luns, 14 de agosto de 2017

Proxecto NIMBOS: Esmeralda (Bruno Delgado, 2017)


Curtametraxe de Bruno Delgado para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Intérpretes: Marta Morais Miranda e Manuel Bouzas Barcala. Realizado en Santiago e Chiloé (Chile).

ESMERALDA

Herba pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
¿por qué de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
mais pequeño sin ti!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

mércores, 9 de agosto de 2017

Filmes do Homem 2017, alén das decisións do xurado

por Miguel Castelo

La chambre vide / O cuarto baleiro, de Jasna Krajinovic, Cidade Pequena, de Diogo Costa Amarante, e Tarrafal, de Pedro Neves, veñen de obter o Premio Jean Loup Passek ao mellor filme nas modalidades de longametraxe e curtametraxe internacional e longametraxe portuguesa, respectivamente, no encontro cinematográfico Filmes do Homem que, organizado pola Associação de Produção e Animação Audiovisual AO NORTE, co obxectivo de “promover e divulgar o cinema etnográfico e social, refletir sobre identidade, memória e fronteira e contribuir para um arquivo audiovisual sobre a regiao”, tivo lugar, entre os días 1 e 6 do presente mes de agosto, na vila portuguesa de Melgaço. A infelicidade familiar orixinada pola morte dun fillo na guerra de Siria, os sentimentos e a memoria familiar através dunha ollada adolescente e un retrato do bairro portuense de São João de Deus conformado pola evocación dos seus habitantes constitúen os temas abordados polos seus autores.

O xurado composto polo cineclubista André de Oliveira e Sousa (Porto), as realizadoras Graça Castanheira (Angola) e Iris Zaki (Israel), o produtor e realizador Rodrigo Areias (Guimarães) e o xornalista e programador brasileiro Sérgio Rizzo (Brasil), decidiu premiar estas pezas de entre todas as presentadas (quince e nove, respectivamente) pola súa “temática atual e relevante, retratando uma ausência dolorosa; narrativamente, a realizadora foi capaz de intercalar as esferas do público e do privado, da mesma forma que conjuga a palavra com momentos de silêncio, que deixam espaço ao espectador para respirar e refletir”; por se tratar de “um filme peculiar que desafia a fronteira entre documental e ficção, refletindo sobre a infância e a morte... ; as dimensões sonoras e visuais são conjugadas através de uma montagem poética que contribui para um ambiente imersivo que envolve o espectador” e por presentar “o retrato de uma memória geográfica e afetiva através das ruínas de um lugar, de se aproximar das pessoas e de despertar as memórias e a nostalgia de um passado, revelando a identidade de uma comunidade desagregada”.

E, alén desta decisión, coa que non concordou unha boa parte dos asistentes que seguiron en proximidade o encontro cinematográfico, cómpre facer mención a tres grandes filmes que fixeron parte da sección de concurso: Rosas de Ermera, de Luís Filipe Rocha, Terceiro andar, de Luciana Fina e A ilha dos ausentes, de José Vieira. Tres grandes filmes portugueses, nos que, ademais da concorrencia dalgúns elementos comúns, participan da singularidade de estaren tocados polo alento máxico e sublime da poesía, grandeza pouco estimada nestes tempos de urxencia.

Cinema, narrativas, lugares de memoria

O anual encontro melgaçense, que non limita a súa programación estritamente a unha sección competitiva de filmes, realizou unha completa oferta de actividades relacionadas co universo audiovisual de sumo interese. Baixo o lema “Cinema, narrativas, lugares de memoria”, o curso de verán Fora de Campo levou a cabo catro obradoiros (a norma portuguesa emprega a expresión saxona “workshop”) que contaron coa presenza de numerosos participantes: Álvaro Domingues, da Facultade de Arquitectura da Universidade do Porto, estruturou o seu co título A minha casa é o meu mundo, Manuela Matos Monteiro e João Lafuente, de Espaço MIRA e MIRA Fórum, trataron dos Lugares de memoria: a(s) casa(s) (um lugar imaginado?), Alice Fátima Martins, da Faculdade de Artes Visuais da Universidade Federal de Goiás, João Martins, de Visões Úteis (Porto), Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE-IPP) e Academia Contemporânea do Espectáculo (ACE), José da Silva Ribeiro, da Universidade Federal de Goiás, CEMRI – Media e Mediações Culturais, Universidade Aberta, e o Grupo de Estudos de Cinema e Narrativas Digitais da AO NORTE, e Sérgio Rizzo, da Fundação Armando Álvares Penteado (FAAP) e a Academia Internacional de Cinema, abordaron o tema Cinema e narrativas digitais-Narrativa na primeira Pessoa (prática de campo), e Educação-Cinema, narrativas e lugares de memória foron as cuestións sobre as que versaron Isa Catarina Mateus, Coordenadora da Comissão de Formação do Cineclube de Faro e Graça Lobo, Coordenadora do Programa Juventude, Cinema, Escola da Direção Geral dos Estabelecimentos Escolares do Algarve.

Plano Frontal

A habitual residencia para estudantes Plano Frontal, que dirixe Pedro Sena Nunes, presentou os proxectos fotográficos e catro documentais elaborados na pasada edición: A maldição, de Nuno Escudeiro, Pena d´anamão, de Ricardo Dias, Os estrangeiros, de Rita Al Cunha, e Águas profundas, de Josephine Van Grinsven.

Baixo o nome de Kino Meeting celebrouse este ano o Encontro Internacional de Serviços Educativos de Cinema, onde confrontaron as súas ideas sobre o tema as Cinematecas Alemá e Portuguesa, o Museu Nacional de Cinema Italiano, a Filmoteca da Cataluña, os Cineclubes de Viseu e Faro, a Casa Museu de Vilar e o Festival de Cinema de Animação Cinanima, de Espinho.

Así mesmo, Filmes do Homem acolleu por primeira vez os Encontros Arraianos de Cinema que este ano celebraron a súa terceira edición, “iniciativa que pretende fomentar a criação de redes de colaboração entre Cineclubes e Festivais de Cinema da raia Portugal/Espanha, promover e divulgar o cinema raiano e estimular o diálogo cultural e institucional entre fronteiras.”

E, como vén sendo habitual, tiveron lugar sesións ao aire libre nas freguesías de Cristóval, Castro Laboreiro e Alvaredo, e nas localidades galegas de Arbo e Padrenda.

Proxeccións especiais

As proxeccións especiais de Tukke´b teere ba (España, 2017), de Dani Millán, The valley of salt (Suiza, 2016), de Christophe Saber, Maria sem pecado (Portugal, 2016), de Mário Macedo, Le deuxième nuit (Bélxica, 2016), de Eric Pauwels, Grab and rum (Alemaña-España, 2016), de Roser Corella, Fronteiras (Galicia, 2007), de Rubén Pardiñas (no auditorio de Lamas de Mouro), co complemento da mesa redonda integrada polo propio realizador e Aser Álvarez, Albertino Gonçálves e António Medeiros, Cidade pequena (Portugal, 2016), de Diogo Costa Amarante, Manodopera (Francia-Grecia, 2016), de Loukianos Moshonas, Hidden Photos, (Italia, 2016), de Davide Grotta; as exposicións fotográficas Festa, de João Gigante, e Encontro, de Diogo Santos, e a aloxada no museo Jean Loup Passek sobre A Idade de Ouro do Cartaz de Cinema Polaco, comisariada por Bernard Despomadères, responsable cultural do Consulado de Francia no Porto e exdirector da Alliance Française do Porto, completaron, coa presentación por Aser Álvarez do libro Arraiano entre os arraianos, de Xosé Luis Méndez Ferrín, a oferta desta cuarta edición do Filmes do Homem, Festival Internacional de Documentario de Melgaço, á que puxo o punto final no histórico espazo da Torre de Menagem a proxección de Castro Laboreiro (Portugal, 1979), de Ricardo Costa, que contou coa presentación do profesor Álvaro Campélo, da Universidade Fernando Pessoa. Unha edición na que os seus organizadores fixeron expreso o desexo de establecer unhas cada vez máis estreitas relacións con Galicia.

xoves, 3 de agosto de 2017

25º Curtas Vila do Conde: Cinema nacional, cinema universal

O Curtas de Vila do Conde naceu dunha decisión arroxada e quizais un pouco inconsciente: a de organizar un festival de curtametraxes nun país no que apenas se exhibían (e aínda menos se facían) curtametraxes. Detrás desa feliz arroutada estaban cinco homes por debaixo dos trinta anos que viñan de activar o cineclube local: Miguel Dias, Nuno Rodrigues, Mário Micaelo, Dario Oliveira e Rui Maia. A súa cinefilia tiña como referencia, entre outras fontes, o lendario Festival Internacional de Cinema da Figueira da Foz, oasis de modernidade fílmica que entre 1972 e 2002 dirixiu e promoveu José Vieira Marques. Mais o grupo vilacondense quería ir máis alá. No país había xa diversos festivais, mais todos eles “não chegam a constituir verdadeiros acontecimentos nacionais, nem possuem a tão desejada projecção internacional”, segundo afirman no catálogo do primeiro Festival Internacional de Curtas-Metragens. O obxectivo do ousado quinteto non era pequeno: crear unha cita nova co ánimo de facerse un oco no mundo dende unha vila de vinte mil habitantes. A súa vila.

Corría o ano 1993 e o correo electrónico non existía. Para ver filmes era preciso dispoñer dunha copia física e os contactos facíanse por teléfono, correo postal ou mesmo telegrama. As dificultades técnicas e loxísticas dun tempo non tan distante que agora parece prehistórico non impediron a audacia de traeren a Vila do Conde ao armenio Artavazd Pelechian ou ao estadounidense Gus van Sant en edicións temperás do festival. Nunha época na que cumprir o programa e horarios previstos xa era de seu un desafío, o Curtas optou por complicarse a vida e organizar retrospectivas laboriosas e actividades complementarias que tendían pontes con outras formas artísticas, nomeadamente a música, hoxe elemento básico da súa proposta anual. A boa resposta dos espectadores demostrou dende o inicio que a aposta tiña sentido. Devagar foi desenvolvéndose unha produción nacional de curtas alentada en parte pola convocatoria de axudas públicas e o Curtas estivo aí para celebrala como era debido. A finais dos 90 nace o sintagma “Gerações Curtas” para designar unha nova ola de autores nacidos nos 60 e 70 que non tardaron en obter recoñecemento internacional. Hoxe asociamos a Vila do Conde os nomes de João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes, Sandro Aguilar e João Nicolau, figuras respectadas que fixeron que os cinéfilos pousáramos os ollos en Portugal, mais o asombroso é que dende eses felices anos de consolidación non deixaron de emerxer autores no país veciño. Nesta década vimos o espectacular florecemento dos nacidos nos 80, de João Salaviza e Diogo Costa Amarante (Osos de Ouro á mellor curta na Berlinale en 2012 e 2017) a Pedro Peralta, Ico Costa e Joana Pimenta, que colocaron filmes en Cannes, Rotterdam e Locarno. Mais incluso eles empezan a parecer maiores comparados, por exemplo, con Leonor Teles, nacida en 1992 e que ten tamén un Oso de Ouro na casa. Non é casual que en todos os grandes festivais de cinema haxa sempre presenza portuguesa, malia o exiguo (e variábel) da produción, con algo máis de medio cento de filmes por ano, sumando curtas e longas. A proporción de títulos destacados sobre ese modesto total parece escapar a toda lóxica. Hai non menos de tres ducias de creadores portugueses en activo susceptíbeis de colocar os seus traballos nas principais citas cinematográficas do planeta, e a listaxe non deixa de medrar. Dese fértil contexto benefíciase o festival de Vila do Conde, que á súa vez contribuíu decisivamente ao éxito do cinema portugués a través do seu fabuloso papel formativo e -sobre todo- do traballo de distribución e difusión desenvolvido pola Agência da Curta Metragem.

A edición que vén de rematar, que festexaba ademais o 25º aniversario do certame, deitou unha mirada ao pasado en forma de amplo ciclo e dun libro de lectura apaixonante, 25 Anos, 25 Histórias, mais non se limitou ao exercicio nostálxico; antes polo contrario, dedicou unha interesante sesión de debate a analizar o estado actual do sector, sacudido polo severo recorte no apoio público ao cinema emprendido por un goberno que se supón progresista. O aumento da cota de mercado nacional asociado a proxectos menos que mediocres de raíz televisiva está alimentando un discurso que opón ao “cinema de autor” un no fondo inexistente “cinema comercial”, unha evolución neoliberal da vella dicotomía entre os “filmes para París” e os “filmes para Bragança”, isto é, Manoel de Oliveira vs Kilas, o mau da fita. Mais os que sitúan a Portugal no planeta cinematográfico non son precisamente Leonel Vieira ou António Pedro Vasconcelos, senón os creadores que mostran as súas obras nos festivais máis importantes, algo impensábel para os Pátios das Cantigas contemporáneos.

Farpões, Baldios
Deu bos exemplos disto o 25º Curtas, que estreou no país unha colleita singularmente boa de filmes portugueses con ampla repercusión internacional. É o caso da gañadora absoluta, Farpões, Baldios, ópera prima de Marta Mateus que viña da Quincena de Cannes. Non é insólito acordarse de Pedro Costa ao ver a súa curta -unha influencia, por outra parte, pola cal é natural sentir orgullo-, mais para sermos xustos o ton de Farpões é diferente. Máis Straub e Huillet, máis fascinado pola voz e o relato oral da xente e pola paisaxe do Alentejo, pola memoria convertida en mitoloxía. E así é que o filme consegue ser luminoso e belo, unha celebración dun mundo perdido, fermoso e cru.

Coelho Mau
Où en êtes-vous, João Pedro Rodrigues ? é unha encomenda do Centro Pompidou vinculada á retrospectiva que lle dedicaron ao xenial director. João Pedro responde á pregunta do título repensando a súa traxectoria e integrando con suma habilidade materiais diversos, dende as gravacións de vídeo das primeiras viaxes ao Festival de Venecia aos textos de Thoreau e Nathaniel Hawthorne, no que acaba por ser unha suxestiva aproximación ao seu universo persoal e creativo. Altas Cidades de Ossadas de João Salaviza sinala un cambio respecto dos seus relatos urbanos, de Arena e Rafa a Montanha. O encontro co rapeiro caboverdiano Karlon alenta un filme máis espectral, nocturno e selvático, falado (ou recitado) en crioulo, que tamén fai pensar un pouco en Pedro Costa. Salomé Lamas en Coup de Grace adéntrase na ficción sen desviarse do atrevido formalismo e algúns temas -o traballo, o fogar- habituais dela nun relato de reencontro pai e filla con final a ritmo de Phil Collins. Coelho Mau, na miña opinión a mellor curta a concurso, é outro xesto de madurez dun autor que sempre merece atención, Carlos Conceição. O desexo (sexual) é un asunto central nos seus filmes e persiste neste conto de dous irmáns adolescentes, ela gravemente enferma, el a coidala con atenta dedicación -excelentes Julia Palha e João Arrais-. Mais na súa relación predomina o amor e o medo á perda do outro e iso dálle ao conxunto, máis alá dos xogos eróticos e o fetichismo, un emotivo pouso de tenrura e humanidade que o liga a unha obra a priori tan distinta coma Acorda, Leviatã.

O 25º Curtas ofreceunos ademais un sensacional agasallo: a segunda longa do Sandro Aguilar, Mariphasa. Nunha escena belísima, un neno acorda na noite cun pesadelo. A nai teima en tranquilizalo; iso non aconteceu na realidade, dille, e o neno responde que si aconteceu dentro da súa cabeza. O diálogo acaba por ser unha introdución perfecta ao cinema de Aguilar, nunca fácil de contar. Hai unha ausencia tráxica, unha filla que morreu nun accidente, que converte o protagonista nun morto andante a moverse entre ruínas. Arrastrado polo torrente de imaxes e sons que nos fornece Sandro, o espectador fica conturbado pola experiencia cinematográfica que representa Mariphasa, a clase de filme que xustifica a existencia dos festivais.

Martin Pawley. Artigo publicado no número 255 do semanario Sermos Galiza, con data 20 de xullo de 2017.