Amosando publicacións coa etiqueta Charles Dickens. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Charles Dickens. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de decembro de 2011

A Christmas Carol de Charles Dickens

Por entre as pregaduras da túnica sacou fóra dous rapaces, ruíns, submisos, atemorizados, repugnantes, miserables. Axeonlláronse aos seus pés e agarráronse ao exterior da roupa.
-Ai, o home! Mira aquí. Mira, mira aquí! – exclamou o fantasma.
Eran un rapaz e unha rapaza. Pálidos, fracos, farrapentos, malencarados, alobados, pero tamén prostrados na súa humildade. Onde a agraciada xuventude debía encher as súas feituras, e dotalos coas súas cores máis frescas, unha man murcha e seca, coma a da vellez, dedicárase a beliscalos e retorcelos, e a desfacelos en anacos. Onde os anxos debían estar sentados en tronos, os demos vagaban á espreita, ameazando. Ningunha mudanza, ningunha degradación, ningunha perversión da humanidade, en ningún grao, de entre todos os misterios da creación, ten uns monstros a metade de horribles e espantosos.
Asombrado, Scrooge recuou cun pequeno salto. Mostrándose daquel xeito, tentou dicir que eran uns rapaces moi lindos, pero as palabras quedáronlle atravesadas: non querían participar nunha mentira de tal magnitude.
-Espírito! Son teus? -Scrooge non puido dicir máis.
-Son fillos do Home -dixo o espírito mirando para eles-. E agárranse a min suplicando polos seus pais. Este rapaz chámase Ignorancia. E esta rapaza chámase Necesidade. Gárdate deles dous, e de toda a súa parentela, pero sobre todo gárdate do rapaz, pois na súa fronte vexo escrita a condenación, a menos que esa escritura se borre. Négao! -gritou o espírito apuntando coa man cara á cidade-. Difama a aqueles que cho din! Admíteo para os teus fins perversos, e aínda peores! E espera o final!
-Non teñen ningún refuxio ou recursos? -berrou Scrooge.
-Acaso non hai cárceres? -dixo o espírito devolvéndolle por última vez as súas propias palabras-. Non hai casas de beneficencia?
A campá deu as doce.
...
Canto de Nadal, de Charles Dickens. Ilustracións de Roberto Innocenti. Tradución ao galego de Carlos Acevedo. Editorial Kalandraka. Idiomas dispoñibles: Castelán, Galego, Portugués


Poucos lectores han quedar que non teñan noticia do seu argumento, mil veces dramatizado e adaptado ao teatro e ao cinema e case sempre con escasa fortuna; os seus personaxes, empezando polo do protagonista Ebenezer Scrooge, pasaron xa a formar parte da mitoloxía popular ao se erixiren en símbolos universais. A clave está, como sempre, na habilidade do xenio inglés para dotar ao seu relato de elementos emocionais de inmensa efectividade que fan que sexa imposíbel entregarse ás súas páxinas sen sentir en todas e cada unha delas o pulso vibrante do seu aprecio polas persoas. Alén diso, a Canción de Nadal é outro magnífico retrato dun mundo cheo de inxustizas que Dickens combate con contaxiosa enerxía.

Ebenezer Scrooge é a encarnación da miseria e do egoísmo. Ao longo de toda unha vida de renuncia sistemática ao amor e de entrega ao exercicio estrito e mesquiño do seu traballo Scrooge deu en se converter nun individuo que só nos pode inspirar desprezo aos que entendemos que nel asoman moi poucos dos rasgos que nos identifican como humanos. Ebenezer non é realmente un ser vil e perverso, senón alguén que carece de sentimentos, condenado a existir sen chegar a experimentar o mais mínimo sopro da ledicia. Para el, como para tantos outros tamén hoxe en día, os pobres son xente sospeitosa que merece a súa desgraza, quizá un feixe de vagos e maleantes nos que malgastan os seus impostos as miserentas institucións públicas. O seu pensamento non difire moito do que algúns manifestan hoxe sobre os inmigrantes, feito que nos lembra que no mundo en que vivimos hai bastantes máis Scrooges dos que pensamos.

A Ebenezer dáselle unha oportunidade para mudar de actitude. A aparición do seu antigo socio, o defunto Jacob Marley, preludia as posteriores visitas dos tres espectros que lle amosan o Nadal do pasado, do presente e do futuro, nunha espiral de emoción crecente que vai desfacendo a resistencia do pobre vello. A lembranza da súa xuventude, coas tardes entregado á lectura como único xeito de fuxir da súa soidade, provócanlle un primeiro momento de fraqueza, pero o verdadeiro punto de inflexión é a aparición de Tim Cratchit, o fillo minusválido do seu escravizado dependente Bob. A familia Cratchit goza do Nadal con felicidade malia a súa pobreza. Dickens dosifica os elementos mais dramáticos e avánzanos a posíbel morte do cativo, pequeno e fráxil; xusto despois describe unha estampa aparentemente sen importancia, a de Tim entoando unha canción sobre un neno perdido na neve, detalle mínimo e sutil que sempre me pareceu revelador da grandeza dun autor sempre disposto a esnaquizar as nosas barreiras intelectuais. Entre unha cousa e outra o espírito do Nadal do presente ten tempo de citarlle a un avergoñado Ebenezer algunhas das súas palabras máis ferozmente malthusianas. A chegada do último dos espíritos e a visión dun futuro desolador e terríbel acabará por desarmalo por completo: a certeza de estar absolutamente só e o medo de saber que non é necesario para ninguén, que ninguén ha de botalo en falta, fan que Scrooge rectifique e se agarre desesperadamente á vida.

Martin Pawley

venres, 2 de decembro de 2011

E logo non hai cárceres?

-Segundo teño entendido, esta é a casa Scrooge & Marley -dixo un deles consultando unha listaxe. Teño o pracer de dirixirme ao señor Scrooge ou ao señor Marley?
-O señor Marley leva sete anos morto -replicou Scrooge. Precisamente esta noite fanse sete anos do seu falecemento.
-Non dubidamos que a súa xenerosidade estará ben representada polo socio sobrevivente -engadiu o cabaleiro amosando as súas credenciais.
E estábao, en efecto, pois os dous foran espíritos xemelgos. Ao ouvir a ominosa palabra "xenerosidade" Scrooge engurrou o ceño, sacudiu a cabeza e devolveulle os documentos.
-Nesta época de festas, señor Scrooge -seguiu a dicir o cabaleiro ao tempo que collía unha pluma-, é aínda máis necesario que de costume achegar uns poucos cartos para os pobres e desvalidos que tanto sofren nestes días. Son moitos miles os que carecen do máis elemental; centos de miles os que non teñen o máis pequeno benestar, señor.
-E logo non hai cárceres? -preguntou Scrooge-.
-Moitísimas -contestou o cabaleiro soltando a pluma de novo.
-E as Casas de Misericordia da Unión, -engadiu Scrooge- aínda funcionan?
-Claro que funcionan -replicou o cabaleiro-. Oxalá puidera contestar que non!
-Entón, están en pleno vigor o Torno e a Lei de Pobres? -engadiu Scrooge.
-E as dúas en plena actividade, señor.
-Ah! Temía, polo que dixerades ao comezo, que sucedera algo que as detivera na súa útil carreira -dixo Scrooge. Celebro moito sabelo.
-Na crenza de que esas cousas apenas han de proporcionar algunha cristiá ledicia espiritual e corporal ás xentes -alegou o cabaleiro- algúns de nós estamos tratando de crear un fondo para mercar alimentos e bebidas para os pobres, e tamén medios para quentarse. Eliximos esta época porque, entre todas, nela é cando máis se deixa sentir a necesidade e se celebra a abundancia. Por que cantidade quere que o anote?
-Por ningunha! -replicou Scrooge
-Quere facelo mantendo o anonimato?
-Quero que me deixedes en paz -contestou Scrooge. Posto que me preguntades que é o que desexo, xa sabedes a miña resposta, cabaleiros. Eu non me divirto no Nadal, e non teño por que divertir os nugalláns. Contribúo ao sostemento dos establecementos que citei; bastante me custan, así que os que estean en mala situación que vaian alá.
-Hai moitos que non poden ir, e outros tantos que preferirían morrer.
-Pois que morran -contestou Scrooge- e así diminuirá o exceso de poboación. Ademais, perdoádeme, non sei de ningún caso deses.
-Podería coñecelo -observou o cabaleiro.
-Iso a min non me incumbe -contestou Scrooge. Xa teño abondo con atender o meu negocio como para ir meterme no dos demais. O meu tenme constantemente ocupado. Boas tardes, cabaleiros!

Canción de Nadal, Charles Dickens



*Tres persoas sen teito morreron nas rúas da Coruña na última semana.