Martin Pawley
Amosando publicacións coa etiqueta Yuval Abraham b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Yuval Abraham b>. Amosar todas as publicacións
domingo, 11 de outubro de 2026
Naza (Yuval Abraham e Rachel Szor, 2026)
Agardaba ver un documental moi interesante polo que conta e atopei un documental aínda moito (moitísimo) máis interesante por como o conta. Os directores Yuval Abraham e Rachel Szor adoptan unha decisión de posta en escena sensacional: a de entrevistar e filmar axentes que traballan para o exército de destrución masiva israelí de noite (este é tamén un filme sobre a escuridade), na azotea dun edificio co "skyline" de Tel Aviv como fondo de pantalla, combinado con planos que exploran a cidade e a vida cotidiana que se intúe atrás das xanelas deses edificios case ao estilo Rear Window, coas televisións prendidas que relatan a versión gobernamental dun xenocidio. As conversas son apaixonantes e o propio Yuval condúceas con extrema sobriedade, diametralmente oposto a calquera tentación sensacionalista. Nos diálogos emerxe o uso das tecnoloxías de espionaxe das comunicacións para facer un seguemento exhaustivo e en tempo real de onde está cada persoa e así dirixir ataques supostamente selectivos nos que son asasinados até centos de persoas consideradas danos colaterais, para as que empregan o eufemismo "naza" que dá título ao filme. A través destas tecnoloxías, a escoita dunha crianza palestina que lle pregunta ao seu pai cando volve á casa é o preludio dun inminente crime de estado: aquí e acolá estamos dándolle aos produtores de mal información precisa e detallada segundo a segundo de todo canto facemos. Nas hipertecnificadas guerras modernas os militares actúan sobre o mundo real como se superasen niveis dun videoxogo; os mortos fican en fóra de campo, mais Naza non esquece presentárnolos ao final da metraxe por medio de imaxes tiradas con teléfonos móbiles en formato vertical: o mesmo aparello que contribúe involuntariamente aos masacres serve para documentar eses masacres, para que vexamos e escoitemos, para non esquecermos. Completa este filme revelador e conciso -77 minutos!- un intelixente uso do material de arquivo, con especial destaque para unha escena tirada dunha entrevista en televisión con Benjamin Netanyahu nos anos 80 na que achega unha definición de terrorismo que funciona como acertadísima autodescrición.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
