mércores, 18 de xaneiro de 2012

Baixo o signo de Cetus



A Alejandro e Penélope, pais dun neno que nacerá baixo o signo de...

Como moitos de vostedes saberán, o Zodíaco é o conxunto das doce constelacións (permitan a licencia polo de agora) sobre as cales se debuxa a Eclíptica, e que conforman o pano de fondo polo que vai pasando o Sol, a Lúa e os planetas na súa marcha pola bóveda celeste. Menos coñecido é o feito de que a causa do movemento de precesión da Terra, que fai que o seu eixo de xiro se sacuda coma unha peonza describindo un círculo completo ao longo duns vinte e seis mil anos, ese decorado non é sempre o mesmo, senón que varía ao considerarmos periodos de tempo amplos. Hoxe o eixo da Terra apunta cara a Estrela Polar, mais non sucedía iso cando nacían as civilizacións nas beiras do Tigris e do Éufrates, por exemplo, e tampouco se dará esa feliz casualidade (tan útil para orientarse pola noite no hemisferio norte) dentro de seis ou sete mil anos, como poderán comprobar os nosos descendentes se é que daquela fica alguén aquí para contalo.

A división do camiño do Sol en doce constelacións foi feita hai moitos, moitísimos anos. Os horóscopos que saen nos periódicos e nas revistas seguen dicíndonos que os nacidos entre o 21 de marzo e o 20 de abril pertencen ao signo de Aries, dando por suposto que é entre esas datas cando o Sol transita polas fronteiras absolutamente arbitrarias que lle asignamos a tal constelación. Mais o certo é que hoxe en día as cousas non son así. Calquera persoa pode entreterse a comprobar en que datas o Sol atravesa cada constelación do Zodíaco botando man de sinxelos programas de ordenador. Eu fixen a proba, e estes son os resultados. Non tomen con demasiada rixidez as datas; máis ben recoméndolles que as estendan no seu proprio proveito, e se de verdade queren ser Leo, digan que son Leo aínda que teñan nacido en plena primavera.

19 Abril: Aries
14 Maio: Taurus
22 Xuño: Gemini
22 Xullo: Cancer
12 Agosto: Leo
18 Setembro: Virgo
1 Novembro: Libra
24 Novembro: Scorpius
1 Decembro: Ophiucus
19 Decembro: Sagittarius
21 Xaneiro: Capricornus
17 Febreiro: Aquarius
12 Marzo: Pisces

Como poden ver, as constelacións zodiacais son trece e non doce. De feito, se me animan un pouco diríalles que son catorce: se coñecen algún rapaz que nacera aí polo 27 ou 28 de marzo, cóntenlle cando sexa maior que ten o privilexio de ter nacido baixo o signo de Cetus, constelación que o Sol roza por esas datas. E sobre todo, tráteno ben e procuren que sexa feliz. Aos do signo de Cetus, e a todos os demais.

1 comentario:

  1. Versión moi lixeiramente retocada dun vello post publicado no blog días estranhos.

    ResponderEliminar