sábado, 30 de agosto de 2025

Carla Simón, imaxes para un pasado

O vindeiro 5 de setembro chega ás salas comerciais do estado español o filme Romería, dirixido por Carla Simón, que formou parte en maio da selección oficial competitiva do Festival de Cannes canda Sirat de Oliver Laxe. Despois de Estiu 1993 e Alcarrás, Oso de Ouro na Berlinale de 2022, a directora catalana viaxa desta vez até Vigo para fabular sobre a memoria do pai e a nai, que faleceron cando ela era moi pequena. Un novo exercicio de autoficción que nos devolve á década dos 80, uns anos marcados pola heroína e a sida.

Romería (Foto: Quim Vives - Elástica Films)

"Cada película que fixen foi máis ficción que a anterior. En realidade todas o foron, porque ao final a vida é ben interesante, mais nela hai moitas cousas que non son cinematográficas". Nunha conversa por videoconferencia Carla Simón responde axiña e con claridade á pregunta que sempre dá voltas ao seu redor, a pegada da realidade, da súa propia experiencia biográfica, no seu cinema. Carla é Frida, a nena de Estiu 1993 que se traslada ao campo cos seus tíos após a morte da nai pola sida e ten que adaptarse a un ambiente novo mais tamén aprende a lidar coa súa dor, a tristeza dunha orfandade nunca fácil de asumir. A forma de vivir e entender o mundo que esvaece en Alcarrás relaciónase coa familia da nai adoptiva da cineasta, que até agora encontrou na súa propia vida unha fonte de inspiración, mais os seus non son filmes estritamente biográficos. "Aínda que sempre parto de emocións que coñezo, á hora de concretalas a nivel visual fican moi poucas escenas reais. En Verán... hai dúas ou tres, en Alcarrás a configuración familiar é distinta á real, así que non hai tantos episodios que eu vivise". Acontece o mesmo con Romería, que reproduce a viaxe a Galiza dunha moza de 18 anos que quere estudar cinema (Marina, a actriz Llúcia Garcia) primeiro por razóns burocráticas -debe conseguir un documento que acredite legalmente que é filla do seu pai, morto tamén de sida- mais tamén para coñecer a familia paterna e desfacer o nobelo de ocultación e segredo que cobre a memoria dos seus proxenitores. "Isto tamén é ficticio", explica, "eu non fixen esta viaxe cando tiña 18 anos. Aos 18 anos coñecín a dous dos meus tíos en Madrid, que era onde vivían na altura, e logo ao resto da familia funa coñecendo aos poucos. Tampouco é a mesma configuración familiar, todo o que ocorre nesta película en realidade está inventado e os personaxes están moi transformados. Sempre comezo con emocións que eu sentín e logo elaboro listaxes de cousas que me gustarían que estean no filme ou que talvez poden representar certos momentos que eu vivín, mais dunha maneira un pouco máis suxestiva a nivel cinematográfico".

Esas "listaxes de ideas" son unha ferramenta de traballo habitual para Carla. Son apuntamentos desordenados, "poden ser conceptos que expresen o verán, imaxes que eu imaxino na praia, frases que lle poden dicir a Marina, historias referidas aos pais, feitos que poidan expresar o amor entre os curmáns, que poidan expresar a súa curiosidade... Vou compilando eses materiais e logo a maioría dos que escribo acaban quedando fóra, mais algúns si entran finalmente. Sempre teño a sensación de que rematei o guión cando releo esta listaxe e non hai nada nela que aínda me gustaría meter" (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 30 de agosto de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón

Ningún comentario:

Publicar un comentario