sábado, 2 de xullo de 2011

A cultura que apoiemos

Na segunda metade dos 40, á volta da II Guerra Mundial, nunha altura na que o cinema era a principal oferta de lecer, os cidadáns estadounidenses acudían ás salas unhas trinta veces por ano e a venda de entradas acadou picos de noventa millóns por semana. Esas cifras que hoxe nos parecen extraordinarias implicaban uns ingresos igualmente fabulosos para a industria; facíanse moitos e moi variados filmes e había un público detrás que respondía por eles. A era dourada de Hollywood existiu porque ademais de talento creativo había unha forte demanda por parte dos espectadores.

A costa abaixo empezou axiña, a medida que a televisión foi ocupando o espazo de privilexio dos fogares. Aqueles 4500 millóns de billetes anuais dividíronse hoxe por tres; ao longo destas seis décadas duplicouse a poboación do país, co cal a asistencia media anda agora por debaixo das cinco entradas por persoa e ano. Máis do triplo que en Galicia, que queda nun miserento 1,3.

Podemos inventar mil escusas, mais o caso é que imos pouco ao cinema. Queixámonos de que é caro e a oferta non sempre satisfactoria, mais tampouco facemos esforzos para apoiar as boas iniciativas que xa existen. Pasan cousas diante dos nosos fuciños mais procuramos mirar para outro lado porque “hoxe non me vén ben e seguramente haberá outro que vaia por min”. Actuamos coma se os bos filmes, os bos libros e mesmo os bos xornais se fixeran sós, coma se non precisaran nunca do noso apoio e fose abondo con dar de cando en vez unha palmada nas costas. Só reaccionamos cando é demasiado tarde, para chorar hipocritamente. Non damos entendido que non haberá máis cultura que a cultura que sexamos capaces de defender.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o venres 1 de xullo

Ningún comentario:

Publicar un comentario