xoves, 13 de agosto de 2015

Conversa sobre "Eco"

Xacio Baño regresou hoxe á competición internacional "Pardi di domani" do Festival de Locarno coa curta Eco. Por cuarto ano consecutivo hai un filme galego no festival suízo, despois de Arraianos (Eloy Enciso, 2012), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013) e Ser e voltar (Xacio Baño, 2014). Sobre o novo filme de Xacio vai esta conversa entre Martin Pawley e Xurxo González.


Martin Pawley: Eco é moi sinxela, mais está moi ben resolta. Hai que destacar a valentía de Xosé Barato no manexo dos diarios da nai, que apuntan/desvelan frustracións e sufrimentos sostidos no tempo fáciles de extrapolar a moitas vidas de mulleres desa e doutras épocas. Gústame moito o final, cando as palabras perden xa toda posíbel inxenuidade. O eco é de amargura e de tristeza, mais tamén iso é vivir.

Xurxo González: Gustoume moito. Xunta moi bos recursos e distintas referencias que dan interesantísimos niveis de lectura. Barato foi moi valente. Esta é a curta de Xacio que me gusta máis.

MP: Eu diría que Anacos é máis perfecta mais esta é mellor. É bo pensar xuntos eses dous retratos femininos "in absentia" porque o eco no espectador é moi diferente. Anacos xera unha empatía inmediata pola vía da (triste) tenrura, porén Eco produce outras sensacións, entre elas a incomodidade. A nudez familiar afrontada por Barato deixa algo de mal corpo, non o digo nun mal sentido, antes polo contrario; está moi ben que sexa así. Penso que é nesa incomodidade onde está a virtude da curta.

XG: Xa, xa, son consciente. Mais eu dígoo coma Xurxo espectador e creador. Interésame máis este cine. Probablemente (oxalá me equivoque) non teña tanta acollida como Anacos, mais interésanme máis este tipo de propostas. Déixome levar polas palabras, polo recitado, quería saber que lle pasaba a esa muller. Creo que deixa ao espectador máis libre e iso a min encántame.



MP: Si, si, estou de acordo no que dis. Coma proposta é máis ousada e deixa máis liberdade ao espectador e iso faina tamén "menos festivaleira", non é a clase de curta que vaia gañar premios do público, para entendernos, xustamente porque evita suliñados, non fai explícitas as conclusións. Iso é unha proba de madurez tremenda coma creador. En certo sentido, Xacio está facendo un camiño inverso ao que é máis común no cinema: empezou xogando coa ficción de xénero e foi derivando ao "real". O bo de Eco é que a partir dunha forma canonicamente documental -a observación de algo, neste caso unha mudanza- extrae un relato, a historia dunha(s) vida(s); arma en sentido literal "um filme falado" e o de menos xa é a carga de verdade do relato, non importa se os diarios son reais ou falsos, porque a historia si o é en canto a que hai moitas historias así. Por riba do concepto orixinal está a construción do filme na súa forma final.

XG: A evolución de Xacio resulta patente, alégrome moito. Vaime quedar pena non producirlle a longa que estará ao caer. Se continúa nesa liña a longa será macanuda. Quédome coa parte final do que dis, esa capacidade de suxerir historia co mínimo suficiente. A min gústame esa lectura e ese recitado, sen chegar a formas radicais coma as de Straub. Lembroume lixeiramente O Cazador de Santos, mais a proposta é orixinal e anovadora, pasa do literario e afonda no cotiá onde todo o mundo pode verse identificado. Fai un convite ao espectador intelixente. Agardo que a xente saiba aprecialo.

MP: En Vila do Conde tiven ocasión de entrevistar a Miguel Gomes pola estrea d'As Mil e Uma Noites e nun momento da conversa falou da súa fascinación pola forma máis clásica da narración: alguén que conta unha historia. En Anacos a "historia" realmente quedaba fóra de campo, o que quedaba dunha vida era "o oco", a ausencia, unha sensación compartida por moitos espectadores. Eco funciona case ao revés, parte da ausencia, a despedida dunha casa que xa non serve a ninguén, e dela, ou do que queda dela, agroma un relato, un relato expresado por voces que ao mesmo tempo están a descubrilo. Páxina a páxina esa historia vai doendo e o pudor conduce ao silencio final, que é aínda máis elocuente.

XG: É que aí esta a chave do cinema contemporáneo. Moitas veces pénsase que a "perfección" está nunha narración en imaxes dunha historia á maneira literaria onde as imaxes e as palabras arróupanse unhas ás outras dunha maneira edulcorada. En Eco por un lado temos a recuperación dunha historia que chega a cristalizarse na atención e interese do espectador. Mais Eco vai alén do narrativo, ten algo de performático, de experiencia, de proceso. O espectador invade a intimidade ou, mellor dito, séntese participe dese momento, desas palabras, desas lembranzas, desas historias, desas lecturas. Iso que en gramatoloxía se contrapón: o mostrado e o dito. Este é un cóctel que me gusta, que me entusiasma. E outra cousa que xoga a favor de Xacio é o de ser consciente do terreo acoutado, do espazo, da escrita, das palabras. Elementos suficientes para materializar unha historia cunha chea de niveis significantes. Gratificante.

1 comentario: