sábado, 14 de outubro de 2023

Batalha, a casa de todos os cinemas

A apertura en decembro de 2022 do Batalha Centro de Cinema devolveulle á Baixa do Porto un edificio de intensa historia para usos culturais. Un espazo dedicado ao coñecemento e a arte que nace a partir do cinema e celebra con entusiasmo a complexidade e a diversidade da creación do pasado e do presente. Unha casa para pensar o mundo a través dos filmes en diálogo aberto con toda a cidadanía.

Exterior do Batalha Centro de Cinema. Imaxe: Paulo Cunha Martins.

Moito antes do Batalha existiu o Salão High-Life. No verán de 1906, Manuel da Silva Neves e Edmond Pascaud abriron con esa denominación unha barraca para a exhibición de cinema na Feira de San Miguel, na actual Rotunda da Boavista portuense, próxima á Casa da Música. Foron apenas dous meses, despois dos cales levaron o salón ao Jardim da Cordoaria, a cen metros da Torre dos Clérigos, e alí ficou até febreiro de 1908 en que o trasladaron ao seu emprazamento definitivo na Praça da Batalha cun adxectivo anteposto ao nome, agora Novo Salão High-Life, que nuns anos derivou no que ficaría para sempre, Cinema Batalha. É o tempo en que o cinema deixa de ser unha curiosidade científica para se converter nunha opción popular de lecer, unha alternativa aos espectáculos escénicos tradicionais que vai creando, amodo, unha linguaxe propia. Na medida en que hai enfronte unha audiencia disposta a deixarse seducir polas imaxes nas pantallas, a exhibición vólvese regular e estábel e os pavillóns efémeros, estacionais, transfórmanse en espazos permanentes de encontro cunha arte nova.

En 1944 foi demolido o edificio orixinal, "inestético, mas pitoresco", segundo escribiu o cineclubista e escritor Henrique Alves Costa nunha monografía editada nos 70 pola Cinemateca Nacional, Os antepassados de alguns cinemas do Porto. Do proxecto do moderno edificio, inaugurado na primavera de 1947, encargouse o arquitecto Artur Andrade, quen apostou por integrar nel diversas obras de arte (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 14 de outubro de 2023. As persoas subscritas poden lela en liña neste enderezo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario