Amosando publicacións coa etiqueta María Luz Morales. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Luz Morales. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de decembro de 2024

Redescubrirmos María Luz Morales (e II). Pioneira da crítica.

Hai moitas María Luz Morales. A tradutora e adaptadora de libros para a infancia (xa a mediados dos 20, Peter Pan y Wendy de J. M. Barrie para a Editorial Juventud), a fundadora de editorial Surco, a editora de antoloxías e versións de clásicos, a creadora dunha historia do cinema en tres volumes para a editorial Salvat… E tamén a excelente narradora dos contos Historias del décimo círculo, ambientados na Guerra Civil, e a memorábel novela Balcón al Atlántico, a escritora de obras de teatro ou do texto memorialístico Alguien a quien conocí, no que repasa os seus encontros con Marie Curie, Gabriela Mistral, Paul Valéry, Federico García Lorca ou André Malraux. Mais convén poñer en valor o seu labor como crítica de cinema e facémolo tomando como referencia os máis de 400 artigos coa asinatura de Felipe Centeno a partir de 1923 (La ingenuidad en la pantalla, 17 de novembro) e durante dez anos. Tamén aí soubo amosar o seu cariño pola Galiza que a viu nacer para aplaudir o esforzo de Rey Soto por levar a América a paisaxe galega en forma de filme ou louvar a adaptación que fixo de La Casa de la Troya o propio novelista, Pérez Lugín.

En La Mujer y el Cine (La Vanguardia, 7 de agosto de 1926) celebra o éxito dunha muller directora: Lois Weber. "(…) También ha abierto el cinematógrafo a la mujer nuevos caminos. Muchachas desde siempre son las que trabajan en los talleres de películas, las que empalman y manipulan en la cinta de celuloide. Ahora, frente a este escalón humilde vemos alzarse a la mujer también en el más alto punto, en el más importante cargo de la cinematografía: en el de directora de películas. Luisa Weber, ilustre actriz y escritora norteamericana, mujer de múltiples talentos, a quien en un principio sólo por ser mujer se predijo el más absoluto fracaso como directora cinematográfica, acaba de triunfar plenamente. Ha resistido, «como un hombre», el duro y continuado trabajo físico que impone la dirección de películas, el esfuerzo mental de improvisar detalles, combinar y rectificar escenas, de corregir sobre la marcha el escenario o guión. Ha soportado la pelea brava, sofocante, que irrita y rinde, con escenógrafos, carpinteros, electricistas, mozos y demás empleados secundarios del estudio. Ha aguantado y se ha impuesto a los artistas, casi siempre indolentes, premiosos y rebeldes. Todo esto dudaba la prensa y el público que pudiera ser tarea femenina. Y todo esto lo ha logrado plenamente una mujer: Luisa Weber, que con su última película «La feria del mundo», acaba de obtener un éxito formidable".

Martin Pawley. Artigo escrito para o sitio web da A. C. Alexandre Bóveda. Pode lerse o texto completo neste enderezo.

luns, 9 de decembro de 2024

Redescubrirmos María Luz Morales (I). A escritora e Galiza.

Escritora, tradutora, editora mais sobre todo xornalista, a coruñesa María Luz Morales ocupa un lugar na historia por múltiples razóns, mais as máis das veces fálase dela polo fito de ser a primeira muller en dirixir un xornal no estado español, La Vanguardia, semanas despois do golpe de estado de 1936. Por iso, e polo seu compromiso con causas progresistas, incluída a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza, foi obxecto de represalia ao inicio da ditadura. Mais foi, tamén, unha pioneira na escritura sobre cinema como autora de centos e centos de artigos de prensa.

Naceu na Coruña o 1 de xaneiro de 1889, segundo recolle a súa biógrafa Mª Ángeles Cabré no libro, editado por La Vanguardia, María Luz Morales, pionera del periodismo. Formaba parte dunha familia acomodada e tiña un irmán e unha irmá. Contaba arredor de 6 anos cando marchou de Galiza por mor do traballo do seu pai, funcionario de Facenda. A familia viviu primeiro en Andalucía e logo estableceuse en Barcelona. Estudou Filosofía e Letras e comezou a exercer o xornalismo a finais da década dos 10. E como sabía inglés e francés, ademais de castelán, catalán e galego (e en consecuencia, tamén portugués), puido dedicarse á tradución. En 1921 dirixe a revista El Hogar y la Moda, xerme do que logo sería (e aínda é) a revista Lecturas. Tamén en 1921 comeza a colaborar no xornal La Vanguardia. O seu primeiro artigo, Las hadas vuelven, saíu o martes 5 de xullo dese ano. Intégrase na redacción do xornal en 1923 e é nesa altura cando inicia a escrita de artigos sobre cinema co pseudónimo “Felipe Centeno”, que toma prestado dunha novela de Benito Pérez Galdós. As críticas de teatro, porén, asínaas co seu nome real, o cal dá idea de que ao cinema se lle daba unha importancia cultural moito menor (ela propia apuntou iso, décadas despois, nunha entrevista: “Yo, que tenía muchas pretensiones, no quise poner mi firma al pie de algo tan nimio como la crítica de cine”).

María Luz Morales é unha profesional respectada que dá habitualmente conferencias e é convidada ilustre a diversos actos. Algunhas noticias da prensa deses anos dan idea do seu recoñecemento e tamén do seu compromiso claro coas súas orixes galegas. Así, o 23 de febreiro de 1931 impartiu unha conferencia co título Rosalía de Castro y la lengua materna, que foi transmitida en directo por Unión Radio Barcelona. En xullo de 1932 está presente na visita ao Centro Cultural Gallego de Barcelona dos deputados Otero Pedrayo e Castelao, e en abril de 1934 participa “en nombre de las mujeres gallegas” nun acto en conmemoración do 88º aniversario dos mártires de Carral. A noticia en La Vanguardia (29 de abril) comezaba dicindo “En el Pazo Gallego, de Barcelona, celebraron los galleguistas residentes en nuestra ciudad un solemne acto en memoria de los héroes fusilados hace ochenta y ocho años en el pueblo de Carral, cerca de La Coruña…” (...) 

Martin Pawley. Artigo escrito para o sitio web da A. C. Alexandre Bóveda. Pode lerse o texto completo neste enderezo.

xoves, 11 de xullo de 2024

Volver a María Luz Morales


Amarillo Editora vén de publicar Balcón al Atlántico da galega María Luz Morales, a primeira muller en dirixir un xornal no estado español e, antes diso, pioneira na escrita de textos sobre o cinema. Nacida na Coruña en 1889 -probabelmente: sobre a data do seu nacemento hai non pouca confusión-, era aínda cativa cando a súa familia se estableceu en Barcelona, onde María Luz desenvolveu a súa excepcional (e longa) traxectoria profesional. O 5 de xullo de 1921 asina o primeiro artigo en La Vanguardia, “Las hadas vuelven”, entusiasta defensa do teatro feito para o público infantil, e dous anos despois convértese en columnista estábel do xornal na sección “Vida cinematográfica” baixo o pseudónimo Felipe Centeno, collido dunha novela de Galdós. Fronte aos típicos “ecos e noticias” sobre as celebridades de Hollywood, os seus textos desvelan unha xenuína curiosidade pola linguaxe das películas e celebran a condición autoral máis alá dos rostros e corpos que poboan a pantalla. Queda claro en “Los magos del cine”, reivindicación da arte de Stroheim, Abel Gance ou King Vidor, “o máis alto poeta de Norteamérica despois de Walt Whitman”, ou na súa admiración por F. W. Murnau, xenio capaz tanto da depuración d’O último, na que renunciaba aos intertítulos e confiaba a narración toda ás imaxes, como da colosal sofisticación de Amencer, cuxo filme derradeiro, Tabú, provocou grande impacto na crítica coruñesa: “e ao chegar ao patético final, cando a fatalidade se plasma nunhas leves ondas e unha música que vai apagándose, apagándose, e unhas táboas que aboian... sentímonos empequenecidos ante a grandeza do poema”.

En “Nuevo valor del silencio” (1932) critica “aquela torpe, balbuciente etapa” en que, coa chegada do son ás salas, as películas volvéronse falangueiras de máis e se encheron de cancións e ruídos; “os grandes directores actuais”, di, “dan outra vez o seu pleno valor ao silencio”. En pleno apoxeo do cinema de gánsteres cuestionará con retranca o exceso de títulos de temática criminal: “Unha descarga cerrada dános a benvida. Despois un tiro. Outro tiro. Tres tiros. Cen tiros, que xorden de diversos sitios. E decontado o bater mortífero dunha metralladora”. A mesma retranca coa que no artigo “Características”, aló en 1926, parodiaba as formas máis tópicas dos cinemas nacionais comparando unha produción americana, unha francesa, unha italiana, unha alemá, unha rusa e unha española. O seu labor chamou a atención da Paramount, que a fichou como asesora. Esa mesma produtora puxo o ollo logo noutra galega pioneira na crítica cinematográfica, Hortensia Blanch Pita, “Silvia Mistral”.

Após o golpe de estado de 1936 María Luz Morales asumiu durante uns meses a dirección de La Vanguardia a proposta do comité do xornal co obxectivo de manter a empresa en marcha. O triunfo fascista fixo dela vítima da represión; pasou unhas semanas no cárcere, foi procesada e perdeu o seu traballo como xornalista. Fai traducións e adaptacións de obras clásicas para o lectorado máis novo, así como unha historia ilustrada do cinema en tres volumes, mais tamén escribe obras orixinais. É o caso de Balcón al Atlántico, acto de amor á Coruña -Marineda nas súas páxinas, ao estilo da Pardo Bazán- que proba a súa estreita conexión cunha cidade que nunca lle foi allea. A novela, ambientada no tránsito do século XIX ao XX, ten como protagonista a Lupe, unha nena, logo moza, inxenua e soñadora, filla dunha familia que vai a menos con pazo e propiedades no rural, un universo que a rapaza descubrirá extasiada, embriagada “polo aire libre e o campo aberto, o aloumiño do Sol na miña pel e os dedos do vento nos meus cabelos, o contacto da auga límpida, fría, de fontes e regatos nas miñas pernas e pés descalzos”. Nesa casa da aldea coñecerá tamén a bondade de Rosa de Anido, un nome (e unha personaxe) de obvia estirpe rosaliana. Un matrimonio concertado cun rico herdeiro en Cuba motivará un xiro na trama, un relato de ímpeto romántico e prosa torrencial, coidadísima, na que abundan as palabras e expresións galegas. E sempre A Coruña omnipresente, coa chuvia, o vento e as gaivotas, o mar do Orzán, as hortas de Garás, o Recheo ou a rúa Real onde as irmás de Lupe, xa adolescentes, “pasaban horas mortas na sala dun fotógrafo que, por dous reais a entrada, exhibía unhas vistas de carreiras, sustos, viaxes á Lúa e danzas de serpentinas en cores”. E, sobre todo, o xardín de San Carlos cos olmos que gardan a tumba de sir John Moore, espazo simbólico principal desta novela apaixonante.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 11 de xullo de 2024, quinta feira.