O Festival Internacional de Documentais de Marsella, mais coñecido como FIDMarseille, pasa por ser, segundo a crítica internacional, o festival de documentais máis importante do mundo. Anualmente esta cidade do Mediterráneo acolle unha das propostas máis arriscadas do panorama cinematográfico sen marcarse ningunha clase de acoutamentos. O FID acusa a perspectiva da alma do festival, o seu director: Jean-Pierre Rehm. Ao longo das 25 edicións realizadas ata o momento este evento converteuse nun excelente calidoscopio sobre os rumbos que está a tomar esta forma fílmica.
Á convocatoria anual do FID achéganse as propostas máis sorprendentes de todo o mundo e Rehm e o seu equipo son os encargados de seleccionalos. A súa escolma pon no mapa as obras máis singulares sen ter en conta a súa procedencia e a súa escala. A esta cita, a principios de xullo, da cidade gala acoden programadores e críticos de todo o planeta para esculcar con detemento a grella de programación. Un filme que se proxecta en Marsella pode ver asegurada a súa repercusión mundial pois alí nacerá con certeza unha máis que interesante vida polo circuíto de festivais internacionais.
A presenza do cinema galego non é estraña. O que se denomina Novo Cinema Galego empregou o FIDMarseille como altofalante para facerse visible e lexitimarse. Polas súas pantallas pasaron Vikingland de Xurxo Chirro en 2011, Electro-class de Maria Ruído en 2012 e VidaExtra de Ramiro Ledo en 2014. Mais na edición do presente ano vaise dar algo extraordinario: tres cineastas galegos estarán presentes no FID. Por un lado no FIDLAB, o encontro de financiamento, estaremos representados co próximo proxecto de Lois Patiño, Tempo Vertical. Nunha sección paralela teremos a mediometraxe de Alberto Lobelle Día da Victoria. E finalmente na competición á mellor ópera prima está o Jet Lag de Eloy Domínguez Serén.
Esta confluencia do Novo Cinema Galego dá moito que pensar. Por un lado hai que valorar que este tipo de cinematografía galega é unha das máis representadas polo que ten de risco, creatividade e calidade. Probablemente a cultura galega nunca sospeitou atopar nestes creadores os mellores embaixadores para facerse visible no mundo. E chegados a este punto precísase puntualizar se corresponde a esta potencialidade o escaso apoio que lle dá a Xunta de Galicia. Este Novo Cinema Galego puido existir gracias ás chamadas axudas de talento. Mais en 2012 se eliminaron e posteriormente volveron moi recortadas e alteradas na súa esencia.
Con esta análise ábrese unha serie de interrogantes á cal os actuais responsables da política audiovisual da AGADIC dan a calada por resposta. Por que non se apoia decididamente ao Novo Cinema Galego? Hai algún impedimento para pendurarse as medallas que consegue este tipo de cinema? Se avaliamos o apoio económico, os logros culturais e a repercusión internacional, por que non se re-pensa o modelo de axudas á produción cinematográfica? Se o Novo Cinema Galego ten que estar continuamente xustificando a súa existencia, por que non fai o mesmo o cinema industrial galego? Que réditos culturais arrastra o cinema industrial galego? Onde existe maior internacionalización, cos logros do Novo Cinema Galego ou coas misións comerciais dos produtores?
É certo que este artigo non existiría se non se producira o éxito desta tripla presenza galega en Marsella, mais non cabe outra que, unha vez máis, sacar peito e reclamar maior xustiza con estes creadores que poñen Galicia no mundo. De maneira paradoxal nunca recibirán unha Medalla Castelao pola proxección internacional que fan da cultura galega mais o que nunca lle poderá negar ninguén, nin os máis oufanos na materia (que os hai), é o lugar predominante que ocupan no decurso da historia do cinema galego.
Xurxo González
mércores, 24 de xuño de 2015
luns, 22 de xuño de 2015
Proxecto NIMBOS: Trasfiguración (Manuel Álvarez Álvarez, 2013-2015)
Curtametraxe de Manuel Álvarez Álvarez para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado en 2013.
Trasfiguración
Sinto ás veces as horas nos meus hombros
e digo que me pesan coma un reino.
Eu penso no teu Reino que no é deste
mundo, i entón párcenme as miñas horas
alas, Xesús, i escuma sobre a mar.
Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.
mércores, 17 de xuño de 2015
Proxecto NIMBOS: Ai capitán (Xacio Baño, 2014-2015)
Curtametraxe de Xacio Baño para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado o ano anterior.
Ai capitán
Chorar, chorar, méntrelo barco rompe
contra o solpor, na noite!
A túa pipa non verán meus ollos
fomegar máis;
a túa risa, para sempre inmenso
abrente na mar.
Lume che din, cinza me queda. Cinza,
capitán!
Sola a sireia do teu barco
toda a eternidá.
Fume nos ollos, aréa fría
nas miñas maus.
I en boca que perdín, a longa pipa
fumando a miña vida, capitán.
Chorar, chorar,
como sempre choraron as mulleres,
ai capitán, con barcos ou sin eles!
Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.
luns, 15 de xuño de 2015
Um dia normal
Probablemente non ocupará páxinas na historia do cinema. Ninguén se lembrará de que algunha vez houbo a ambición suficiente para facer un monumento cinematográfico de semellante magnitude. Titúlase Um día normal e celebra o 25º aniversario do xornal portugués Público. Malia ser promovido por un medio de comunicación este apenas fomentou a divulgación da súa existencia; dun xeito errado pensaron que unicamente sería consumido nun ámbito acoutado. Porén, quen caeu nas súas redes non poderá esquecer nunca a existencia deste espectacular fresco cunha superficie densa e inabarcable froito da imaxinación dun país que reborda creatividade.
As intencións son claras: “Os media dão, por regra, destaque a temas extraordinários. Mais vezes pelo lado negativo, menos vezes pelo lado positivo. Mas quase sempre porque são extraordinários. Porque o Tempo é o tema do 25.º aniversário PÚBLICO, quisemos olhar para a realidade de maneira diferente e registar em vídeo algo que se aproxime de um dia normal em Portugal”. Este proxecto pódese enmarcar na tradición portuguesa da auto-reflexión sobre a súa condición e identidade como país, a de facer crónicas da súa historia ao mesmo tempo épicas e líricas, totais e fraccionadas. Um día normal é un proxecto que recolle e actualiza a herdanza que inseminou Camões cos Lusíadas e que no cinema interpretou Manoel de Oliveira en Non ou A vã glória de mandar ou recentemente intentou edificar Miguel Gomes nas súas 1001 noites.
A directora do proxecto Um día normal é Bárbara Reis mais realmente se trata dunha creación plural cun equipo de coordinadores e colaboradores espallados polo país. Teceron un mosaico de 1440 vídeos cuxa duración é un minuto, un filme-experiencia de 24 horas que recolle un día da vida dun país. Case todos os vídeos foron feitos coa cámara fixa, cun único plano, sen cortes, que intenta reflectir o tempo real. Estes parámetros teñen moito de regreso ás orixes, de ver o mundo con novos ollos, de sorprenderse co cotián, o persistente, o anónimo, o que teoricamente non alcanza o status de noticia. A estes “minutos Lumière” accedemos a través dunha plataforma multimedia de acceso cunha liña temporal que nos axuda a orientarnos polos diferentes momentos da xornada. Uns mandos intuitivos axúdannos a desprazarnos polo día, saltar no tempo, ir ao futuro ou regresar ao pasado.
Um día normal explota os recursos técnicos do seu contexto de produción. As cámaras dixitais permiten mobilidade e fixarse en elementos da vida con inusitada sensibilidade, afastándose da xeralidade practicada polos mass media. Fragmentos que a xente sobe a Youtube, o gran almacén de imaxes da contemporaneidade que posibilitou proxectos coma Life in a day (2011), dirixido por Kevin McDonald e producido por Ridley Scott. Naquel filme de pouco máis de hora e media de duración facíase un retrato dun día a nivel mundial a través dunha montaxe que debullaba o material de partida, 4.500 horas procedentes de 192 países. Um día normal é a antítese. Apoiase máis no "contemplativo do plural", no fluír dos feitos pequenos. Todas estas pequenas accións son as que moven a vida dun país, as que constrúen a Historia.
Ademais, Um día normal pasa a ser un magnífico referente á hora de relacionar a produción dun filme cos obxectivos que se pretenden. Un proxecto a ter en conta coma modelo cando os gobernos e institucións intentan empregar o audiovisual como ferramenta de promoción ou de cohesión social. As ferramentas audiovisuais permiten ser arriscados e audaces, tan só é preciso buscar un equilibro entre os recursos dispoñibles e as metas a atinxir.

martes, 9 de xuño de 2015
A sedución do Comisario Montalbano
De vez en cando caio nas trampas da televisión e déixome levar pola
súa capacidade de enganche e domesticación. Ultimamente tropezo de
maneira reiterada nas redes dunha serie chamada a ser puro recheo da
grella de programación. Bótana en La 2, ás agochadas, sen darlle
moito anuncio. A serie chámase O Comisario Montalbano e prodúcea a RAI dende 1999 a partir das novelas policiais
de Andrea Camilleri con Sicilia coma pano de fondo.
Nunha mirada rápida e despreocupada os distintos episodios teñen
tramas moi difíciles de seguir e hai moi pouca continuidade entre un
e outro. A serie gravita en torno ao lucimento do personaxe principal
interpretado polo actor Luca Zingaretti. Máis ou menos en cada
capítulo resólvese un caso delituoso e o protagonista ten que lidar
cos malos coa axuda de personaxes secundarios e arquetipos, mais a
presenza dalgunha fermosa muller coa que case sempre o irónico
comisario ten un affaire. Mais que é o que converte esta
serie nunha proposta sorprendente?
O
interesante está na súa enunciación: as tramas susténtanse na
oralidade dos personaxes e a acción redúcese ao mínimo e
indispensable e case sempre coroa o final de cada episodio. A
exposición dos contidos acusa un exceso de artificio retórico. O
discurso está enfiado a partir de diálogos, conversas por teléfono,
lembranzas, soliloquios, chamadas ao espectador... Unha reiteración
de recursos que evidencia os estratos que converxen na
representación.
O Comisario Montalbano ilustra as diferenzas entre “mostrar”
e “dicir”, un contencioso na narratoloxía que vai de
Aristóteles a Wittgenstein. Ante a precariedade das posibilidades
de produción apóstase todo e sen vergoña polo aspecto creador da
palabra. Mais aquí está lonxe de procurar un misticismo intelectual
propio das propostas cinematográficas “non-reconciliadas”, senón
que xoga as bazas do xénero e da complicidade do espectador.
Afástase do teatral, imprímelle naturalidade ás conversas e confía
nos patróns que rexen o palimpsesto. As tramas tórnanse
inconscientes, unha grande enleada, un enorme barullo, sabedoras de
que terán o seu oportuno desenlace. Fogos artificiais que serán
apagados coa paciencia do espectador.
Así, cada episodio é un convite a escoitar máis que a ver. A
modernidade do Comisario Montalbano é cegadora e está
afastada da aposta pola hiper-ficción das series americanas. Esta
serie seduce co feito de contar, a proposta televisiva é volver ás
historias da avoa, aos contos da lareira, aos relatos orais das
culturas primitivas. Un regreso ás orixes onde non só se desvela a
natureza do mecanismo narrativo senón tamén o comunicativo.
Esta
vitoria do “telling” sobre o “showing” é decididamente
inspiradora. Captura o espectador en dous niveis: na trama e no feito
de contala. No primeiro o fracaso é absoluto, resulta imposible
seguir os personaxes bosquexados moi lixeiramente por ecos nas
conversas. Mais as ladaíñas e as fórmulas do xénero son
suficientes para empacar a verosimilitude da historia. Mentres, na
segunda, a máis moderna das dúas, todo xira sobre a
auto-consciencia do mecanismo de contar, sobre os modos, sobre a
natureza da información e, sobre todo, sobre a intuición do
espectador.
Xurxo González
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)