A deslumbrante e plural produción audiovisual galega dos últimos tempos tivo adecuada exhibición na sección Panorama Galicia, deseñada polo crítico Martin Pawley para o estimulante certame dirixido por José Luis Losa en Santiago de Compostela, o xa afortunadamente clásico Cineuropa. É difícil atopar un ano máis brillante, mesmo radical, a pesar de todas as dificultades económicas, combinadas para a ocasión co cotián e absoluto desconcerto/desamparo institucional que atravesa o sector.
As diversas rupturas artelladas (financiamento; liberdades narrativas; eclecticismo ou heterodoxia de contidos e formas; hibridación de xéneros e formatos; itinerancias en moitos casos exitosas por festivais mundo adiante: Cannes, Marsella, Locarno, Mar del Plata, FICUNAM, Roma, Vancouver, BAFICI, Jeonju, Lisboa, Viennale) amosan como vivimos tempos de mutacións nos que o espertar dun continxente de novos creadores galegos que teñen en común un claro xesto creativo baixo procedementos de produción entendidos como alternativos non é en absoluto alleo a isto. Por vez primeira e sen rodeos podemos afirmar que non existe un retraso con respecto á produción de vangarda mundial, o que, motivo de singular reflexión, non é óbice para a indiferencia das elites culturais e de boa parte dos medios de comunicación.
Marcados por un pasado endeble, entre a inexistencia e a fraxilidade, e pola dependencia de estruturas maiores (sempre o cinema español), en Galicia decidiuse hai tempo que o audiovisual era estratéxico. Unha interesante decisión que debera ir acompañada de movementos a distintos niveis e/ou escalas. O que nunca pareceu determinarse é que o cinema ou as diversas manifestacións audiovisuais podían amparar tamén un feito cultural e artístico entre outras cousas susceptible de ensino, de formación –sorprende a súa ausencia dos sucesivos plans de estudos no ensino regrado en paradóxico paralelismo co crescendo en importancia do conglomerado audiovisual-, de difusión, de proxección exterior, sen necesidade dun sustento estrita ou exclusivamente industrial. A procura de canles de difusión, distribución, exhibición e os cambios habidos nestes anos son un paradigma nese sentido dunha problemática situación maior (de novo a do cinema español en global).
Porén, unha das grandes peculiaridades no caso galego pasa polo efecto de recepción. Na irregular asistencia, interese e/ou acollida ao cinema galego en Cineuropa, un non podía menos que lembrar ata a reiteración obsesiva o concepto de cinema de recoñecemento -fronte ao cinema de coñecemento- que definía o historiador José Enrique Monterde: “aquel que partindo dunha apariencia política, xeralmente temática, non pretende tanto a reflexión como a adhesión, remitindo o sentido político ao exterior do filme. Por tanto, redúcese a acción do espectador á contemplación pasiva ou como máximo emocional, a partir de establecer unha serie de coartadas remitentes a aquilo que o espectador xa coñece antes de visionar o filme”. A autocomplacencia de calqueira ámbito cortesán deixa ver así as súas estratexias. Escoitando as nosas elites, unha cultura todavía conformada cuase enteiramente en torno ao idioma e coa literatura como epicentro, un se pregunta como poden admirarse tanto Joyce ou Foster Wallace e logo gustar (ou practicar) do cinema máis rancio e (falsamente) clásico. Onde queda o desexo de ruptura da (aparente) progresía? Quizais no conservadurismo formal dun Costa-Gavras ou Loach, eternos símbolos da nosa preguiza? Morreu a pintura con Velázquez ou o cinema con John Ford? Por que na chamada construción de país queda a cultura (e consecuentemente a formación), tal e como o conservadurismo político establece nos seus programas, no último lugar? E por último: abortaremos por inanición este momento plural e creativo insólito? Que ocorre cando a grandeza pasa pola nosa porta e miramos para outro lado? A lucidez parece respostar: deixemos de lamentarnos e fagamos o esforzo. Alea jacta est.
José Manuel Sande. Artigo publicado en Novas da Galiza
Concordo con bastantes cousas das ditas aquí. Mais pregúntome: que queremos? A institucionalización urxente da vangarda?
ResponderEliminarBoa pregunta! :))
ResponderEliminarMais a que nos levou a institunalización (relantizada) da non-vangarda?
A institucionalización da non- vangarda e algo que xa se lle presume, pero a vangarda en caso de que o sexa, cousa difícil de valorar, mais aló dos egos personais e das xuntanzas dunha camarilla de amigos que necesitan creer isto para creer en si mesmos, non debe beber das fontes institucionais, son camiños opostos.
ResponderEliminar¿Como sabemos que esta vangarda non e una burda copia de vangardas existentes as que se remiten estes mitómanos incontrolables?s e sobre todo ¿como sabemos que non son un invento de catro oportunistas para darse a valer e sacar a maior tallada posible do asunto?
Viva o novo novo cinema Galego