sublime e o ridículo. Esa condición fronteiriza, que o Nobel colombiano aplicaba tamén a Cien años de soledad, valería, salvando as distancias, oceánicas neste caso, para cualificar a escrita de Xosé Carlos Caneiro, e en particular a súa obra máis recente, A vida nova de Madame Bovary, pois toda ela fica nalgún punto intermedio do camiño que leva da xenialidade ao desastre, e na práctica situala nun ou noutro extremo depende tan só do grao de "caneirofilia" do lector, que adorará o seu desatado lirismo ou escachará de risa ante tanto melindre pretensioso.
Nas primeiras páxinas de A vida nova de Madame Bovary, a protagonista, Hermelinda, foxe dunha vida triste e gris, sen paixón, xunto a un home que a engana e cun título de Doutora en Literatura Comparada pendurado da parede. É unha “idiota que pasou vinte anos postrada aos pés do seu marido”, sempre á espera de que “alguén escribise para ela un poema de amor”, frases estas que parecen sacadas dunha novela de Danielle Steel. Hermelinda coñece a Arístide Rocamora, “vendedor de alfombras e enciclopedias”, buscador tamén de seres na procura dun compás que os guíe e que acaban confluíndo na pensión “O Gatopardo”, da que é patroa Aurorita, unha prostituta retirada, con “clase” e “cultura”.
Perdedores, noctámbulos e adictos ao amor crúzanse ao longo das setecentas páxinas dunha novela chea de referencias literarias que é Caneiro en estado puro, cunha prosa coidada que parece exixir máis un recitado que unha lectura, e desta volta quizá cun maior pouso de humor e optimismo. Unha nova demostración da coherencia estilística dun autor de quen non podemos negar que escribe moi ben iso que el quere escribir, e que no seu rexistro é imbatíbel: ninguén vai facer nunca de Caneiro mellor que Caneiro, igual que lle pasaba a Umbral, poñamos por caso. Que cada un decida logo se esta Vida nova é unha obra mestra ou un delirio romanticón; eu, se lles hei de ser sincero, atópome entre estes últimos.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 7, verán 2008.

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)