xoves, 31 de decembro de 2009

Dez filmes para o 2010

Vikingland
Quedades avisados: 2010 traerá a mellor colleita da historia do audiovisual galego. Moitos dos nosos máis interesantes cineastas (esquezamos dunha vez a etiqueta de "emerxentes": non "serán", xa "son") presentarán traballos ao longo do ano que vén. Aquí vos deixamos unha listaxe inicial de dez obras (por orde alfabética) que agardamos con expectación e que nos han proporcionar, aquí e acolá, inmensas alegrías:

Arraianos, de Eloy Enciso. Filme co-escrito e producido por José Manuel Sande que explora con espírito straubiano o territorio fronteirizo do Couto Mixto a partir dun texto de Jenaro Marinhas del Valle. [MP]

Canedo, de Vicente Vázquez e Usue Arrieta (QQ). Celebración da identidade intelixente, gozosa e afastada de tópicos que nace como unha sofisticada performance artística de regreso ás orixes e remata cunha verbena a ritmo de Hidrogenesse. A maior sorpresa de 2010. [MP]

Dous fragmentos / Eva, de Ángel Santos. Paseos, encontros e despedidas na Compostela actual nunha historia de (des)amor creada polo máis francés dos cineastas galegos. No reparto, Fernando Tielve, un fenómeno. [MP]

Entre linguas, de Eduardo Sánchez Maragoto, Juan Varela Aveledo e Vanesa Villaverde. Filme colectivo que aprofunda en cuestión filolóxicas cun atinado carácter científico mais sen renunciar a formas documentais máis ambiciosas con influencias da Pompeu Fabra. [XG]

Fatum, de Pablo Millán. Síntese dun proxecto máis complexo no que Millán mestura estilos de animación para analizar os medos da humanidade. [XG]

Gato encerrado, de Peque Varela. Animación de recortes que fabula coa idea das moitas vidas que ten un gato para debullar, con extraordinaria clarividencia, a sociedade contemporánea. [XG]

Manuscritos Pompeianos, de Marcos Nine. Curtametraxe que reúne infinidade de pintadas e graffitis en lugares públicos para facer con eles un estudo da expresión urbana en diferentes países do mundo cun impecábel traballo de posprodución. [MP]

Territorios, de Lara Bacelo. Diario filmado que serve de catarse persoal para a directora, que amosa os seus sentimentos entrecruzados nunha poliédrica reflexión sobre a realidade que a rodea. [XG]

Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe. Artefacto que transcende e esgaza as barreiras entre a ficción e documental para redefinir con inusitado acerto a verdade cinematográfica. Unha das obras capitais de 2010. [MP]

Vikingland, de Xurxo Chirro. Traballo monumental de apropiación de material alleo que establece unha curiosa transposición do Moby Dick de Herman Melville combinando a épica, a análise da emigración e a reflexión metalingüística. [MP]

P.D. Esta é unha listaxe non exhaustiva; agardamos ansiosamente quedarnos curtos e rectificala dentro duns meses engadindo outros títulos.

Xurxo González [XG] e Martin Pawley [MP]

Nota: este sábado en Xornal de Galicia, artigo sobre o audiovisual galego que veremos en 2010

2 comentarios:

  1. [...] Nine publicou no seu blog unha interesante anotación que comenta a listaxe de proxectos galegos para o 2010 e o artigo publicado en Xornal de Galicia: Nunha destas, vin unha mensaxe de Martin [...]

    ResponderEliminar
  2. [...] promoción, difusión, recuperación do patrimonio e para a historia do cinema galego en xeral -agás excepcións-, e que penso devalar en dúas entregas.  Desta volta, comezamos pola análise da produción do [...]

    ResponderEliminar