Amosando publicacións coa etiqueta Amarillo Editora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Amarillo Editora. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de agosto de 2024

Lecturas de verán. Podcast "Nadar de costas" (Revista Quiasmo).


María Luz Morales naceu na Coruña mais desenvolveu a súa vida e a súa profesión en Barcelona, até ocupar un lugar na historia do xornalismo por varios motivos. Foi pioneira na escrita de textos sobre cinema a través dunha sección específica no xornal La Vanguardia a partir de 1923, unha longa colección de escritos que foxe da típica crónica de “ecos e noticias” sobre as estrelas de Hollywood para defender os valores autorais dos filmes. Foi, tamén, a primeira muller en dirixir un xornal en España, La Vanguardia, durante uns meses após o golpe de estado de 1936, feito que logo, co triunfo do fascismo, fixo dela unha vítima máis da represión e a prohibición de exercer o seu oficio xornalístico. Máis adiante faría crítica de teatro (e gañou por iso un Premio Nacional). Escribiu moito, biografías de personaxes célebres (Madame Curie, por exemplo) ou unha historia do cinema en tres volumes; fixo traducións -súa é a primeira en España do clásico Peter Pan- e adaptacións de clásicos para o lectorado infantil. Mais tamén fixo obras máis persoais, como é esta novela coruñesa, Balcón al Atlántico, que reeditou agora Amarillo Editora. Unha novela de deliberado sabor decimonónico, cunha protagonista nena primeiro, logo moza, nunha familia vida a menos con propiedades no campo no tránsito do século XIX ao XX. Unha muller con soños románticos fascinada pola súa cidade, descrita con entusiasmo, mais que tamén descubrirá a voluptuosa paisaxe da Galiza rural e ficará embriagada polo “aire libre y el campo abierto, la caricia del Sol en mi piel y los dedos del viento en mis cabellos, el contacto del agua límpida, fría, de fuentes y regatos en mis piernas y mis pies descalzos”. Unha prosa coidadísima, inzada de termos en galego e outras referencias ao noso país como a presenza dunha personaxe, Rosa de Anido, de clara estirpe rosaliana, nun libro que tira de nós con enerxía.

Capitán Swing vén de reeditar, coa alta calidade habitual, a novela Tomates verdes fritos da actriz e escritora estadounidense Fannie Flagg. Publicada en 1987, foi levada ao cinema catro anos despois nunha adaptación moi popular que contou coa propia Fannie Flagg como coguionista e un elenco notábel coas actrices Kathy Bates, Jessica Tandy, Mary-Louise Parker e Mary Stuart Masterson. A novela transcorre en dous tempos diferentes, un presente cunha muller de existencia tristeira, pouco estimulante, que coñece nunha residencia de anciáns a unha señora que lle conta historias do pasado, cincuenta anos atrás, sobre a xente que se movía arredor dun café na viliña de Whistle Stop rexentado por dúas mulleres que viven xuntas, en parella, en familia. Historias da América da depresión, onde a pobreza, os conflitos raciais e a violencia machista están presentes. Mais o ton da autora non é sórdido, antes polo contrario, celebra a vida en comunidade, a colaboración entre a veciñanza, a comprensión, a empatía, o optimismo. Unha novela verdadeiramente feliz cunha edición que pon en valor os seus moitos méritos.

O 2 de agosto de 1924 nacía James Baldwin, escritor e activista en favor dos dereitos civís. Cúmprense pois cen anos do nacemento dun dos grandes intelectuais norteamericanos, un home polémico, combativo, crítico coas inxustizas e libre, profundamente libre. Capitán Swing súmase ao centenario coa edición dun libro, La próxima vez el fuego, que compila dous ensaios, Tembló mi celda, unha carta ao seu sobriño que tece reflexións memorábeis sobre algúns fundamentos do racismo: “Te ruego que intentes recordar que lo que ellos [los blancos] creen, así como lo que hacen y te hacen padecer, no es prueba de tu inferioridad, sino de su miedo y su falta de humanidad”. Nun texto máis longo, A los pies de la cruz, analiza como entre a comunidade negra o cristianismo foi perdendo influencia e se foi abrindo paso o Islam da man de líderes como Elijah Muhammad, e rememora a súa propia experiencia relixiosa até o definitivo abandono da fe.

A editorial Sexto Piso publicou tamén unha novela excepcional, El cuarto de Giovanni, unha historia de amor e paixón entre un home estadounidense que fica só en París mentres a súa noiva viaxa por España e un atractivo e sedutor italiano ao que coñece nun bar. Un relato de alento tráxico que explora a soidade, a necesidade do amor, a necesidade do outro, realmente, e o desexo, un desexo que dá forma a parágrafos memorábeis: “Cerró la puerta a nuestra espalda y entonces durante un momento, en la penumbra, nos limitamos a mirarnos, con congoja, con alivio y jadeando. Yo temblaba. Pensé, si no abro la puerta enseguida y salgo de aquí, estoy perdido. Pero sabía que no podía abrir la puerta, sabía que era demasiado tarde: pronto sería demasiado tarde para hacer nada que no fuese gemir”.

Caleidoscopio é unha editora que está construíndo un catálogo selecto de obras e autores. Autores ás veces máis coñecidos ou que forman parte do canon literario dos Premios Nobel, caso de Herman Hesse ou Grazia Deledda, e outros sen dúbida menos familiares nas librarías españolas, como Raul Brandao, de quen publicaron a inclasificábel Humus, entre o diario e o ensaio alucinado e poético. Mais eu quero destacar a inmensa sorpresa que para min foi ler Pabellón nueve de cirugía do turco Peyami Safa, unha novela sobre o sufrimento físico, cun protagonista mozo afectado por unha doenza crónica que o leva unha e outra vez ao hospital a someterse a probas e cirurxías, sempre coa ameaza de perder unha perna. As páxinas finais son extraordinarias, poucas veces vin un retrato tan revelador da experiencia da dor e o padecemento físico. A punto de saír do hospital, di o narrador: “Aquí me he acostumbrado tanto al dolor y a la resignación que, si los dejo atrás, sentiré un vacío como si me hubieran amputado un trozo del alma. Si los dejo atrás, ¿cómo voy a vivir sin tener la posibilidad de rebelarme contra ellos? En la envidia de los que se quedan se mezcla algo de compasión hacia mí. Se guardan para sí una felicidad sutil que solo conocen escasas personas. Ojalá pueda recordar más adelante esa felicidad desconocida para quienes no han estado enfermos”. E máis adiante: “Quienes no han sufrido una enfermedad grave no pueden afirmar que lo entienden todo. No hay dos personas más próximas que dos enfermos. ¡Qué poco nos entenderán los que no lo están!”.

Ao abeiro do Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta, Kalandraka lanzou a reedición, longamente desexada, do Papagaio, un obra que suma o talento poético da escritora coruñesa ao talento fotográfico de Maribel Longueira. O barrio do Papagaio, unha das rúas da prostitución na Coruña, foi eliminado e destruído, convertido nun inmenso furado onde cimentar a cobiza inmobiliaria. Maribel documentou coa súa cámara os últimos pousos antes do definitivo exterminio, os restos das escaleiras, das xanelas, a ferralla que queda do que foi en tempos unha casa, as bonecas perdidas, a pintura das paredes que devén expresionismo abstracto, as xeringas. E sobre esas imaxes dunha cidade real que desaparece baixo a maquinaria do capitalismo e sobre a memoria do comercio da carne a autora dunha das novelas maiores da literatura galega, As chaves do tempo, fixo alta poesía, coma sempre. “Os anos cincuenta de calquera século / unha porta verde na cronoloxía repintada, / unha vez tras outra, da esperanza”. Ou “A vida máis estraña é a que marcha inocente / canda os coches que acenden as luces tímidas”. Ou “Desaparecidas as furcias, / só as ratas resisten nalgún lugar irredento / da conciencia”.

No anterior podcast falamos do 25 de abril no cinema portugués. E sobre o 25 de abril trata un excelente libro, tamén en Kalandraka, da xornalista galega Tareixa Constenla, correspondente de El País en Lisboa, Abril é un país, un documentado relato da Revolución dos Cravos, de como se chegou á situación social e política que alentou esa revolución, do que aconteceu despois e do legado daquel asombroso proceso. O subtítulo do libro fala dos “heroísmos descoñecidos”, e entre todos eles, nun libro que, de maneira confesa, expresa a súa admiración polo lendario Salgueiro Maia, o heroe discreto da revolución, eu fico cun heroe que foi anónimo durante case catro décadas e só de forma tardía obtivo o recoñecemento que merecía: José Alves da Costa, o cabo insubmiso ao que lle mandaron abrir fogo dende o seu tanque contra as forzas revolucionarias e decidiu non acatar a orde. E para iso, para evitar o baño cruel de sangue, decidiu pecharse varias horas dentro do tanque e así impedir que ninguén puidese acometer o acto de barbarie que lle encomendaran. Esas horas de silencio e soidade, de descoñecemento do que pasaba fóra, ben poderían inspirar un belo conto, unha obra de teatro, quizais un filme. 

Martin Pawley. Recomendacións preparadas para o podcast "Nadar de costas" da revista Quiasmo.

xoves, 11 de xullo de 2024

Volver a María Luz Morales


Amarillo Editora vén de publicar Balcón al Atlántico da galega María Luz Morales, a primeira muller en dirixir un xornal no estado español e, antes diso, pioneira na escrita de textos sobre o cinema. Nacida na Coruña en 1889 -probabelmente: sobre a data do seu nacemento hai non pouca confusión-, era aínda cativa cando a súa familia se estableceu en Barcelona, onde María Luz desenvolveu a súa excepcional (e longa) traxectoria profesional. O 5 de xullo de 1921 asina o primeiro artigo en La Vanguardia, “Las hadas vuelven”, entusiasta defensa do teatro feito para o público infantil, e dous anos despois convértese en columnista estábel do xornal na sección “Vida cinematográfica” baixo o pseudónimo Felipe Centeno, collido dunha novela de Galdós. Fronte aos típicos “ecos e noticias” sobre as celebridades de Hollywood, os seus textos desvelan unha xenuína curiosidade pola linguaxe das películas e celebran a condición autoral máis alá dos rostros e corpos que poboan a pantalla. Queda claro en “Los magos del cine”, reivindicación da arte de Stroheim, Abel Gance ou King Vidor, “o máis alto poeta de Norteamérica despois de Walt Whitman”, ou na súa admiración por F. W. Murnau, xenio capaz tanto da depuración d’O último, na que renunciaba aos intertítulos e confiaba a narración toda ás imaxes, como da colosal sofisticación de Amencer, cuxo filme derradeiro, Tabú, provocou grande impacto na crítica coruñesa: “e ao chegar ao patético final, cando a fatalidade se plasma nunhas leves ondas e unha música que vai apagándose, apagándose, e unhas táboas que aboian... sentímonos empequenecidos ante a grandeza do poema”.

En “Nuevo valor del silencio” (1932) critica “aquela torpe, balbuciente etapa” en que, coa chegada do son ás salas, as películas volvéronse falangueiras de máis e se encheron de cancións e ruídos; “os grandes directores actuais”, di, “dan outra vez o seu pleno valor ao silencio”. En pleno apoxeo do cinema de gánsteres cuestionará con retranca o exceso de títulos de temática criminal: “Unha descarga cerrada dános a benvida. Despois un tiro. Outro tiro. Tres tiros. Cen tiros, que xorden de diversos sitios. E decontado o bater mortífero dunha metralladora”. A mesma retranca coa que no artigo “Características”, aló en 1926, parodiaba as formas máis tópicas dos cinemas nacionais comparando unha produción americana, unha francesa, unha italiana, unha alemá, unha rusa e unha española. O seu labor chamou a atención da Paramount, que a fichou como asesora. Esa mesma produtora puxo o ollo logo noutra galega pioneira na crítica cinematográfica, Hortensia Blanch Pita, “Silvia Mistral”.

Após o golpe de estado de 1936 María Luz Morales asumiu durante uns meses a dirección de La Vanguardia a proposta do comité do xornal co obxectivo de manter a empresa en marcha. O triunfo fascista fixo dela vítima da represión; pasou unhas semanas no cárcere, foi procesada e perdeu o seu traballo como xornalista. Fai traducións e adaptacións de obras clásicas para o lectorado máis novo, así como unha historia ilustrada do cinema en tres volumes, mais tamén escribe obras orixinais. É o caso de Balcón al Atlántico, acto de amor á Coruña -Marineda nas súas páxinas, ao estilo da Pardo Bazán- que proba a súa estreita conexión cunha cidade que nunca lle foi allea. A novela, ambientada no tránsito do século XIX ao XX, ten como protagonista a Lupe, unha nena, logo moza, inxenua e soñadora, filla dunha familia que vai a menos con pazo e propiedades no rural, un universo que a rapaza descubrirá extasiada, embriagada “polo aire libre e o campo aberto, o aloumiño do Sol na miña pel e os dedos do vento nos meus cabelos, o contacto da auga límpida, fría, de fontes e regatos nas miñas pernas e pés descalzos”. Nesa casa da aldea coñecerá tamén a bondade de Rosa de Anido, un nome (e unha personaxe) de obvia estirpe rosaliana. Un matrimonio concertado cun rico herdeiro en Cuba motivará un xiro na trama, un relato de ímpeto romántico e prosa torrencial, coidadísima, na que abundan as palabras e expresións galegas. E sempre A Coruña omnipresente, coa chuvia, o vento e as gaivotas, o mar do Orzán, as hortas de Garás, o Recheo ou a rúa Real onde as irmás de Lupe, xa adolescentes, “pasaban horas mortas na sala dun fotógrafo que, por dous reais a entrada, exhibía unhas vistas de carreiras, sustos, viaxes á Lúa e danzas de serpentinas en cores”. E, sobre todo, o xardín de San Carlos cos olmos que gardan a tumba de sir John Moore, espazo simbólico principal desta novela apaixonante.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 11 de xullo de 2024, quinta feira.