Actriz fundamental no desenvolvemento do cinema europeo dos últimos corenta anos, a traxectoria da francesa Isabelle Huppert vai estar presidida tanto polo seu inmenso talento como pola progresiva significación da súa labor interpretativa e o enorme coidado na selección dos traballos fílmicos. Tres feitos que converten a Huppert nunha desas figuras relevantes respaldadas polo seu rigor, liberdade artística e capacidade de fascinación, identificada inmediatamente con outros intérpretes localizados en Europa –pensemos nos talentos e eleccións de Piccoli, Olbrychski, Schygulla, Moreau, Ganz, Lonsdale, Von Sydow, Volonté ou o primeiro Depardieu,...-, dúctil e provista de moitas faces, nunha sucesión de xiros onde conflúen personaxes apoucadas ou directamente perturbadas, sempre rexistros sutís, deliberadamente complexos.
Nada en 1953 en ambientes pertencentes á burguesía parisina, destaca pola súa formación (alumna de Antoine Vitez no Conservatorio Nacional, diplomada en lingua rusa, posuidora de habilidades musicais,...) e versatilidade, rapidamente comprobada tanto nos eidos teatral e televisivo como a partir das súas primeiras aparicións no cinema grazas a títulos como César et Rosalie de Claude Sautet (1972), ou en códigos máis populares Los rompelotas (1974) de Bertrand Blier, mentres é requerida polo veterano Otto Preminger para a fallida produción internacional Rosebud (1975) e por xentes como Yves Boisset ou André Techiné. Triunfa co papel da desdichada Pomme, ou o amor e as diferencias sociais, da película suiza de Claude Goretta La encajera (1977), primeira das súas trece nominacións ao premio César -pasmosamente só obtido nunha ocasión-, e obtén o galardón á mellor actriz en Cannes por Violette Nozière (1978) de Claude Chabrol, outro maxistral retrato dun personaxe vulnerable. Intervén nun dos filmes artística e industrialmente claves do cinema estadounidense do momento, La puerta del cielo (1980), relato antiépico construido sobre os moldes do western que arruina á United Artists, retira de circulación ao cineasta Michael Cimino e transforma a concepción e novos rumbos do negocio cinematográfico. Inmune a tales feridas, Huppert, que volverá a traballar no cine norteamericano en producións máis modestas, como Falso testigo (1987) de Curtis Hanson ou Amateur (1994) de Hal Hartley, prosegue o seu brillante itinerario ao servicio de autores de prestixio dignos de varias vidas artísticas, de Godard, Pialat, Ferrreri, Losey, Raúl Ruiz, Diane Kurys, Wajda, Assayas, Haneke, Robbe-Grillet, Schroeter, Jacquot e Claire Denis a Bellocchio, Hong Sang-soo, Brillante Mendoza, Rithy Panh ou os irmáns Taviani.
Un documental de Serge Toubiana, Isabelle Huppert, une vie pour jouer (2001) xustamente ofrece un revelador retrato a modo de colaxe estimulante que en simultáneo integra o persoal e o profesional, comezando cun berro e concluindo cunha imaxe clarividente do pasado. Nas súas imaxes aparecen tamén pegadas dunha prolongada colaboración, á mantida co xa falecido Claude Chabrol, que lle permitirá dar corpo a algo que atinadamente describira Bertrand Tavernier (presente dende os seus inicios a través de títulos como El juez y el asesino, 1975, e Coup de Torchon, 1981): “Isabelle Huppert imponse á película de maneira estraña e curiosa. É unha actriz eminentemente melódica. Imprime ás escenas nas que intervén un ritmo case musical, cheo de silencios e emoción, do que se desprende, sen embargo, unha sensación dura e cortante, case de perigo. É imposible esquecerse dela”.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario