Por décimo oitava vez, Viana do Castelo celebrou os seus
Encontros cinematográficos, que fixeron o seu percorrido entre o 2 e o 7 de
maio, congregando a un considerable número de persoas nesta capital do norte
portugués.
Dúas grandes frontes articulan esta cita anual: a
Conferência Internacional de Cinema e Olhares Frontais. Incorporada con posterioridade ao
nacemento dos Encontros de Cinema, a Conferência Internacional de Cinema vén
reunindo cada ano por estas datas a un cada vez maior número de estudosos e
especialistas en materia
cinematográfica. A esta edición -a
sétima- concorreron trinta e catro comunicacións, das cales dezasete foron
presentadas no apartado Cinema e Escola e outras tantas dentro de Cinema: Arte, Ciência e
Cultura. Tanto na unha como na
outra destas vertentes, a maioría de participantes, na súa práctica totalidade
mulleres, proveu de Brasil, país onde o sistema educativo dedica desde o ensino
primario até a universidade especial atención ao estudo do cinema e a imaxe audiovisual.
Participación galega
Galicia tivo así mesmo presenza con catro participacións, tres dentro do segundo
e unha no primeiro dos dous apartados: “¿Qué debo mirar?”: vagabundeos terminales
por la ciudad y el cine modernos, a cargo de José Manuel López Fernández,
profesor de Guión na Facultade de Comunicación de Pontevedra, A Estética do Cru: da Revolução Digital Doméstica ao
Cinema Comercial, de Miguel López Calzada, A representación da crise: fisuras, complicidades e rostros
do cinema europeo, de Sabela Rei Cao, e Da Literatura ao Cinema: Crónica dunha
experiencia didáctica, do autor desta información, respectivamente.
Previamente a este espazo de reflexión e intercambio, que
tivo como sede a Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viana
do Castelo, levouse a cabo a entrega do Prémio Ação04! dentro do Festival de
Vídeo Escolar, nas modalidades de ficción e animación, unha convocatoria que
ten como principal obxectivo “promover a práctica e a cultura audiovisual no ámbito escolar e está aberta a todos os grupos de alumnos ou Clubs de Cinema das escolas
portuguesas do ensino Básico e Secundario.”
Vinte e catro primeiras obras
Pola súa banda, Olhares Frontais, “espazo de encontro e coñecemento entre
investigadores, especialistas, profesionais, alumnos e profesores do medio cinematográfico particularmente
centrado no cinema documental”, constitúe
sempre o apartado de maior proxección pública dos Encontros. O teatro municipal
Sá de Miranda, esplendidamente dotado para a actividade audiovisual, concentra
en cada sesión un público numeroso entre o que se encontra a maioría dos
autores das pezas, ao obxecto de presentalas e responder as cuestións que se
susciten ao final das proxeccións. Vinte e catro filmes de
curta metraxe realizados por alumnas e alumnos de escolas de cinema de Portugal e
Brasil, optaron ao Prémio PrimeirOlhar, que os xurados, tanto o internacional
como o de cineclubes, coincidiron en conceder, polos motivos que argumentan nas
súas respectivas actas (1, 2), a Vidas Cinzas, de Leonardo Martinelli (Brasil).
Desbordante, provocador, irreverente
Outras
películas, fóra de competición, fixeron parte desta fronte do certame: Vira Chudnenko, de Inés Oliveira, Gipsofila, de Margarida Leitão, Mães portuguesas que ficaram sem filhos
na guerra, de Lucília Monteiro,
Desencaminharte, de Rui Esperança, e Jet Lag, do pontevedrés Eloy
Domínguez Serén, título e autor convidado para a sesión de clausura, obras de moi
diversas metraxes, ofreceron temáticas e resultados cualitativos moi
diferentes. Con maior unanimidade
foi recibido O Homem-Pykante - Diálogos kom Pimenta, de Edgar Péra; desde a
subxectividade deste cronista, o
título de maior interese dentro desta sección non competitiva. Un agudo e estimulante retrato do singular
vate portugués Alberto Pimenta, no que este, entre poemas e consideracións
diversas, mostra o seu desbordante enxeño, o seu provocador e irreverente
sentido do humor -da ironía ao
sarcasmo-, a súa condición de espléndido rapsoda, a súa madeira de actor e o seu dominio da posta en escena;
imaxes e sons especificamente elaborados para o filme e que organizados nun
paciente e meditado traballo de montaxe con fragmentos diversos procedentes
doutras situacións protagonizadas polo escritor, dan lugar a un suxestivo
discurso ao que colabora un non menos excelente labor de posprodución, tanto no
ámbito do visual como do sonoro. Un filme orixinal e intelixente co que os
amantes da literatura e a palabra, do efecto revelador do paradoxo e provistos
da vocación de encontrar o(s) sentido(s) da vida gozarán grandemente.
Teoría e reflexión
Entre outras actividades relacionadas co ámbito da teoría e
a reflexión, que completaron a proposta deste ano de Olhares Frontais, levaron
a cabo as denominadas “masterclass” (expresión saxona que se coou con éxito en
áreas lingüísticas alleas) Estruturas narrativas, guionista como cineasta, da
profesora brasileira Glaucia Davino, e O cinema iraniano e Abbas Kiarostami (Do
plano geral a um close-up), impartida polo profesor da Escola Superior de
Tecnologia de Abrantes e dirixente do cineclube da mesma localidade, Carlos
Coelho, cun nivel moi superior ao da primeira.
Desta maneira, con algunha que outra cousa a maiores, no decurso
de sete xornadas, un ano máis se cumpriu o obxectivo de “relacionar ideas e
promover a liberdade efectiva da criação cinematográfica que, desde hai
dezaoito, vén propondo AO NORTE, Associação de Produção e Animação Audiovisual,
quen, coa participación económica da Cámara Municipal de Viana, se encarga de
programar e pór na palestra e a pantalla estes Encontros dedicados, no máis
amplo sentido da palabra, ao mundo da imaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario