sábado, 6 de agosto de 2011

A axenda alternativa de Xornal

Cando en febreiro de 2009 o cineasta estadounidense James Benning visitou o CGAI para presentar o seu filme Utopía no marco dun ciclo dedicado á súa obra, Xornal de Galicia decidiu facer del o protagonista do seu suplemento cultural dos sábados. Que un diario xeralista lle dedicara tan xeneroso espazo a un autor de culto daquela apenas coñecido no país era un xesto atrevido revelador do espírito do equipo de Cultura de Xornal, con Iago Martínez á cabeza: o de ir na procura dunha axenda alternativa contra o consello dos cínicos de confianza, eses que teñen sempre na boca un “eu xa cho dixen”. Aquelas páxinas sobre Benning, por certo, estiveron durante moito tempo entre as máis vistas do sitio web, o cal proba que a loucura non era tanta, e que na sección de Cultura, igual que nas outras, o obxectivo non debe ser unicamente o de daren fe do que pasou o día anterior, senón tamén o de nos descubriren cousas que non sabiamos.

Seguramente por iso apostaron por darlle visibilidade a creadores que outros medios se esforzan ben en ignorar. Ninguén coma Xornal tratou con tanto interese e respecto os cineastas emerxentes galegos, cuxos éxitos -pequenos ou grandes- foron celebrados con afecto case fraternal. A ese carro sumouse logo máis xente, pero foi Xornal o que arriscou a darlle papel impreso a autores de curtas que nalgúns casos -é o que ten facer apostas: ás veces gañas- acabaron chegando a grandes festivais, incluído ese no que están pensando.

E non se atendeu soamente os galegos, non. Tamén a Nicolas Klotz e a Barbara Hammer, a Javier Rebollo e a Isaki Lacuesta, a Alain Bergala e a Paulino Viota; nomes todos eles que un non esperaba atopar noutros recunchos dos quioscos. Por iso malia os erros e fraquezas cómpre recoñecer, agora que o corpo aínda está quente, o extraordinario papel que desempeñou Xornal e o moito que o habemos botar de menos no sucesivo. A desaparición da súa edición impresa é outra derrota máis, acho que xa definitiva. Queda o dixital, onde nos seguiremos vendo: o meu acordo de colaboración está escrito en tinta transparente, tamén chamada gintonic, e polo momento aínda non secou.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia, edición dixital, o sábado 6 de agosto de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario