Así arrancou a (gloriosa) carreira de Leo Lionni no campo do álbume ilustrado. Faltáballe pouco para facer cincuenta anos e tiña unha ampla e exitosa experiencia nos Estados Unidos coma deseñador gráfico en revistas e axencias publicitarias, nas que soubo integrar o rompedor traballo de creadores hoxe míticos coma Andy Warhol, Alexander Calder ou William de Koonig. Antes, na súa mocidade en Italia, acadara certa sona coma pintor. A Italia regresou en 1960 para iniciar unha nova etapa coma autor de libro infantil e experimentar as inmensas posibilidades da colaxe.
Pequeno Azul e Pequeno Amarelo (1959), a súa primeira obra mestra, segue a marabillarnos hoxe pola súa audaz aposta pola abstracción. Os protagonistas son manchas de cores que xogan e brincan -menos na escola, representada por un represor rectángulo negro-; nunha desas, ao se dar unha aperta, o azul e o amarelo acaban por mesturarse nun verde que os fai irrecoñecíbeis a ollos das súas familias. A tristura de se sentiren rexeitados polos seus provoca as bágoas, que os devolven ás cores orixinais e á felicidade do fogar: as cores comprenden axiña que poden mesturarse sen medo, unha metáfora nítida, sinxela e poderosa. Imposíbel non ver neste libro un referente para unha alfaia da LIX de noso, De cores e de amores de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Unha mensaxe igualmente fértil, a da eficacia do traballo en equipo, desenvólvea en Nadarín (1963). Nun océano de peixes vermellos, o peixe negro séntese fóra de lugar e vai na procura das marabillas do mar -anémones, medusas, lagostas- resoltas por Lionni en elegantes ilustracións. Un gran predador ameaza un grupo de pequenos peixes vermellos e Nadarín convence o cardume de se organizar para nadaren xuntos conformando un único corpo moito maior. E iso que ser grande non sempre é útil. O caracol que soñaba con ter A casa máis grande do mundo (1968) acaba descubrindo as desfavorábeis consecuencias do exceso de ambición e do cultivo caprichoso das aparencias, nun volume ilustrado con rechamantes imaxes figurativas.

Martin Pawley
* * *
Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, Nadarín, Frederick, A casa máis grande do mundo e O soño de Matías están publicados en galego por Kalandraka.
Ningún comentario:
Publicar un comentario