mércores, 30 de xaneiro de 2013

Jack Reacher (Christopher McQuarrie, 2012)

O sagaz produtor, dinamizador de proxectos e (moi) limitado actor Tom Cruise indaga nas súas posibilidades de perpetuación como megaestrela en Jack Reacher, tentativa de apertura doutra saga de acción, unha adaptación da popular serie de novelas do escritor macarra Lee Child en torno a un fantasmal e brillante ex policía militar.

A película, dirixida por Christopher McQuarrie, resulta excesivamente calculada, unha operación industrial milimetricamente preparada que ten o seu reflexo na posta en escea e o vagar da narración. Entretida, moi atractiva e tensa por momentos, dona dun inicio poderoso e varias secuencias climáticas elaboradas (persecución en coche, pelexas, reconstrución do crime), Jack Reacher posúe unha mestura de elementos que van da incidencia noir a certas rupturas co cine de acción contemporáneo. Porén, todos eles carecen tanto do desexado equilibrio entre as pezas chave (investigación, retrato do antiheroe e a súa contorna, parte física da trama) como dun maior sentido lúdico –e humor: agás un excelente e autoparódico Robert Duvall, desaprovéitase a baza do malvado cheo de matices encarnado polo gran Werner Herzog- formulando serias dúbidas sobre o devir da franquicia, con ou sen Cruise. Nota: 5/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario