venres, 1 de decembro de 2023

Un Hollywood de mulleres

Pearl White arredor de 1916. Fonte: Library of Congress.
Na primavera de 1925 pasou polo noso país unha grandísima estrela: Pearl White, ou Perla Blanca, como era coñecida en España. A prensa galega da época deu boa conta da expectación xerada pola visita “da belísima artista cinematográfica que máis partidarios e partidarias ten entre os afeccionados ao cinema”, tradución literal do que publicou na altura o xornal El Orzán para facer explícita a admiración que espertaba por igual na audiencia masculina e feminina. Uns días despois, sábado 11 e domingo 12 de abril, actuou no Teatro Linares Rivas da Coruña e a acollida foi boa abondo como para recuncar o mércores 15 cunha sesión adicional a beneficio do Patronato da Caridade. No medio tivo tempo de pasar por Ferrol; despois da Coruña foi aplaudida no Teatro Principal de Lugo e no Royalty de Santiago. O programa consistía na proxección dun filme seu (A Virgin Paradise ou Terror, segundo os casos), acompañada do “cadro mimo-coreográfico” El Tango Trágico.

O cronista do xa citado El Orzán escribiu que Pearl “entusiasma as multitudes loitando a brazo partido cos bandidos que cen veces se apoderan dela e outras tantas váiselles das mans, ou tírase dun tren en marcha ou bótase ao mar dende o tope do pau dun barco onde a levan presa”. A súa fama mundial nos seriais de acción comezou en 1914 con The Perils of Pauline, cuxos episodios presentaban unha muller independente que se enredaba en toda sorte de inesperadas aventuras e as resolvía con valentía, enxeño e habilidades físicas. Nunha época na que nos Estados Unidos ás mulleres aínda non lles estaba permitido votar (a 19ª emenda da Constitución foi ratificada en 1920), o cinema puña en valor figuras femininas intrépidas capaces de defenderse soas, de manexar armas, conducir vehículos e facer acrobacias, lonxe do prototipo das mozas desvalidas salvadas no último minuto por un macho namorado. O éxito estendeuse ao longo dunha década con máis seriais -entre eles os do personaxe Elaine Dodge- e algunhas longametraxes. A actriz foi obxecto de atención continua da prensa, que destacaba que era ela quen desempeñaba as escenas de acción e se interesaba pola súa vida privada xusto no momento en que as revistas empezaban a alimentar un “star system” arredor dos filmes e a verdade confundíase coa ficción na fabricación de biografías fantasiosas.

Anuncio en El Orzán, domingo 12 de abril de 1925

Pearl non era a única. Canda ela estaba Helen Holmes, protagonista das máis de cen entregas de The Hazards of Helen, ou Grace Cunard, que traballou ademais detrás das cámaras como guionista e directora. Houbo, pois, un tempo no que o cinema apostou por heroínas de acción aplaudidas por un público entusiasta. A grande industria acabou sendo un territorio infelizmente dominado polos homes, mais nas primeiras dúas ou tres décadas do cinema americano non foron poucas as mulleres con verdadeiro poder. Non foron poucas, para empezar, as mulleres directoras, dende a pioneira francesa Alice Guy, que triunfou tamén nos Estados Unidos e fundou o maior estudio antes do nacemento de Hollywood, The Solax Company, ou a innovadora Lois Weber, cuxos filmes dos anos 10 aínda sorprenden hoxe pola súa inventiva visual e audacia á hora de tratar temáticas espiñentas, ás menos coñecidas Cleo Madison (Eleanor’s Catch, 1916), Ruth Ann Baldwin (’49-’17, 1917), Ida May Park (Broadway Love, 1918) ou Elsie Jane Wilson (The Dream Lady, 1918). Iso sen esquecer a importancia doutras mulleres noutras áreas, como Jeanie Macpherson, escritora dalgúns dos maiores filmes mudos de Cecil B. DeMille, por exemplo The Ten Commandments e King of Kings, ou Frances Marion, que para alén de dirixir tres películas foi a pluma detrás de moitos clásicos no período silente (varios filmes de Mary Pickford e obras mestras como Stella Dallas de Henry King ou The Wind de Victor Sjöström) e transitou sen problema ao sonoro para converterse na primeira persoa gañadora de dous Oscars como guionista polo seu labor en The Big House (George Hill, 1930) e The Champ (King Vidor, 1931).

A listaxe, necesariamente incompleta, non pode esquecer a influente June Mathis, descubridora de Rodolfo Valentino e escritora cuxa capacidade de supervisión da rodaxe e montaxe dos seus filmes fai pensar nela tamén como unha produtora de facto; nin a Dorothy Davenport, que como produtora, directora ou guionista fixo do cinema unha ferramenta de debate social con títulos como The Red Kimono (Walter Lang, 1925). A todas as Historias, e a do cinema non é unha excepción, convén darlles sempre unha voltiña.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 10 de outubro de 2023, terza feira. Pode lerse en versión española no sitio web de Roger Koza, Con los ojos abiertos. Artigos relacionados: "O CGAI reivindica a obras das pioneiras do cinema", Nós Diario, 10 de marzo de 2020; "Todo comezou pola fin. Dorothy Davenport a.k.a. Mrs Wallace Reid", 13 de maio de 2021.

Ningún comentario:

Publicar un comentario