sábado, 2 de xaneiro de 2010

2010, o ano do Novo Cinema Galego

Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego. Non é unha arroutada chovinista: nos próximos meses presentarán as súas novas obras boa parte dos mellores directores do país, os máis deles moi novos, un feito que nos autoriza a falar en termos xeracionais. Non é tanto un relevo, posto que o cinema de noso non gozou até agora da estabilidade precisa para falarmos de grupos ou colectivos ben diferenciados, senón a consolidación dun conxunto de autores que se expresan con liberdade á marxe das convencións industriais e conectan cos debates e tendencias que caracterizan a creación contemporánea. Falamos pois dun grupo de cineastas que “non chega tarde”, que experimenta as modas e usos audiovisuais ao mesmo tempo que se manifestan no resto do planeta.

Este aliñamento non é algo casual, por outra parte; vén propiciado polo apoio –non só financeiro– prestado pola Axencia Audiovisual Galega, cuxa inusual audacia para mirar máis lonxe non foi suficientemente aplaudida nin polas autoridades –as de agora e as de antes– nin polo sector. Singularmente valiosa foi a creación dunha liña de pequenas axudas á produción audiovisual destinadas aos creadores, as chamadas “de promoción do talento”, que só ao longo de 2009 permitiron o nacemento de máis de trinta traballos cun investimento público equivalente ao que recibe unha soa longametraxe de animación. Máis que un desexo é algo a esixirlle á actual administración o mantemento –e se for posíbel o reforzo– desta política de subvencións cuxos primeiros grandes froitos empezaremos a gozar en breve.

Hai xusto un ano o suplemento de cultura deste xornal dedicáballe un par de páxinas a dous directores galegos cuxa obra completa collía daquela dentro dun DVD: Ángel Santos e Oliver Laxe. Aquel artigo foi unha tan xusta como atrevida aposta nacida do entusiasmo provocado nos meses precedentes polas súas anteriores películas, O cazador e París #1 respectivamente, recoñecidas pola revista Cahiers du Cinéma entre as mellores curtas de 2008 en España. Eles dous seguen a ser os cineastas sobre os que recae a máxima atención. Ángel gravou a comezos do outono a súa primeira longametraxe, Dous fragmentos / Eva, unha historia triangular de amor e desamor coa que volve unha vez máis aos seus temas preferidos, as relacións de parella e a distancia entre as emocións desexadas e as vividas, nun relato deambulante que ten a cidade de Santiago de Compostela como cuarto protagonista. Como resultado do obradoiro de cinema con rapaces en situación de exclusión social que desenvolveu en Tánxer, o galego Oliver Laxe ultima na actualidade a longametraxe Todos vós sodes capitáns, un dos títulos capitais de 2010. Oliver supera o debate sobre as barreiras entre a ficción e o documental para crear unha fermosa peza de cinema extremadamente puro que nos obriga a pensar na linguaxe fílmica, na súa beleza e na súa verdade, por riba de formatos e etiquetas.

O abraiante teaser de Arraianos amosounos un vello en paraxes invernais e neboentas declamando un texto coa forza espectral das películas dos Straub-Huillet. Pouco teñen que ver esas imaxes coas que encherán finalmente o traballo de Eloy Enciso, que rodou o seu documental ficcionado sobre o Couto Mixto durante unha esplendorosa primavera, mais como declaración de intencións é abondo elocuente. A austeridade e o rigor son tamén trazos característicos da obra de Xurxo Chirro, que en Vikingland se vale dun fascinante material alleo –as vídeo-cartas que un mariñeiro galego enviou á familia nos noventa– para elaborar unha relectura do Moby Dick de Herman Melville de dimensións monumentais. No extremo oposto en canto a duración está a curta de animación Gato encerrado de Peque Varela, que en menos de dez minutos fabula coa noción popular das varias vidas que ten un gato e a partir dela reflexiona sobre as desigualdades do noso tempo con sutileza e intelixencia.

Igualmente comprometida é a actitude de Manu Mayo en Dous de vintetantos, documental que lle pon rostro ás vítimas dos accidentes de tráfico e transcende as convencións televisivas grazas á presenza do director, que introduce de forma explícita aspectos íntimos da súa vida. A maior sorpresa vén de man de Vicente Vázquez e Usue Arrieta, os QQ, que con Canedo regresan ás orixes do primeiro, unha vila preto de Ourense. A tala dunha árbore e a elaboración a partir da súa madeira dun libro que conterá unha foto de familia é a escusa artística dunha película-performance que festexa e honra de maneira libre e lúdica os elementos cos que se constrúe unha identidade.

Manuscritos pompeianos de Marcos Nine, Fatum de Pablo Millán, Contra a morte de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, Territorios de Lara Bacelo, Entre linguas de Sánchez Maragoto, Varela Aveledo e Vanessa Villaverde, Roger de Flor: Naturalidade Silvestre de Carlos Alberto Alonso, Gaiteiro! de Rubén Pardiñas, Corpos arbóreos de Andrés Victorero... unha listaxe exhaustiva de títulos de interese está fóra do alcance dun artigo coma este. As obras e os autores xa os temos; agora só falta que o noso país sexa por fin consciente do seu potencial creativo.

Martin Pawley. Publicado o sábado 2 de xaneiro de 2010 en Xornal de Galicia

2 comentarios:

  1. [...] anos anteriores (Crevinsky, Linko, Relatos, ou A casa da luz..), e quizais debamos ter confianza na irrupción de novos cineastas, pero a crítica situación da produción “profesional”  e da “industria [...]

    ResponderEliminar
  2. [...] o ano máis importante da historia do audiovisual galego», dicía o crítico Martín Pawley nun artigo publicado o 2 de xaneiro no xa desaparecido Xornal. Non lle faltaba razón. A devandita etiqueta [...]

    ResponderEliminar