Amosando publicacións coa etiqueta Mariasun Landa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mariasun Landa. Amosar todas as publicacións

sábado, 6 de setembro de 2014

A Morte e a Mestra


Recuperamos a versión galega dun conto fascinante da escritora vasca Mariasun Landa, "Herioa eta Maistra":

A Morte e a mestra
Mariasun Landa

A Morte entrou paseniño naquel cuarto. A tarxeta que levaba na man era moi sucinta e dicía así:
Muller de sesenta e oito anos. Foi mestra noutrora. Viúva. Non ten fillos. Tranquila, teimuda e apaixonada pola lectura. Vive soa. Traballo sinxelo.
A Morte andaba ás présas e vendo que se trataba dun caso sen dificultades dispúxose a cumprir canto antes coa súa obriga. Así a todo, estrañouse ao se achegar cara a súa vítima: estaba na cama, por suposto, mais arrodeada de libros e dicionarios; estaba pálida, por suposto, mais escribía con moito coidado algo nun caderno. Custáballe respirar, por suposto, mais no seu ollar aínda asomaba o resplandor da vida...
Ben, non era a primeira vez que tiña que levar alguén contra a súa vontade, así que se puxo diante dela e empregou a fórmula habitual:
-Ven comigo. Chegou a túa hora.
Aquela muller ergueu a vista do caderno e non fixo ningún xesto de abraio diante da Todopoderosa Morte que se presentara alí para cortarlle o alento definitivamente...
-Vexo, si, que vén vostede na miña procura, Todopoderosa Dama, e diríalle que estou preparada se soubera dar cun final para este conto que inventei. Ese é o delgado fío que me ata á vida e debo confesar que para min sería moi benvida a súa axuda para cortar por fin esa ligazón...
Á Morte non lle pareceron raras aquelas palabras. Moitos eran os que ao final imploraban a súa axuda e a súa piedade. Ía responder cando, de súpeto, a que fora mestra dixo desde a súa cama:
-Trátase dunha muller que en tempos foi mestra e ao recibir a visita da Todopoderosa Morte pídelle axuda para rematar o conto que estaba escribindo...
-Vaites, vaites! -sorriu a Morte amosando os seus dentes negros negros.
-A Morte pensa que é unha cousa sinxela, mais ela tampouco é quen de acabar o conto...
-E logo pódese saber por que? -preguntoulle a Morte á mestra sarcasticamente, mentres afiaba a súa terríbel gadaña.
-A resposta é moi delicada. E hai moitas versións, respectabilísima Dama. Se cadra é que a Morte non leu libros abondo, nin escoitou contos abondo.
-Xa veremos! -moumeou a Morte desafiante. Arrancou o caderno das mans da mestra de xeito groseiro e torpe. E púxose a ler:


"A Morte entrou paseniño naquel cuarto. A tarxeta que levaba na man era moi breve e dicía así:
Muller de sesenta e oito anos. Foi mestra noutrora. Viúva. Non ten fillos. Tranquila, teimuda e apaixonada pola lectura. Vive soa. Traballo sinxelo.
A Morte andaba ás présas e vendo que se trataba dun caso sen dificultades dispúxose a cumprir canto antes coa súa obriga...
Así a todo, estrañouse...
Mais no seu ollar aínda asomaba o resplandor da vida...
Ben! Non era a primeira vez...
Así que se puxo diante dela...
Ven comigo. Chegou a túa hora.
Vexo, si, que vén vostede na miña procura, Todopoderosa Dama, e diríalle que estou preparada se...
Á Morte non lle pareceron raras...
Trátase dunha muller que en tempos foi mestra e que ao recibir a visita da Todopoderosa Morte...
Vaites, vaites!
Amosando os seus dentes negros negros.
Ela tampouco é quen de acabar o conto.
E logo pódese saber por que?
Sarcasticamente.
Non leu libros abondo, nin...
A Morte arrancou o caderno...
E púxose a ler...


"A Morte entrou paseniño naquel cuarto...
A Morte andaba ás présas.
Á Morte non lle pareceron raras.
Foi mestra noutrora.
Ao recibir a visita da Morte pídelle...
Sorriu a Morte.
A Morte pensa que é unha cousa sinxela.
Vaites, vaites!
Ela tampouco é quen de acabar o conto.
Afiando a súa gadaña.
Non lera libros abondo...
Non escoitara contos abondo...
Xa veremos!
E púxose a ler.


"A Morte entrou...
Paseniño... 

* * * * *

Tradución ao galego de Martin Pawley elaborada a partir da versión castelá e do texto orixinal en éuscaro

mércores, 3 de setembro de 2014

Un crocodilo debaixo da cama

Dedicado a Paz Zeltia, que debe estar a ler "Un crocodilo..." a estas horas, velaí vai un vello post sobre o libro de Mariasun Landa.

J.J. é un home novo marcado pola soedade. Traballa como administrativo nunha entidade bancaria e a súa vida non se afasta xamais dunha rotina triste e gris. A insatisfacción de facer cada día o mesmo estoura cada noite no arrouto de guindar os zapatos con enerxía, como se quixese desfacerse deles e do que representan. J.J. non é feliz e un bo día a súa infelicidade adquire unha forma concreta e inusual: a dun crocodilo de pel áspera que repousa debaixo da súa cama.

J.J. tarda pouco en decatarse de que o crocodilo o ve só el. Comprende que non pode enfrontarse a el coas armas da razón e da lóxica e que terá que afacerse a manter a súa aparente existencia en segredo. Resígnase a convivir co animal, ao que lle proporciona toda clase de zapatos e zocos coma alimento. Nin unha veloz consulta no médico nin a posterior charla co boticario alivian o seu problema, antes polo contrario, medra a súa inquietude; só coa lectura tranquila dos prospectos dos medicamentos consegue identificar con claridade todos os seus síntomas. Niso é que empeza a sentir, ademais, o alento da ilusión que quizá mesmo lle permita achegarse a Helena, unha compañeira do traballo da que está namorado. De súpeto o seu estado agrávase e debe retirarse uns días á súa casa. Helena decídese a visitalo e J.J. ármase de valor e confésalle o segredo do crocodilo que o atormenta. Mais Helena non se inmuta. Ela tamén vive atormentada polo seu propio crocodilo, o crocodilo da soedade e o medo á vida.

Un crocodilo debaixo da cama (Krokodiloa ohe azpian) é o excepcional libro polo cal se lle concedeu en 2003 a Mariasun Landa un moi merecido Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Un texto sinxelo en apariencia que esconde dentro temas infrecuentes no xénero recollidos pola autora con sabiduría e agarimo, con tenrura e con humor. Nun final tan feliz coma coidadosamente ambiguo os dous personaxes principais fican por fin xuntos e dispostos a emprender o camiño que conduce ao amor, deixando atrás frustracións e medos que en calquera caso non desaparecen: o crocodilo resulta ser só unha lagartixa que se escapa pola xanela mais pode volver en calquera momento. Mariasun Landa outórgalle ao relato un ritmo vivísimo que nos impide erguer os ollos del, nada que nos resulte estraño aos que xa disfrutamos doutros textos seus, coma Elefante corazón de paxaro ou o para min insuperábel A Morte e a Mestra, conto que leva moitos anos a dar voltas pola miña cabeza. Un crocodilo debaixo da cama fala da necesidade de comunicarnos e de sentírmonos queridos e converte as angustias do home moderno en literatura de altísimo nível apta para todas as idades.

Martin Pawley