Amosando publicacións coa etiqueta Caderno Máis. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Caderno Máis. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de agosto de 2026

As próximas eclipses

Por máis que o de hoxe sexa un acontecemento único que non volveremos experimentar no noso país, o ceo ofrécenos sempre razóns para erguermos a cabeza. Nos próximos anos teremos oportunidade de sacarlle proveito ás caixas estenopeicas e lentes de eclipse grazas a diversas ocultacións parciais do Sol. 

Eclipse lunar. Fotografía: Fins Eirexas (O'Fins)

O 12 de agosto de 2026 ficará na historia como unha desas datas que cargan unha memoria compartida por millóns de persoas. Unha desas datas que alentarán unha pregunta que repetiremos mil veces: onde estabas ti o día da eclipse? Parcial ou total, na costa ou no interior, con ceos despexados ou con algunhas (ou moitas) nubes, berrando, chorando ou en silencio; serán moi variadas as circunstancias e moi diversos os comportamentos, mais pouca xente ficará sen un recordo emocionado desta tarde ás 20.28 horas. E para moitas persoas a primeira pregunta que se pasará pola cabeza pasada esa hora será: Cando vemos a próxima?

A realidade é que Galiza non vivirá outra eclipse total até a mañá do 4 de outubro de 2480. A faixa de totalidade abranguerá daquela case todo o noso país, de Ferrol até Vigo, e na zona central da mesma a ocultación do Sol pola Lúa durará case tres minutos; caerán fóra da totalidade algúns concellos do Baixo Miño e os da costa norte da Coruña e de Lugo. Teremos outra tres séculos antes, o 17 de novembro de 2180, que en sentido estrito non toca terra galega (entra por Asturias), mais a rexión de totalidade comeza mar adentro a aproximadamente dez millas náuticas de Burela ou Ribadeo, que tecnicamente é o noso mar. Hai unha eclipse anular o 27 de febreiro de 2082, que con moita probabilidade chegarán a ver as persoas máis novas que me lean, e despois desa virán as anulares do 16 de agosto de 2175, o 3 de outubro de 2377 e o 3 de novembro de 2404, mais todas elas fican ben lonxe das miñas expectativas. No sucesivo deberemos conformarnos, aquí no noso país, coas eclipses parciais (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 12 de agosto de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

xoves, 6 de agosto de 2026

Unha eclipse para ver e escoitar

Tendemos a pensar na astronomía como unha área de coñecemento unicamente asociada á visión, mais o certo é que podemos coñecer e gozar a paisaxe do ceo con outros sentidos para alén do sistema visual. A eclipse do 12 de agosto é unha excelente oportunidade para practicar a astronomía inclusiva.

Dispositivo LightSound. Imaxe: Martin Pawley.

O astrofísico canario Jorge Rivero González leva case quince anos dedicado á comunicación científica en diferentes institucións, entre elas o Observatorio de Leiden, dende onde coordinou as actividades coas que a Unión Astronómica Internacional celebrou a nivel global en 2019 o seu centenario. Na actualidade é o responsábel da Oficina de Comunicación e Divulgación do Institut de Ciències de l'Espai (ICE-CSIC), con sede en Barcelona. Jorge foi (e segue a ser) un dos impulsores do proxecto "Amanar", que promove a divulgación da astronomía nos campos de refuxiados saharauís en Tinduf ao tempo que investiga a cultura astronómica deste pobo cunha perspectiva de colaboración entre iguais, afastada de calquera tentación colonialista. Amanar foi a iniciativa pola cal hai uns anos a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, da que fago parte, entrou en contacto con el. Esta semana convidámolo dende o grupo de traballo "Diversidade" da agrupación a pasar un par de días na Coruña e así aproveitarmos as súas cualidades como divulgador e, sobre todo, o seu empeño en achegar a astronomía a audiencias que non adoitan ser as máis habituais nas actividades públicas. Para aprendermos del, en suma. Traía debaixo do brazo un trebello orixinalmente desenvolvido en 2017 na Universidade de Harvard, o "LightSound", deseñado para "sonificar" unha eclipse, isto é, para converter as variacións de luz que se producen nunha eclipse en variacións de sons e permitir que fagan seguimento do fenómeno as persoas cegas ou con baixa visión, un colectivo que no Estado español abrangue a un millón de persoas (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 6 de agosto de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

xoves, 30 de xullo de 2026

A singular eclipse de 1912

A anterior eclipse total que se viu na Galiza aconteceu o 17 de abril de 1912, dous días despois do afundimento do Titanic, mais o número de persoas que a experimentou foi ben limitado: a faixa de totalidade era extremadamente estreita e a ocultación completa durou unha fracción de segundo.

Mapa da eclipse de 1912. Fonte: páxina de eclipses de Fred Espenak, https://www.eclipsewise.com/

Xa se dixo nestas páxinas que as eclipses son o resultado dunha casualidade cósmica: o Sol é 400 veces maior ca a Lúa mais tamén está 400 veces máis lonxe, así que vistos desde a Terra os dous astros presentan o mesmo tamaño aparente, e por iso o noso satélite é capaz de tapar a estrela por completo (eclipse total). Cando a Lúa non tapa o Sol enteiro e vemos o disco “mordido” por unha sombra escura dicimos que a eclipse é parcial. Nunha eclipse anular a Lúa e o Sol sitúan os seus centros superpostos, mais por estar a primeira un pouco máis afastada do noso planeta ca outras veces o seu tamaño aparente é lixeiramente menor e non agocha o Sol totalmente: fica ao seu redor un estreito anel de luz.

Hai un cuarto caso máis infrecuente, as eclipses híbridas, que son aquelas que se poden ver como totais ou como anulares en función do lugar de observación. Debido á curvatura da Terra, o vértice da parte máis escura da sombra da Lúa (a umbra) pode tocar nun punto a superficie do planeta e producir alí unha eclipse total, mais noutros lugares a pouca distancia o “pico” da sombra non chega a rozar a superficie, que cae nunha rexión chamada “antumbra”, a prolongación do cono de sombra lunar. Neses sitios o disco da Lúa é lixeiramente máis pequeno ca o do Sol e pode verse un aro de luz na súa contorna. Tipicamente estas eclipses híbridas vense como anulares na maior parte dos lugares que se encontran na traxectoria da sombra lunar e só acadan a totalidade nalgunhas partes centrais dese camiño. Unha desas foi a de 1912 (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 30 de xullo de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

xoves, 23 de xullo de 2026

O lugar perfecto para ver a eclipse

A pregunta que máis escoitarán nas próximas semanas as persoas amadoras da astronomía é "cal é o mellor sitio para observar a eclipse". Unha resposta axeitada é "aquel onde te encontres a gusto" para, a partir dela, afondar en detalles e precisións sobre o que podemos agardar no noso país o 12 de agosto.
Faixa de totalidade de eclipse do 12 de agosto. Imaxe: Nós Diario

Nos medios convencionais e nas redes sociais proliferan as (absurdas) listaxes que enumeran os emprazamentos ideais para vivir a eclipse, e de aquí a que tal aconteza irá a máis. A teima de facer relacións de cousas postas por orde de preferencia ou idoneidade deixou de ser un divertimento inocente para converterse nun vicio contemporáneo con certo resaibo capitalista, un que induce a crer que conformarse coa opción sete en vez de optar pola unha é sinal claro de derrota, de que non estás no bando triunfal: a xente VIP estará onde ten que estar, na localización que manda unha desas ferramentas en mans de billonarios con nulo interese no benestar global. A realidade é que non hai un único "banco máis bonito do mundo", nin unha única "praia ideal para ver o solpor", e por suposto tampouco hai un "lugar perfecto para ver a eclipse". Hai infinidade de bancos e de praias, tantos como persoas capaces de fabricar recordos, e tamén hai unha morea de lugares nos que estar o 12 de agosto minutos antes das 20:30. Depende, para empezar, do que un queira ver (se é que quere ver algo).

A eclipse deste verán deixa Galiza dividida en dúas partes por unha liña diagonal que recorda un pouco a da nosa bandeira. A porción nordeste experimentará unha eclipse total, isto é, haberá un momento en que o Sol estea completamente cuberto pola Lúa; na outra porción, a suroeste, o que se vivirá é unha eclipse parcial na cal o Sol estará agochado pola sombra da Lúa en máis dun 99% no momento do máximo. Mais un 99% non é o 100% (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 23 de xullo de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

xoves, 16 de xullo de 2026

As eclipses contadas polos animais

Prestarmos atención ao disco solar non é incompatíbel con reparar no que acontece na natureza á nosa volta durante unha eclipse. A resposta dos insectos, as arañas ou os paxaros enche páxinas e páxinas de artigos científicos que nos recordan que a rutina dos seres vivos está marcada polas variacións de luz.

Abella recollendo pole. Foto: Jon Sullivan [Dominio público / Wikipedia]

No libro Da composición do mundo e as súas causas, escrito no século XIII no dialecto da súa rexión polo monxe toscano Restoro d’Arezzo, hai unha descrición coidadosa dunha eclipse total de Sol, a do 3 de xuño de 1239. Aquel día o ceo estaba “claro e sen nubes”, escribiu, e “o corpo do Sol cubriuse pouco e pouco até ficar escurecido e facerse noite”. O monxe viu o planeta Mercurio xunto do Sol e “todas as estrelas” e percibiu como “o ar e a terra arrefriaban”. Comparou a duración da fase de totalidade co tempo en que un home podería camiñar 250 pasos, entre dous ou tres minutos, máis ou menos. O máis singular do seu relatorio é a referencia ao comportamento da fauna: “asustáronse todos os animais e os paxaros e as bestas salvaxes podían ser capturadas con facilidade”. Máis perto de nós, un mestre de primeira ensinanza do Barco de Valdeorras deixou testemuña de que durante a eclipse do 17 de abril de 1912 “as galiñas buscaban o seu refuxio e unha que vin e tiña os seus pitiños acubillounos debaixo das ás”. Unha e outra anotación dan boa conta de que os humanos non somos a única especie que reacciona a unha eclipse.

Ao longo da historia repítense as observacións sobre as reaccións animais á ocultación do Sol pola Lúa, que por outra parte parecerían unha resposta natural á caída da luz e da temperatura asociadas ao fenómeno (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 16 de xullo de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

xoves, 9 de xullo de 2026

A única eclipse galega que compartiremos

As ocultacións totais de Sol son fenómenos suficientemente excepcionais como para xerar unha enorme expectación: en Galiza as anteriores sucederon a comezos do século XX e a seguinte non chegará até finais do XXII. Contra o desasosego e o “medo a perder algo” cómpre recordar que a maioría dos habitantes da Terra nunca verá unha.

Esquema das eclipses. Imaxe: adaptado de Nela (nyabla.net), CC BY SA 4.0 / Wikipedia.

Para nós o Sol é grande, moi grande. Para escribir a súa masa en quilogramos precisamos trinta ceros: é 334 mil veces maior ca a da Terra. No seu barrio, o que chamamos “sistema solar”, o Sol supón o 99,86% de toda a materia ordinaria existente, isto é, se sumamos os oito planetas, dende Mercurio até Neptuno, cos seus satélites se os teñen, os planetas ananos e todos os asteroides e cometas que orbitan ao seu redor, representarían, en conxunto, só o 0,14% restante de masa. É un mangallón, o obxecto claramente dominante da zona, e porén non deixa de ser unha estrela mediana, como tantas outras do seu tipo na nosa galaxia, a Vía Láctea (e “tantas outras” neste caso quere dicir “miles de millóns”). Que é a nosa galaxia e por iso lle temos especial cariño, mais é tamén unha máis entre centos de miles de millóns de galaxias no Universo.

Volvamos á nosa escala doméstica. O Sol é grande, moi grande, un millón catrocentos mil quilómetros de diámetro, algo así como 109 planetas Terra situados un a carón de outro. Mais está a case 150 millóns de quilómetros de nós e iso fai que no ceo sexa apenas unha boliña luminosa que podemos tapar sen problema coa punta do dedo maimiño. A Lúa, o noso satélite, é bastante máis pequena, 400 veces máis pequena para sermos exactos, mais está tamén 400 veces máis perto de nós e por iso no ceo parece que ten un tamaño igual ao do Sol (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 9 de xullo de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

xoves, 2 de xullo de 2026

Ver a eclipse sen mirar o Sol

Haberá que repetilo moito este verán: é extremadamente perigoso observar o Sol sen protección. O único filtro válido para a observación directa son as lentes de eclipse, que reducen até trinta mil veces a luz que chega aos nosos ollos. A proxección do disco solar é unha alternativa eficaz, barata e sen risco para a saúde visual.

Caixa estenopeica producida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Imaxe: Marta Cortacans.

Deixouno claro nun comunicado a comezos de ano o Colexio de Ópticos e Optometristas de Galiza: observar a nosa estrela a simple vista ou con lentes de sol "sempre entraña riscos, pois a gran cantidade de radiación que emite a diversas lonxitudes de onde, principalmente infravermello, visíbel e ultravioleta, pode danar a retina de maneira grave ou mesmo producir cegueira se a contemplación é prolongada", en palabras da presidenta do colectivo, Esther Amaro. Un exemplo típico é a retinopatía solar, unha lesión fotoquímica na retina que na literatura médica aparece a miúdo asociada á observación imprudente de eclipses. Uns poucos segundos poden ser suficientes para producir danos irreversíbeis. As emisións ultravioleta do Sol son a causa da fotoqueratite, unha sorte de queimadura semellante á que se produce se ollamos uns arcos de soldadura sen pantalla de protección. Eses danos, ademais, poden pasar ao principio inadvertidos e cando se manifestan os seus síntomas (dor e visión borrosa, entre outros moitos) talvez xa sexa demasiado tarde.

Protexerse ben non consiste só en reducir un pouco o brillo molesto da luz: precisamos peneirar a maior cantidade de radiación posíbel que sexa compatíbel cunha visión nítida do disco solar. Por iso son absolutamente inútiles os trucos caseiros que aínda hai quen practica de xeito temerario: as radiografías, os vidros escuros ou as películas fotográficas non impiden o paso da radiación que deriva en lesións oculares (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 2 de xullo de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.