No ano 1984 o Instituto Público da Guarda comezaba a súa andaina no predio do Centro de Formación Profesional da Sangriña. Esta institución educativa recentemente alumeada víase moi coartada polas limitacións de espazo e polos poucos recursos existentes. Mais, aínda así, agromaron certas iniciativas educativas valiosas e sorprendentes non só pola escasa infraestrutura e bagaxe do centro, senón polo que se tiña visto ata ese momento nunha comunidade excesivamente anquilosada e temerosa dos cambios. A comunidade de alumnos, agás as novas promocións, procedía de institutos de secundaria da Guarda ou da bisbarra, na súa maioría centros privados que se atopaban ao abeiro da igrexa cos consecuentes plans curriculares conservadores.
A realización da curtametraxe correu por conta do curso de terceiro de BUP da promoción 1984-1985 do Instituto da Sangriña (rapaces e rapazas de 15-16 anos). A iniciativa e coordinación do proxecto foi responsabilidade do profesor coruñés Alberte de Esteban “O Roxo”, que impartía a área de Literatura e Letras Galegas e que chegara á Guarda ese mesmo ano. Daquela era un profesor con pouca experiencia como ensinante mais cunha longa traxectoria como mariño mercante desde 1968. Un home íntegro con fortes valores sociais adquiridos no seo dunha familia de fonda convicción anarquista que padecera fortemente as consecuencias da represión franquista.
Así, antes de comezar a realización da curtametraxe, el mesmo foi o promotor dunha revista feita polo alumnado do instituto. Esa revista tivo unha vida moi breve e accidentada xa que debido aos seus contidos “diverxentes” foi secuestrada polo Alcalde e estivo vilipendiada pola “benpensante” opinión pública da Guarda. O contido desta publicación chegou a ser levado ao Pleno Municipal polo daquela concelleiro de cultura, o “popular” Ligero.
Despois disto, o goberno local presionaría ao director e ao claustro educativo para que lle fora aberto un expediente mais os alumnos reaccionaron de xeito modélico iniciando unha folga para evitar que o profesor fose inxustamente sancionado.
Tras o aciago episodio da revista, Alberte de Esteban non se deu por vencido e comezou a dar forma a un proxecto moito máis ambicioso como era o de facer unha curtametraxe cos seus alumnos e alumnas. A idea procedía da relación de amizade con Manolo González, profesor en Allariz e pioneiro do uso do audiovisual nas escolas que nese ano era o responsable do programa “Vídeo nas aulas” da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Foi así como chegou unha cámara de vídeo á comunidade escolar da Sangriña. Nin Alberte nin os seus alumnos estaban afeitos ao emprego da nova ferramenta mais rapidamente se puxeron ao día para sacarlle o máximo partido.
A curtametraxe comeza cando un rapaz, o protagonista da historia (protagonizado por Seve Pacheco), le o relato no Trega e se retrotrae, nunha ilustración en imaxes moi interesante polo formalismo da proposta, á época pasada na cal sucede. Resulta moi suxestivo este inicio porque nel se fai unha evocación do poder da lectura,
A continuación vemos unha serie de secuencias nas que se reconstrúe a vida no castro. Obviamente, as imaxes son moi naif, porén teñen un importante valor xa que poñen en evidencia o propio artificio cinematográfico, case teatral, como acontece nalgunhas correntes de cinemas “non reconciliados” que practican este tipo de procesos, como por exemplo a obra de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Tras amosar os preparativos á guerra a acción desprázase ao embarcadoiro da Pasaxe. A travesía nun barco (unha gamela) filmouse perto da ponte do Tamuxe, e a secuencia final do enterro acontece na praia do Codesal.
Xurxo González