Marabillounos hai uns meses con Mistérios de Lisboa, unha deslumbrante adaptación dun romance de Camilo Castelo Branco que fai que calquera cineasta novo pareza, en comparación co mestre chileno, un vulgar aprendiz. Durante a rodaxe foille diagnosticado un cancro hepático; acabou a película gravemente enfermo e en marzo do pasado ano tivo que someterse a un transplante de fígado. Estaba no hospital "entre la vida y la muerte" cando o filme foi presentado na súa forma definitiva no Marché du Film de Cannes. Logo concursou en Donostia; gañou o premio ao mellor director, pero merecía máis. Merecíaos todos, de feito.
Foi outro fito nunha carreira inusualmente prolífica, tanto que habemos ser lexión os cinéfilos que coñecemos dela apenas unha pequena parte, en calquera caso suficiente para gardarlle respecto e admiración. Raúl Ruiz morreu hoxe en París aos 70 anos por mor dunha afección pulmonar. Tiña a cabeza chea de proxectos: o seu "regreso" a Chile, La noche de enfrente, gravada no mes de marzo e que debe estar rematada, ou case; unha gran produción en Portugal, As linhas de Torres, que debía comezar a filmar en outubro e para a cal contaba cun reparto de luxo (John Malkovich, Mathieu Amalric, Léa Seydoux, Melvil Poupaud, Marisa Paredes, Adriano Luz e Albano Jerónimo); unha versión de El niño que enloqueció de amor de Eduardo Barrios e finalmente a máis que apetecíbel precuela de Mistérios de Lisboa, centrada no personaxe do Padre Dinis ao que deu vida maxistralmente o antes citado Adriano Luz.