Na mañá do vindeiro sábado 29 de marzo acontecerá unha eclipse parcial de Sol, con case un terzo do disco da nosa estrela oculto pola Lúa. Un apetecíbel aperitivo para o grande acontecemento do verán de 2026, a eclipse
total do 12 de agosto que será a primeira no noso país desde 1912 e non se repetirá até 2180: a do ano que vén será a única que experimentaremos na Galiza nas nosas vidas. Un fenómeno astronómico que podemos observar
indirectamente de modo seguro mediante procedementos ao alcance de calquera persoa.
Eclipse parcial de Sol sobre Santiago de Compostela en 2017. Foto: Fins Eirexas.
No libro Nacidos de las estrellas, publicado no Estado español pola editorial Pasado & Presente, o cosmólogo italiano Roberto Trotta confesa que comprendeu moi cedo que non estaba feito para a astronomía observacional. Durante unha campaña de traballo en Suíza estragada polas inclemencias meteorolóxicas, decidiu aproveitar un pequeno intervalo sen tormentas de neve para entreterse mirando as manchas solares. Colocou un telescopio coa
intención de proxectar a imaxe do Sol sobre unha cartolina e ver as manchas con seguridade, pois tiña ben gravada na cabeza a advertencia severa dun profesor, “nunca miredes o Sol directamente polo ocular, é un erro que só faredes dúas veces, unha por cada ollo”. Por moito que fedellaba non era quen de ver nada e “avergonzado e frustrado, fixen o que me dixeron que tiña que evitar a toda costa: abaixeime e mirei directamente polo ocular para ver que era o que non acababa de encaixar”. Tardou unha fracción de segundo en decatarse de que cometera un erro fatal e ergueuse aterrado. Aquel día tivo sorte: ficou a salvo grazas á súa torpeza, pois
deixara posta a tapa na lente todo o tempo. Por iso non era quen de proxectar nada.
A simpática anécdota, con final feliz, serve para recordarnos o perigo extremo que supón mirar o Sol. A oftalmoloxía chama “retinopatía solar” ás lesións fotoquímicas que se producen no tecido macular da parte central da retina e están tipicamente asociadas á observación solar ou de eclipses. Basta unha exposición
moi breve, mesmo duns poucos segundos, para provocar perdas na visión central entre leves e moderadas que non teñen tratamento (...)
A fotografía supuxo na segunda metade do século XIX un cambio radical na
observación do universo. Grazas á maior capacidade de captación de luz
que ten o filme fotográfico, a ciencia puido adquirir moitísima
información nova que non estaba ao alcance do ollo humano. Ao paciente
estudo das placas fotográficas se dedicou, por exemplo, un grupo mítico
de mulleres no observatorio de Harvard, as sacrificadas e non
suficientemente recompensadas “calculadoras”, mulleres coma Williamina
Fleming, Annie Jump Cannon, Antonia Maury ou Henrietta Leavitt que
axudaron a erguer a cosmoloxía do século XX.
Jules Janssen
Unha das persoas que
comprendeu o valor da fotografía na investigación astronómica foi o
francés Pierre Jules Cesar Janssen, nacido en París o 22 de febreiro de
1824. Jules Janssen estudou física e matemáticas na Facultade de
Ciencias e dedicouse á docencia, mais se pasou á historia foi pola súa
participación en notábeis misións científicas que o levaron a Perú,
Italia, Suíza ou Portugal, ou polas viaxes que emprendeu para observar
eclipses solares na India, Alxeria, Tailandia ou España (o de 1905, xa
con 81 anos). A partir das observacións do espectro do Sol que fixo
primeiro na India e logo en repetidas observacións, tamén doutros
científicos (Joseph Norman Lockyer, Edward Frankland), detectouse a
presenza dun compoñente na estrela que daquela non se coñecía na Terra,
un elemento químico que foi bautizado como “helio”. Hoxe sabemos que é o
segundo elemento máis común do universo, aínda que no noso planeta
sexa escaso.
Outra das
misións emprendidas por Jules Janssen levouno ao Xapón en 1874 para
observar un tránsito de Venus, o paso do planeta por diante do disco
solar, un fenómeno non moi frecuente. Século e medio antes o astrónomo
Edmond Halley formulara un método para determinar a distancia entre a
Terra e o Sol, a chamada “unidade astronómica”, vinculado a estes
fenómenos. O método baseábase na determinación exacta do paso de Venus
diante do Sol dende dous puntos da Terra diferentes e de maneira
simultánea. Cada observador ve o “camiño” do planeta polo Sol a
diferente altura no disco e a partir diso -e do coñecemento, insisto,
moi moi preciso das posicións de observación e dos tempos de paso de
Venus polo disco- podería estimarse mediante cálculos trigonométricos a
distancia Terra-Sol (PDF coa descrición do procedemento en español, 293KB).
O revolver fotográfico na revista de ciencias "La Nature", ano 1875
A medición deses pasos de Venus con gran
exactitude non é un problema trivial de resolver tecnicamente. A Janssen
ocorréuselle que a fotografía podía axudar. Inventou un dispositivo que
permitía a toma de fotografías en secuencia a intervalos regulares,
unha detrás da outra, co obxectivo de conseguir unha serie detallada de
imaxes do planeta contra o Sol que servira para efectuar medidas
fiábeis. Se conseguimos “moitas imaxes”, poderemos encontrar nelas os
momentos de contacto que nos interesan, cando Venus “toca” o Sol por
fóra, por dentro, cando entra, cando sae... O aparello en cuestión foi o
“revolver fotográfico” e antes de empregalo no tránsito de Venus
probouno cun “tránsito simulado”, do que resultou a placa da imaxe da dereita. Neste vídeo poden verse esas imaxes animadas:
Janssen encabezou unha expedición ao Xapón para fotografar o tránsito do 9 de
decembro de 1874. Tomou 47 imaxes co seu “revólver” mais a imprecisión
da técnica non permitiu obter uns resultados tan bos coma os soñados (e
en xeral non mellores aos obtidos con outras técnicas, coma a
observación visual do Sol ou a proxección nunha pantalla). Janssen
seguiu depurando o seu aparello e en 1875 presentouno diante da Société
Francaise de Photographie. O “revólver” foi unha inspiración decisiva
para o desenvolvemento da “cronofotografía” no que brillou o traballo
de Étienne-Jules Marey (1830-1904), autor do “fusil fotográfico”, e
o de Eadweard Muybridge (1830-1904). Entre as
fotografías en serie e a invención das imaxes animadas había só un
pequeno paso por dar. O cinema, a fin de contas, non deixa de ser unha
colección de fotografías en secuencia que o cerebro procesa coma
movemento continuo unha vez que se supera un determinado ritmo de imaxes por
segundo.
Jules Janssen foi nomeado director do observatorio
astronómico de Meudon, na periferia de París, en 1875. Alí morreu vinte e
dous anos despois, o 23 de decembro de 1907, nunha altura na que o
cinema demostrara ser algo máis que un xoguete científico e abrira un
novo mundo á creación e o coñecemento humano.
...e de como o cinema axudou ao progreso da astronomía
Se ao longo do século XIX a fotografía demostrou ser unha ferramenta
eficacísima para o estudo do ceo, era natural que moitos astrónomos
reparasen nas posibilidades que ofrecía un invento tan revolucionario
coma o cinematógrafo. O cinema permitía rexistrar un bo número de imaxes
por segundo e iso, malia as limitacións técnicas deses primeiros
tempos, resultaba moi valioso para captar fenómenos de curta duración,
como a totalidade dunha eclipse solar. Todo consistía en filmar
axeitadamente o fenómeno e logo analizar a secuencia de fotogramas
obtidos e desa forma obter non só imaxes razoabelmente boas senón tamén
unha referencia de tempos, do momento en que sucede cada unha. Sabemos
que a eclipse total de agosto de 1905, que durou case catro minutos e
puido verse en Galicia, intentouna filmar o astrónomo catalán Josép Comas i Solà en Vinaròs. Non saíu ben; a metraxe de
filme disposta non foi suficiente e a película acabouse antes do inicio
da totalidade. Para a próxima habería que pensalo con máis coidado.
Comas i Solà
A
seguinte oportunidade chegou en abril de 1912. Era a terceira eclipse
solar que se podía ver na península en pouco máis de dez anos, logo da
de maio de 1900 e a citada de 1905, mais presentaba unha severa
complicación: trataríase dunha eclipse das chamadas “híbridas”, que se
vería como anular nunha zona máis ampla mais como total só de forma
brevísima nunha franxa de territorio extremadamente estreita. Non ía ser
fácil, mais desta Comas Solà non podía fallar.
Durante os meses
previos fixo cálculos minuciosos para determinar coa maior precisión
posíbel a zona de totalidade e foi publicando artigos na revista da
Sociedade Astronómica de España. A liña de totalidade na península
tocaría terra no Porto, en Portugal e subiría en dirección nordeste cara
a Xixón atravesando Galicia. Estimou que a duración da totalidade sería de menos de medio segundo e que a zona na que a eclipse se vería como total tiña un ancho inferior aos 200 metros. Propón O Barco de Valdeorras como lugar de observación. No número de marzo de 1912 da revista da SADE
recomenda Verín como punto base, aínda que alí non se verá a eclipse
total:
“Verín está fuera de la totalidad, pero muy cerca de ella, y
parece que cuenta con fondas aceptables, por lo cual pudiera aconsejarse
esta población para hospedaje, montando los aparatos dentro de la zona
de totalidad, a poca distancia de Verín, distancia que se puede recorrer
fácil y rápidamente en carruaje”.
Solicita financiamento á Reial
Acadèmia de Ciències i Arts de Barcelona; pide 3000 pesetas mais a
RACAB só pode outorgarlle para a misión a metade, 1500 pesetas: a
explicación é a debilidade financeira en que se atopa a Academia debido
ao retraso nuns pagamentos prometidos por parte do Concello e a
Deputación de Barcelona. Malia o recorte, Comas Solà accede igualmente a emprender a
misión. O día decisivo é o 17 de abril de 1912. Viaxa a Galicia coa súa
esposa e Juan Solá, operador da casa Pathé (ao parecer, a Pathé concedeulle toda
clase de facilidades para a acción). Levaron unha cámara
cinematográfica provista de dous prismas para descompoñer a luz e obter o
espectro da cromosfera, a capa solar que queda accesíbel cando o disco o
tapa a Lúa (o chamado “espectro relámpago”).
Na véspera, o 16, o
tempo foi espléndido, mais o 17 amenceu case completamente cuberto,
con nubes que viñan do Atlántico. Houbo sorte: as nubes foron
disipándose e durante os momentos da totalidade “el Sol se ostentó en
una región purísima del cielo, pudiéndose llevar a efecto todo el plan
de trabajo proyectado”. Malia a brevidade da fase central da eclipse,
Comas Solà escribiu que o escurecemento foi moi acentuado, que chegou a
verse con claridade o planeta Venus e que a temperatura baixou
considerabelmente.
E a filmación? Cunha cámara que permitía
imaxes con 0,2 segundos de exposición, Comas Solà obtivo unha secuencia
duns cen fotogramas. Cen imaxes, en vez de “unhas poucas” como permitía a
fotografía convencional. Infelizmente, a gravación que fixo Comas Solà
está perdida. Se aparecese, pasaría a ser automaticamente a filmación
máis antiga feita en Galicia, récord que na actualidade corresponde á Botadura del acorazado Alfonso XIII de 1913.
Un mestre de
primeira ensinanza do Barco de Valdeorras observou o fenómeno non moi
lonxe e fixo esta descrición nunha carta ao Instituto y Observatorio de
Marina de San Fernando:
“Cuando se verificó el máximo ocultamiento, el
espectáculo era á la par que imponente magnífico. El paisaje se presentó
triste y macilento y el frío era bastante intenso. Las gallinas
buscaban su albergue y una que ví y tenía sus polluelos los cobijó
debajo de sus alas. También se vió un gran rato una estrella que,
supongo, sería Venus, y varias nubecillas se presentaron en la
atmósfera; pero no privaron de observar el grandioso fenómeno sideral.
En el máximo se dejó ver algo la corona”.
Non foi Comas Solà o
único en filmar a eclipse de 1912. En Europa filmouse tamén en
Francia, en Bélxica, na Alemaña e en Portugal. Da experiencia
portuguesa tirouse, ademais, novo e importante coñecemento científico. En Ovar
(Aveiro, Portugal) o profesor de astronomía da Universidade de Coímbra
Francisco Costa Lobo fixo seguimento fílmico da eclipse e dos
fotogramas tomados sacou unha estimación do achatamento da
Lúa, en función da diferente visión das “perlas de Baily”, os puntos
brillantes que rodean o disco negro da Lúa nas eclipses de Sol. Por primeira vez, o cinema converteuse na ferramenta precisa para producir un resultado científico no ámbito da astronomía. Pode lerse aquí un excelente artigo sobre o tema escrito por Vitor Bonifácio, Isabel Malaquias e João Fernandes, das universidades de Aveiro e Coímbra.
Moitos
anos despois o director Richard Fleischer dirixiu o filme Barabbas (Barrabás), un clásico do cinema épico e relixioso inspirado nunha
novela do Premio Nobel sueco Pär Lagerkvist, con Anthony Quinn, Silvana Mangano, Katy Jurado, Arthur Kennedy, Jack
Palance, Ernest Borgnine e Vittorio Gassman no seu estelar elenco. Durante a rodaxe en Italia
houbo un eclipse de Sol total, o 15 de febreiro de 1961, e foi filmado
para a longametraxe. O fenómeno astronómico queda perfectamente
integrado no relato, case ao comezo, durante a crucifixión
de Cristo: o profeta morre e a luz desaparece. Unha vez máis, a astronomía acabou
facéndose sitio nun coñecido filme de ficción. Martin Pawley