E a vida continúa
Debo empezar cunha confesión: non cheguei a ler Herba moura. Deixeime
levar por un absurdo prexuízo cara a súa autora, ou cara a imaxe que os
medios de comunicación transmitiron dela; as súas declaracións a favor
de lavar os cueiros dos bebés e en contra das nais e pais que non van
levar e recoller os fillos ao colexio, ou das mulleres que "explotan" a
outras mulleres contratándoas como asistentas. Tiña un argumento
adicional, este estritamente literario: A palabra das fillas de Eva,
ensaio ao que me encamiñei con grande entusiasmo por mor da
recomendación dun amigo, houben deixalo xa no primeiro capítulo,
convencido de que ese libro non era para min. Non prestei pois demasiada
atención a Teresa Moure, convertida xa no maior fenómeno das letras
galegas dos últimos anos, até que este mes de xuño a escoitei defendendo
de maneira espléndida o seu discurso como mantedora dos Premios Xerais,
O carácter revolucionario da escrita e das palabras. Aquel texto,
vibrante e enérxico, foi toda unha sacudida para os alí presentes,
compartisemos ou non todo ou parte do seu contido. Aquela tarde souben
que estaba equivocado.
A nova obra de Teresa Moure, Benquerida catástrofe é unha magnífica novela, unha das mellores que podemos atopar
hoxe nos estantes de novidades. Por ousadía, por audacia, por
atrevemento; por permitirse toda sorte de reflexións e disertacións sen
deixar de lado un soterrado sentido do humor, por xogar coa estrutura
guiada polo puro pracer. Porque se algo parece claro lendo o libro é que
Teresa Moure o pasou extraordinariamente ben escribíndoo, e que ninguén
entenda isto como unha rebaixa dos seus valores e intencións, antes
polo contrario. Benquerida catástrofe non é de ningunha maneira un
divertimento ocioso e menor; é unha obra radical e profunda que fala de
homes e mulleres, de amores e desamores, de identidades e de
transformacións. Un texto sobre a procura lexítima, laboriosa e
inevitábel da felicidade. Adam Cairbourgh e Eva Muíños forman unha
parella aparentemente estábel e perfecta até que nun momento determinado
empeza a deixar de selo. Unha viaxe a Londres dela cos seus compañeiros
de instituto, o sentimento de culpa, ou de responsabilidade, por terse
deitado cun alumno adolescente, os problemas de pel de Adam e as súas
visitas ao doutor Castiñeira, con quen mantén amábeis conversas e en
cuxa consulta coñece a Marisa, que experimenta por el un amor puro,
esencial e verdadeiro, máis alá dos corpos e das formas, uns días de
descanso de Eva nun convento e o seu encontro alí con Ana, unha rapaza
non por nova menos coñecedora das relacións persoais... toda unha longa
serie de circunstancias e de encontros suman e restan para provocar o
distanciamento da parella e a mutación final, a metamorfose definitiva
das eirugas en bolboretas.
Dotada dun poderoso e intelixente
humanismo, a novela avanza con ritmo veloz ao longo de páxinas
luminosas, que de cando en cando fálannos directamente a nós e teñen o
atrevemento xenial de nos dar consellos de lectura. A escrita de Teresa
Moure é lírica e detallista, pero tamén está chea de forza e de potencia
narrativa. A súa prosa é lúdica, si, pero tamén intensamente
sentimental, inzada de tenrura e de emocións, que constrúe e non
destrúe; espiritual no mellor sentido da palabra. Benquerida catástrofe
pode verse como un sublime libro de autoaxuda, como no fondo o son todos
os grandes libros, sexa cal sexa a historia que conten. Porque lemos
para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos, para intentar
descubrir as chaves que mellor abren as portas das nosas vidas. Tanto
ten que a autora non comprenda ben de todo os números primos: o seu
libro é un acto capital de creación, fermoso, engaiolante e transgresor.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 4, outono 2007.
Amosando publicacións coa etiqueta Protexta b>. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de febreiro de 2011
domingo, 20 de febreiro de 2011
Tres segundos de memoria
Xuventude en marcha
A diferenza doutras edicións, o anuncio de que o gañador do Premio Xerais 2006 era Diego Ameixeiras fixo correr algunhas tintas e algúns bytes por parte dos que se apresuraron a falar mal do libro antes de coñecelo, pero tamén dos que saudaron unha suposta "remuda" dentro dun sistema cultural, o galego, cunha insistente querenza polos actos fúnebres. Para uns e para outros a virtude e o defecto fundamental do autor parecía ser a xuventude, o cal non deixa de ser unha circunstancia pola que todos pasaron algunha vez na vida, mesmo eses en que están pensando, e que en consecuencia nin quita nin pon mérito a ninguén.
Creo que é imposíbel sentirse decepcionado despois de ler Tres segundos de memoria, pois o seu estilo e intencións fican definidos con franqueza e claridade xa desde as primeiras páxinas. O protagonista do texto é un mozo de trinta anos que sobrevive a conta de traballos precarios e relata a súa existencia cotiá desde unha perspectiva desencantada, non co sentimento de baleiro e confusión típico das criaturas da modernidade sesenteira (os seres marcados pola incomunicación dos filmes de Antonioni, por exemplo), senón desde a aceptación sarcástica e amarga de que todas as ilusións de mocidade non chegarán xamais a verificarse. É o "post-fracaso", unha maneira de enfrontar a vida cubríndose cunha coiraza de cinismo que non serve para erguer unha visión do mundo activa e escéptica e acaba por parecer unha simple pose erixida con fins defensivos a forza de frases lacónicas, un evidente gusto pola desmitificación e o aparente desinterese por todo o que non sexa de proveito inmediato. O personaxe principal non ten visión de futuro porque xa ten dabondo con ir tirando no presente; detesta os que practican o "nefasto vicio da melancolía" e nega a "suposta superioridade intelectual do inadaptado", mais no esencial recréase con permanente indulxencia na súa realidade diaria, compartida por un feixe de individuos da súa xeración, que o converte nun adolescente perpetuo sen a máis mínima confianza no porvir e convencido de que calquera situación desesperada é susceptíbel de empeorar. Nun momento determinado o protagonista lembra unhas palabras que lle escoitou a un crítico de cinema non especificado, segundo as cales a grandeza dunha obra de arte radica na capacidade que esta ten de falarnos directamente a nós mesmos, explicando facetas das nosas propias vidas; ao crítico tal cousa acontécelle coas películas de Erice ou Kiarostami, pero a el só lle ocorre con cancións de Manolo Kabezabolo que inclúen versos como "Por la kalle las tías / no paran de pasar (...) Me enamoro de todas / las que pasan a mi lado", feito que define da mellor forma posíbel ao personaxe.
Ao longo das páxinas do libro non se detecta unha evolución argumental nin emocional, e nese senso non se pode dicir que posúa unha verdadeira estrutura de novela, nin o pretende tampouco. Ameixeiras constrúe a narración de maneira fragmentaria, como unha pura acumulación de episodios e parágrafos de reminiscencias blogueiras que apostan polo apuntamento anecdótico inzado de referencias recoñecíbeis polo público novo (as resacas dos domingos, as noites de televisión e sofá, a comida precociñada) en xeral tan reais como tópicas e inofensivas, que se alternan cunha voz máis íntima que manifesta un ocasional alento lírico e reflexivo, o da poesía do desengano e da derrota, o das metáforas nas madrugadas de alcohol e fume. O texto é xusto o que parece, nin máis nin menos, e vai conducido cun oficio de que o escritor ourensán anda sobrado e que lle permite armar con estes vimbios un cesto lixeiro e ameno, cheo de humor e sen severas contraindicacións. O único problema é que o libro depende de modo decisivo do grao de identificación ou empatía que poidamos sentir por un protagonista que non é especialmente orixinal nin memorábel, e que no fondo resulta demasiado próximo a moitos lectores, e demasiado distante para os demais, como para que calquera deles poida experimentar un xenuíno interese por el.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 1, inverno 2007.

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)