De maneira sorpresiva apareceu en Internet un pequeno filme de Lara Bacelo que non chega aos cinco minutos de duración chamado Varona. A peza é do ano pasado, foi proxectada nalgúns espazos mais, outra vez –e xa van abondo-, ninguén reparou nesta pequena xoia do audiovisual galego. Ver a peza recentemente deume a motivación necesaria para escribir estas liñas. O texto que aquí introduzo non sabía como titulalo, contemplei varias opcións mais ningunha me convencía. Finalmente, nun pomposo delirio intelectuloide, parodiei o título do famoso libro da feminista Teresa Laurentis, Alicia ya no, remedo dun filme de Wenders (Alicia xa non vive aquí) que á súa vez era unha homenaxe a Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll.
Lara Bacelo: un xénero en si mesma
Este pequena peza irrompe na filmografía de Lara Bacelo despois de Ollos da cidade, Conversas con Deus e John Balan, detrás da porta e mentres agardamos polo seu novo filme, Territorios. Mais Varona si ten certo parentesco cunha chea de pequenas pezas que a autora fixo para Internet. Ese traballo de videoblogueira é o que máis a condicionou no desenvolvemento da súa actividade audiovisual. Propostas que raian a elexía íntima cun alto grao de introspección que converte as súas imaxes en textos chamados a percorrer camiños propios da literatura (ficción, poesía, ensaio).
O traballo de Lara Bacelo, marcado pola palabra versatilidade, está afastado, para ben e para mal, do encorsamento caduco dos xéneros audiovisuais. Varona é froito da súa experiencia na rede e do seu espírito amalgamador de materiais de distintas procedencias. Uns vimbios que farán pensar a moitos en certa videocreación dos 80 mais iso é practicar unha redución indiscriminada xa que precisamente Lara Bacelo non ten esa quentura formalista nin cinéfila. A cineasta o que fai é sacarlle partido as facilidades de edición dixital para triturar as imaxes a prol dun discurso feminista crítico e denso.
Varona: eséxese escachadora
O filme estrutúrase nunha dialéctica entre unha voz “en over” que le fragmentos da Biblia nos que se opina sobre as mulleres, e as imaxes, tanto de produción propia (fuxidas e eivadas) como de material encontrado (sobre todo imaxes pornográficas). Con esta estrutura Lara Bacelo comeza a golpear o espello “do país das marabillas” para deixar en evidencia os papeis da muller que aínda lle asigna a sociedade. Nesta contraposición a directora pon nun mesmo plano as consideracións da muller polo dogma cristiano e pola espectacularidade sexual da muller (suxeito-fantasía) imposta pola mirada do home (fetichismo, vouyerismo, exhibicionismo, representación…). Mais esta armazón non fica aquí e fai apuntamentos sobre os malos tratos, a prostitución, o sexo, o amor e a maternidade.
Unha panorámica completa e sintética da situación da muller a través dos seus ollos. A súa mirada faise patente coa súa presenza, coa súa voz tratada para aportar un desasogante androxenismo, polos seus “territorios” persoais (que explosionarán no seu seguinte filme) e pola manipulación das imaxes. Lara compenetra idealismo e resistencia, actúa como unha Penélope posmoderna para tecer e desfiañar as imaxes, clipealas, distorsionalas, invertilas,… Mais este afan construtivo non se debe a certa ostentación materialista senón que Lara Bacelo fai seu o rol xenesíaco de “muller tecedora”, contemplando o tecido como texto, sendo xeradora de significados, de vida.
Lara no audiovisual das marabillas
Mais a Lara quédalle outra reviravolta das máximas feministas que é a súa posición de poder nunha sociedade patriarcal, enténdase aquí por iso, a industria audiovisual galega. Non imos dicir nada novo se comentamos que Lara Bacelo non ten referencias en Galicia; as creadoras audiovisuais en Galicia sucedéronse, mais non hai ningunha que amose tanta liberdade e capacidade de risco. Quizais o único referente válido podía ser Peque Varela con 1977. As dúas coinciden na reflexión sobre o xénero e o carácter autobiográfico da súa obra, que combina teimas persoais e a manipulación do imaxinario colectivo, mais Lara Bacelo difícilmente pasará por Sundance. Porén, os referentes da cineasta de Mos habería que atopalos no outro lado do Atlántico, na figura de Barbara Hammer na que coincide en militancia, rebeldía e paixón polos límites.
Varona é unha “rara avis” no audiovisual galego, un traballo que por desgraza xa foi segregado e condenado á invisibilidade. Mais ao espectador habería que lembrarlle que non se pode falar da diferenzas e de marxinalidade de identidades dentro da sociedade facendo uso dun linguaxe dominante, é decir, clásico, porque iso sería reproducir contextos segregadores.
Lara Bacelo que estás nos ceos! Apíadate de nós!
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario