sábado, 9 de decembro de 2023

Lois Patiño, camiño de perfección

Premio Especial do Xurado na competencia "Encounters" do Festival de Berlín, a terceira longametraxe do galego Lois Patiño, Samsara, estréase nos cinemas o próximo 20 de decembro. E é a través da comuñón colectiva dunha sala escura como mellor se pode gozar a sublime experiencia meditativa e sensorial que nos propón este filme cargado de emoción e de beleza, unha das obras maiores de 2023.

Lois Patiño. Imaxe: Julia Llerena.

Poucos cineastas hai hoxe no mundo cuxa obra,como a de Lois Patiño, amose unha mestura tan precisa de evolución e coherencia, de transformación constante que se afirma nos chanzos precedentes, en todo o aprendido mais tamén nunha vontade permanente de experimentación. Ao pensar con perspectiva a súa traxectoria, que se estende xa por quince anos, chego á conclusión de que, con independencia da súa calidade, ningún dos seus filmes foi prescindíbel, en canto a que todos eles serviron para introducir ensaios e variacións nun itinerario estético que sumou de maneira fértil intuición, estudo e traballo. Non habería hoxe Samsara se non houber antes Lúa Vermella e Costa da Morte, e esas dúas non existirían sen a primitiva exploración do espazo e o tempo nas series Paisaje Distancia e Paisaje Duración, sen pensar a paisaxe primeiro como un laboratorio baleiro que, a partir dun certo momento, comeza a dotarse de presenza humana. A fascinación estética pola relación entre a paisaxe e o corpo, dun corpo que se dilúe na inmensidade e a marabilla da natureza, dá paso a algo máis profundo, a modelaxe conxunta entre esa natureza e o pobo que a habita. En conversa durante a Seminci de Valladolid, o cineasta reflexiona sobre a súa propia aprendizaxe (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 9 de decembro de 2023. As persoas subscritas poden lela en liña neste enderezo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario