Amosando publicacións coa etiqueta José Luis Guerín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta José Luis Guerín. Amosar todas as publicacións

mércores, 30 de decembro de 2015

5 de 2015

por Elena García Román

A tarefa de escoller, case tan difícil coma estimulante, ponme nunha liña de saída alentadora.  Dúbidas e indecisións, así como certezas e afirmacións, foron dando forma á miña listaxe, e ao final estas son as elixidas.

Paulina (Santiago Mitre)
É unha desas películas aparentemente sinxelas, que presenta temas como a loita de clases sociais, a pobreza ou a violencia. O que a fai diferente, o que nos chega dela, é a grandeza da súa personaxe principal. Dolores Fonzi busca desafiar tanto as nosas conviccións como a nosa capacidade de compresión e empatía.

The Lobster (Yorgos Lanthimos)
Comedia? Firme crítica sobre eses roles establecidos por unha sociedade que nos vai engulindo. A pregunta é se somos quen de asumilos ou preferimos pola contra rebelarnos. Sermos capaces de ter valor coma individuos ante unha total inmersión dentro dun grupo que nos ordena e clasifica, podería ser a resposta.

The Assassin (Hou Hsiao-Hsien)
Con esta película chegou a exuberancia, o pracer estético, a beleza. Nela o peso da tradición serve para poder desenvolver unha evocación postmoderna dentro das artes marciais. Só hai un fin, deixarse levar pola simbiose perfecta entre o fluír do tempo e o palpitante cromatismo.

La academia de las musas (José Luis Guerín)
É a evocación da palabra, do seu uso e mal uso. Da súa autoridade e tiranía. Así tamén, a complicidade co espectador, valéndose dunha corda que aínda que se tense por momentos, vai deixándose afrouxar grazas os nosos tímidos sorrisos. Sen dúbida, o valor da linguaxe en estado puro.

As Mil e Uma Noites (Miguel Gomes)
Esta triloxía invadiume. Baixo a batuta de Sherezade, a orixinalidade desta historia navega dende o máis obvio ata o máis etéreo. Firme, decidida e atrevida proposta de Gomes, que ten o Portugal actual como pretexto para inquietar, desolar e encantar, tal e como indican os títulos dos seus tres volumes.
Saír do cine cunha frase gravada na cabeza, usada case a modo de mantra "Oh venturoso rei", sen poder desprenderte dela en días... Poucas son as películas que nos hipnotizan así, poucas as que son capaces de deixar ese pouso calmo tinxido de desasosego.

sábado, 16 de xullo de 2011

Invención da imaxe e centros de arte


A diversificación da actividade do cineasta barcelonés José Luis Guerín (1960) permítelle nos últimos anos o aumento do volume do traballo ao tempo que a entrada noutras canles de difusión, os centros de arte. O autor de grandes títulos da historia do cine, de Tren de sombras (1997) a En la ciudad de Sylvia (2007), ofrece nestes días –desde decembro de 2010 e ata o 28 de agosto– unha exposición a modo de instalación audiovisual, La Dama de Corinto. Un esbozo cinematográfico, dentro do Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente de Segovia.

Despois de gozar na Bienal de Venecia 2007 da montaxe fotosecuencial Las mujeres que no conocemos, a historiadora da arte –ex directora do Reina Sofía– Ana Martínez de Aguilar queda fascinada por esta vertente creativa de Guerín. Contactan e xorde unha proposta específica para o museo segoviano, unha instalación en varias salas –cadros proxectados– acompañada dunha publicación. No libro, con textos de Martínez de Aguilar e Calvo Serraller, inclúese, establecido Guerín na epístola fílmica –quente a correspondencia (CCCB) con Jonas Mekas–, a obra fílmica central en DVD, Dos cartas a Ana.

A peza –media hora– profundiza no presuposto previo, o proveito das relacións pintura-cine e a constitución das imaxes en Occidente. Conto de esbozos e sombras, Guerín constrúe en ton didáctico e poético o paralelismo pantalla-lenzo mentres indaga na súa querencia polas orixes, a esencialidade e a decantación por unha arte austera, onde a presenza do mito, as imaxes desaparecidas e a invocación a Plinio o Vello –Historia Natural– comportan unha explicación da arte impregnada de ilusión, frescura e sabedoría.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 16 de xullo de 2011

domingo, 26 de xuño de 2011

José Luis Guerín, eloxio do inacabado

Poucos cineastas son capaces de explicar con tan elocuente precisión a súa propia obra –e a dos outros: estamos ante un pensador e analista con frutíferos resultados mesmo na docencia– como José Luis Guerín (Barcelona, 1960). Poucos son tamén os directores na historia do cine español que, instalados, como Guerín, nunha mirada de insubornable radicalidade, reflexiva, comprometida e razoada, irrompesen desde o inicio da súa traxectoria –sobre todo coa súa segunda longametraxe, Innisfree (1991), regreso ao mito con El hombre tranquilo na memoria– de xeito tan persoal e influente.

Cineasta con conciencia de autor que funciona en simultáneo como arqueólogo, explorador e detective de formas, hai en Guerín unha confluencia de coñecemento e respecto polo legado, unha medida conxunción de sabeduría, reflexión, poesía, ensaio, procura de pureza e sinxeleza que facilita construcións visuais e narrativas indagatorias, consistentes mergullamentos no tempo.

Logo de traballos curtos en diferentes formatos e vocación autodidacta, un precoz José Luis Guerín auscultaba o desexo feminino na apenas entrevista Los motivos de Berta (1983), esbozo da maxistral En la ciudad de Sylvia (2007), peza maior presente en Venecia 2007, onde establece unha suxestiva xeografía de rostros que indaga na mirada, o tempo e as relacións humanas a través dun relato delicado e mínimo. Este ano –xermolo dos materiais de Guest (2011)– devén fundamental. Guerín recolle a riqueza e diversidade do cine contemporáneo colocándose en puntos de debate centrais. Isto representa unha entrada noutras canles de expresión e difusión: a instalación Las mujeres que no conocemos (Bienal de Venecia) e o cuestionamento do propio proceso de traballo –o bosqeuxo como signo tutelar– nas imaxes fixas de Unas fotos en la ciudad de Sylvia.

Se na fermosa Tren de sombras (1997) superpoñía ensaio, fake, cine de (falsa) metraxe atopada nunha brillante mostra dos resortes e orixes da escritura fílmica, En construcción (2001) incorpora no cine español a complexa dialéctica ficción-non ficción, ao tempo que acada premios e recoñecemento. Guerín é dono na actualidade, mentres circula Guest, de novas imaxes vivas: a correspondencia co gran Jonas Mekas (CCCB), o estudo sobre pintura e cine La Dama de Corinto (Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, Segovia) e a contribución ao filme colectivo –con Straub e Claire Denis– do festival coreano de Jeonju, Recuerdos de una mañana.

José Manuel Sande. Publicado o domingo 26 de xuño en Xornal de Galicia

sábado, 30 de maio de 2009

Almodóvar vs Boyero


A polémica cultureta da semana ofrece unha xusta combinación (axitada, non removida) de lercheo e cinefilia: á volta do Festival de Cannes Pedro Almodóvar escribiu no seu blog unha longa anotación cuestionando a actitude do colaborador de El País Carlos Boyero cara o cinema en xeral e os seus filmes en particular. Egos e personalismos á parte, o escrito do gran autor manchego apunta na mesma dirección que a carta promovida en setembro por Víctor Erice, José Luis Guerín, Miguel Marías e Álvaro Arroba e á cal se sumaron logo unha morea de directores, programadores e críticos até completar case trescentos nomes, incluído o meu. O detonante daquilo foi o tratamento que Boyero dera nese xornal da Mostra de Venecia, e o que se criticaba non era o seu innegábel dereito a marchar dunha sala na que proxectan a última obra mestra de Abbas Kiarostami para contalo logo como se fose unha fazaña, senón o desprezo explícito que ese medio manifesta acotío polas obras máis innovadoras e arriscadas que procuran camiños alternativos aos de sempre. A intención era facerlles notar que ao ignorar esoutro cinema que raras veces chega ás salas comerciais estaban desinformando aos seus lectores, que merecen un tratamento dos contidos cinematográficos non menos rico e variado en opinións que o que se lles proporciona no ámbito do libro, a música, a política ou o deporte. E da mesma maneira que ninguén mandaría a cubrir a final da Champions League a alguén que odie o fútbol, non parece sensato enviar unha e outra vez aos grandes certames internacionais a unha persoa que se limita a ver unha porción mínima da programación e aínda por riba faino con evidente desagrado.

Desta volta o Comité de Redacción de El País saiu en defensa do seu compañeiro cunha nota na que califican o ataque de Almodovar de “descarnado”, coma se os textos de Boyero fosen polo usual xentís e xenerosos, e na que acaban contándolle ao director o que ten que facer: o seu deber é seguir creando boas películas, explican, e o deles dar as opinións que lles pareza, un xeito pouco sutil de dicirlle “cala a boca que aquí os que falamos somos nós”. Pois menos mal que traballan nun xornal supostamente “progresista”; se chega a ser reaccionario, non quero nin imaxinar o que farían.

Martin Pawley. Publicado o sábado 30 de maio no sitio web de Xornal de Galicia