Amosando publicacións coa etiqueta Sérgio Oksman. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sérgio Oksman. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de setembro de 2017

Encontros e despedidas. Dous filmes de Sérgio Oksman.

O cineasta Sérgio Oksman levaba máis de vinte anos sen ter contacto co seu pai, Simão, cando, nunha viaxe a São Paulo en 2013, decidiu ir na súa procura. Atopouno e do reencontro xurdiu unha promesa: a de viviren xuntos o ano seguinte a Copa do Mundo de fútbol que se celebraría no Brasil. O acordo é o punto de partida dun filme que engana pola súa aparente transparencia. Sérgio documenta as semanas compartidas cos jogos como escusa para a convivencia de pai e fillo, jogos vistos nas pantallas de televisión dos bares ou apenas intuídos, na distancia, polos berros dos asistentes aos estadios. Mais o futebol que verdadeiramente liga aos dous é o do pasado, o dos anos 70, o que viviron aínda en familia. O presente é a amargura e a derrota, a persoal e a colectiva. O proxecto cinematográfico fora concibido inicialmente con regras e estruturas formais fixas para retratar a rutina -e mesmo o tedio- no día a día de traballo e crucigramas do pai recobrado, coa paisaxe de fondo dun país devorado pola loucura escapista do Mundial e as Olimpíadas. Mais a rigorosa planificación fica alterada pola realidade da vida, que desvela paralelismos inesperados, e aínda máis pola realidade da morte. Foron precisos moitos meses de montaxe para que Oksman e Carlos Muguiro re-pensaran e deran nova forma ao material fermoso e delicado, emotivo porque non quere ser melodramático, deste documental que algunha vez quixo ser ficción.

A story for the Modlins, outro relato dun fracaso, anuncia no título a súa intención, que non é a de explicar o misterioso retiro en España dunha familia americana senón inventar para eles unha historia. Unha desas historias ocultas que, porén, transcorren diante dos nosos ollos, tan diante de nós que esta até comeza na pantalla do cinema, co patriarca, Elmer, como extra dun filme mítico, Rosemary's Baby. Ao final o que resta dunha vida, por estraña que for, pode non ser máis que unha colección de fotografías, vídeos e recordos tirados a un contentor de lixo na rúa.

Martin Pawley. Texto escrito para a folla de sala da proxección de "A Story for the Modlins" (2012) e "O Futebol" (2015) no "Há Filmes na Baixa" do Porto/Post/Doc. Texto en portugués, aquí.

luns, 30 de novembro de 2015

O futebol (Sérgio Oksman, 2015)


Despois dunha longa separación, un pai e un fillo reencóntranse durante o mundial de fútbol do Brasil de 2014. O fillo é cineasta e documenta o tempo compartido. Mais a morte aparece e transfórmao todo. O futebol non é o rexistro transparente e directo dunhas semanas de vida en común, senón unha obra minuciosamente reescrita e reelaborada ao longo de meses de montaxe, necesarios para afrontar con elegancia e pudor materiais tan delicados como a familia e a enfermidade. Un filme sen golpes de efecto melodramáticos, honesto e nobre e, por iso mesmo, sumamente emocionante. Nota: 8/10.

Martin Pawley. Nota escrita para o Porto/Post/Doc (versión portuguesa, aquí). O filme de Sérgio Oksman e Carlos Muguiro vese no festival portugués mañá 1 de decembro ás 18:30 no Teatro Municipal Rívoli. Dous días despois, o xoves 3 de decembro,  inaugurará o festival Márgenes.