Probablemente non ocupará páxinas na historia do cinema. Ninguén se lembrará de que algunha vez houbo a ambición suficiente para facer un monumento cinematográfico de semellante magnitude. Titúlase Um día normal e celebra o 25º aniversario do xornal portugués Público. Malia ser promovido por un medio de comunicación este apenas fomentou a divulgación da súa existencia; dun xeito errado pensaron que unicamente sería consumido nun ámbito acoutado. Porén, quen caeu nas súas redes non poderá esquecer nunca a existencia deste espectacular fresco cunha superficie densa e inabarcable froito da imaxinación dun país que reborda creatividade.
As intencións son claras: “Os media dão, por regra, destaque a temas extraordinários. Mais vezes pelo lado negativo, menos vezes pelo lado positivo. Mas quase sempre porque são extraordinários. Porque o Tempo é o tema do 25.º aniversário PÚBLICO, quisemos olhar para a realidade de maneira diferente e registar em vídeo algo que se aproxime de um dia normal em Portugal”. Este proxecto pódese enmarcar na tradición portuguesa da auto-reflexión sobre a súa condición e identidade como país, a de facer crónicas da súa historia ao mesmo tempo épicas e líricas, totais e fraccionadas. Um día normal é un proxecto que recolle e actualiza a herdanza que inseminou Camões cos Lusíadas e que no cinema interpretou Manoel de Oliveira en Non ou A vã glória de mandar ou recentemente intentou edificar Miguel Gomes nas súas 1001 noites.
A directora do proxecto Um día normal é Bárbara Reis mais realmente se trata dunha creación plural cun equipo de coordinadores e colaboradores espallados polo país. Teceron un mosaico de 1440 vídeos cuxa duración é un minuto, un filme-experiencia de 24 horas que recolle un día da vida dun país. Case todos os vídeos foron feitos coa cámara fixa, cun único plano, sen cortes, que intenta reflectir o tempo real. Estes parámetros teñen moito de regreso ás orixes, de ver o mundo con novos ollos, de sorprenderse co cotián, o persistente, o anónimo, o que teoricamente non alcanza o status de noticia. A estes “minutos Lumière” accedemos a través dunha plataforma multimedia de acceso cunha liña temporal que nos axuda a orientarnos polos diferentes momentos da xornada. Uns mandos intuitivos axúdannos a desprazarnos polo día, saltar no tempo, ir ao futuro ou regresar ao pasado.
Um día normal explota os recursos técnicos do seu contexto de produción. As cámaras dixitais permiten mobilidade e fixarse en elementos da vida con inusitada sensibilidade, afastándose da xeralidade practicada polos mass media. Fragmentos que a xente sobe a Youtube, o gran almacén de imaxes da contemporaneidade que posibilitou proxectos coma Life in a day (2011), dirixido por Kevin McDonald e producido por Ridley Scott. Naquel filme de pouco máis de hora e media de duración facíase un retrato dun día a nivel mundial a través dunha montaxe que debullaba o material de partida, 4.500 horas procedentes de 192 países. Um día normal é a antítese. Apoiase máis no "contemplativo do plural", no fluír dos feitos pequenos. Todas estas pequenas accións son as que moven a vida dun país, as que constrúen a Historia.
Ademais, Um día normal pasa a ser un magnífico referente á hora de relacionar a produción dun filme cos obxectivos que se pretenden. Un proxecto a ter en conta coma modelo cando os gobernos e institucións intentan empregar o audiovisual como ferramenta de promoción ou de cohesión social. As ferramentas audiovisuais permiten ser arriscados e audaces, tan só é preciso buscar un equilibro entre os recursos dispoñibles e as metas a atinxir.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario