(...) De feito, a práctica totalidade das obras seleccionadas para o FID son rarezas mesmo para a maioría dos centros culturais de Gran Bretaña -dados os imperativos económicos do sistema de distribución, é realmente o único dos festivais de cinema que se pode permitir darlle unha oportunidade a un proxecto que soa tan salvaxemente esotérico coma, por exemplo, Vikingland de Xurxo Chirro.
Despois de descubrir por casualidade un lote de fitas VHS na sección de estudios locais da biblioteca da súa vila, Chirro decatouse de foran filmadas durante 1993/94 por Luís Lomba -coma Chirro, nativo da rexión española de Galicia- durante o tempo que traballou baixo cuberta nun ferry danés/alemán. O que comeza coma unha broma inxenua e banal con estilo de vídeo caseiro (e que provocou varias escapadas antes da metade na segunda proxección pública) medra con forza para volverse máis intrigante a medida que Lomba explora as capacidades da cámara. As imaxes sen cortes do seu traballo que rexistra recordan o vídeo-arte experimental -e durante os enigmáticos interludios no camarote intuímos un individuo máis introspectivo que o nacho despreocupado que coñecen os seus compañeiros.
A Vikingland deulle forma evidentemente Chirro -en capítulos inspirados (mesmo no título) polos interludios de non-ficción do clásico mariño de Herman Melville Moby-Dick. Mais isto é un Moby-Dick sen balea, sen Ahab -e os seus inquietantes e inesperadamente resoantes resultados quizais lle deban como mínimo outro tanto ás parábolas psicolóxicas do mariñeiro-escribán Joseph Conrad.
Aínda que perdura con sorprendente forza na memoria (para todos aqueles que a vimos até o final, un segundo visionado pareceu inmediatamente desexábel), Vikingland non foi o máis logrado debut do FID 2011. Esa honra perténcelle a How I Filmed The War de Yuval Sagiv, que foi -por incríbel que pareza- exhibido por primeira vez fóra do seu país de orixe, Canadá, onde se estreou en maio de 2010 (...)
Tradución: Martin Pawley
Ningún comentario:
Publicar un comentario