sábado, 23 de xullo de 2011

A superioridade de Pedro Costa

A organización do festival de curtametraxes de Vila do Conde ten razóns de sobra para estar ben satisfeita: a décimo novena edición pechou con máis de vinte mil espectadores, aos que haberá que sumar os que se acumulen nas extensións que se celebran en diferentes vilas e cidades portuguesas. A cifra revela o alto grao de consolidación dun certame que asenta o seu éxito nuns contidos sempre excelentes nos que hai sitio para moitas das mellores producións da tempada, elixidas con intuición e coraxe polo equipo de programación. O prestixio acumulado ano tras ano facilita a visita de grandes nomes do cinema actual, dende o romanés Corneliu Porumboiu, obxecto dunha retrospectiva, até o ilustre Thom Andersen ou o actor-director Louis Garrel, presentes os dous nun palmarés final coroado pola subxugante Boro in the box de Bertrand Mandico, unha curta longa –40 minutos– que fai un singular achegamento á figura do polaco Walerian Borowczyk, autor que gozou de certa celebridade nos setenta pola pegada erótica de filmes coma A besta ou Interior dun convento.

Dentro da competición nacional o gran triunfador foi Pedro Costa con O nosso homem, nova demostración da súa superioridade intelectual e artística. O de “nova” é un dicir, por canto a peza é o resultado da remontaxe de dous traballos anteriores, Tarrafal, un encargo da Fundação Calouste Gulbenkian coa deportación dun mozo caboverdiano ao fondo; e a máis fantasmal A caça ao coelho com pau, producida co apoio do Festival de Jeonju. Dúas obras concibidas de maneira independente cuxa fusión permítelle ao mestre erguer outro retrato poético da crueldade dun sistema que converte os que están nas súas marxes en espectros.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 22 de xullo en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario